XXXII

_Cómo chove mihudiño,_

_Cómo mihudiño chove;_

_Cómo chove mihudiño,_

_Pó-la banda de Laiño,_

_Pó-la banda de Lestrobe._

—

Com’ a triste branca nube

Truba ó sol qu’ inquieto aluma,

Cal ó crube y ó descrube,

Pasa, torna, volve e sube,

Enrisada branca pruma.

—

Xa dempois lonx’ espallada

Pó-los aires fuxitivos

Desteñida, sombrisada,

Nos espaços desatada

Cae brillando en rayos vivos.

—

Misteriosa regadeira

Fin’ orballo no chan pousa

Con feitiña curbadeira,

Remollando na ribeira

Frol por frol, chousa por chousa.

—

Semellando leve gasa

Que sotil ó vento move,

En frotantes ondas pasa

Refrescando canto abrasa

O qu’ ó sol ardente crobe.

—

¡Cómo chove mihudiño

Pó-las veigas de Campaña!

¡Cál s’ enxugan de camiño

Os herbales de Laiño!

¡Cóm’ á Ponte en sol se baña!

—

Para Caldas tod’ é escuro,

Ceo azul lose n’ Adina,

Trasparente, limpo e puro,

D’ Arretén no monte duro

Nube corre pelegrina.

—

Triste vay, qu’ á terra toca

Xa c’ os pes de branca neve,

Xa c’ á fina fresca boca;

Triste vay, qu’ os ceos invoca

Y á bicar ó chan s’ atreve.

—

Triste vay cando s’ abate

Vaporosa soya e muda,

Cando main’ as alas bate

Com’ un coraçón que late

Ferido por pena ruda.

—

Tal maxino á sombra triste

De mi máa, soya vagando

Nas esferas onde existe;

Qu’ ir á groria se resiste

Pó-los que quixo agardando.

—

Vexo ó souto en parda sombra

Revolvendo ó seu ramaxe,

Que por bon, do rey se nombra,

Donde fero ó vento asombra,

Roxe e estala de coraxe.

—

Y ó Palacio, serio e grave

¡Cánto en pura luz se baña!

Tal parés pesada nave

Que volver ô mar non sabe

S’ encallou na fresca braña.

—

Vexo Valga á beira hermosa

D’ un camiño todo prata,

Casta virxe candorosa,

Sentadiña en chan de rosa,

Vestidiña d’ escalrata.

—

A San Loys vexo brillando

Bañado por tintas puras,

Sol e sombras amostrando,

En reposo contemprando

Montes, auguas e verduras.

—

Y á Padrón ponliña verde,

Fada branca ô pé d’ un río,

Froita en frol d’ á qu’ eu quixerde,

Lonxe miro que se perde

Baix’ un manto de resío.

—

¡Qu’ hinchadiña branca vela

Antr’ os millos corre soa

Misteriosa pura estrela!

Dille ô vento en torno d’ ela:

«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»

—

Faille arrolo á branda ría

C’ un remanso mormuxante,

Que nâs d’ arboled’ umbría

Vaixo un toldo d’ alegría,

Ó calor d’ un sol amante.

—

¡Sol d’ Italia, sol d’ amore!...

¿Ti païsáx mellor alumas,

Ti máis rosas, máis verdore,

Mellor ceu, máis soave core

Ves d’ o golfo antr’ as espumas?

—

¡Sol d’ Italia, eu non sospiro

Por sentirte ardente rayo!

Qu’ outro sol temprado miro,

Doçemente aquí respiro

Nun perene, eterno mayo.

—

Nesta terra tal encanto

Se respira... Triste ou probe,

Rico ou farto de querbanto

¡S’ encariña nela tanto

Quen baix’ ó seu ceu se crobe!...

—

Os que son nela nacidos,

Os que son d’ ela mimados,

Lonxe d’ ela están doridos

Porque van d’ amor feridos

Por quen fóno amamantados.

—

Pó-los fillos á nay tira,

Xorda, triste, plañideira,

Xeme, chora e máis sospira,

E non para hastra qu’ os mira

Ben chegar por derradeira.

—

¡Probe nay, cánto te quero!

¡Nay tamén, ¡ay!, da nay miña!

O teu chan d’ amor prefiero,

A cant’ hay grande ou severo

En tod’ á terra xuntiña.

—

¿Cómo non, si hora estou vendo

Nun paisáx de prata e rosas,

Canto á vida foi querendo,

C’ os meus ollos remexendo

Memoriñas cariñosas?

—

¡Bosques, casa, sepulturas,

Campanarios e campanas

Con sóns vagos de doçuras,

Que despertan ¡ay! ternuras

Qu’ en jamáis podrán ser vanas!

—

Elas fóno as que tocaron

Cand’ os meus alí naceron;

Elas fóno as que choraron,

Elas fóno as que dobraron

Cand’ os meus avós morreron.

—

Elas fóno as qu’ alegriñas

Me chamaban mainamente

Nas douradas mañanciñas,

De mi máa c’ as cantiguiñas

Y os biquiños xuntamente.

—

Inda vex’ onde xogaba

C’ as meniñas que eu quería,

O enxidiño onde folgaba,

Os rosales que coidaba

Y á fontiña onde bebía.

—

Vexo á rúa solitaria

Qu’ en paz baña un sol sereno,

Sin que á trube man contraria,

Igual sempre, nunca varia,

Veiga llana en campo ameno.

—

E tamén vexo enloitada

D’ Arretén á casa nobre,

Dond’ á miña nay foi nada,

Cal viudiña abandonada

Que cay triste ô pe d’ un robre.

—

Alí esta sombra perdida

Vos sin son, corpo sin alma,

Amazona mal ferida

Qu’ ô sentir que perd’ á vida

Se adormece en xorda calma.

—

_Casa grande_ lle chamaban

Noutro tempo venturoso,

Cand’ os probes á improraban

E fartiños se quentaban

Ó seu lume cariñoso.

—

_Casa grande_, cando un santo

Venerable cabaleiro[2]

Con tranquilo, nobre encanto,

Vaixo os priegues d’ o seu manto

Cobexada ó perdioseiro.

[2] As virtudes verdadeiramente evanxélicas d’ este cabaleiro,

tan amado d’ os que ó conoceron, inspiráronme un libro, que non

tarderey en publicalo con ó titulo de _Historia de mi abuelo_.

Nel rindo un tributo d’ adimiración e amor á aquel cuya mayor

sabiduría consisteu sempre en facer ó ben á ollos cerrados e con

man cariñosa.

—

Cand’ os cantos ná capilla

_Da gran casa_ resoaban

Con fervor e fe sensilla,

Rico fruto d’ á semilla

Qu’ os baróns santos sembraban.

—

Hora todo silensioso

Caus’ alí medo e pavura,

Mora esprito temeroso

Nos salóns ond’ ó reposo

Fix’ un niño c’ a tristura.

—

Risas, cantos, armonía,

Brandas músicas, contento,

Festas, dansas, alegría,

Se trocou na triste e fría

Xorda vós do forte vento.

—

No gran patio as herbas crecen

Vigorosas sin coidado,

Y as silveiras que frorecen

No seu tempo fruto ofrecen

Os meniños sazonado.

—

Y antr’ aquel silencio mudo

Qu’ a trubar naide alí chega,

Antre aquel _¡xa fùn!_ tan rudo

Vése inteiro un nobre escudo

Qu’ á desir _non son_ se nega.

—

Craros timbres mostra ufano

C’ un soberbo casco airoso...

Mais detrás d’ un _son_ tan vano

Vése ó probe orgullo humano

Homillado e polvoroso.

—

Tras da calada visera

Qu’ hay uns ollos feridores

Que nos miran, se dixera,

Que nos din tod’ é quimera

Neste mundo de dolores.

—

¡_Casa grande_, triste casa!

Que d’ aquí tan soya miro

Parda, escura, triste masa,

¡_Casa grande_, pasa, pasa...

Ti xa n’ és más qu’ un sospiro!

—

Meus avós, ¡ay!, xa morreron,

Os demáis t’ abandonaron,

Os teus lustros pereceron

Y os que millor te quixeron

Tamén de ti s’ apartaron.

—

Mes tras mes, pedra tras pedra,

Ti te irás desmoronando,

Ceñida por sintas d’ edra,

Mentras qu’ outra forte medra,

Qu’ así o mundo vay rolando.

—

—

¡Mais qué lus, qué colorido,

Nos espaços se dilata!

Luce ó sol descolorido

Y arco d’ iris xa nacido

Longa sinta se desata.

—

_Cómo chove mihudiño,_

_Cómo mihudiño chove;_

_Cómo chove mihudiño,_

_Pó-la banda de Laiño,_

_Pó-la banda de Lestrobe._

Cantares gallegos · 第 104 / 116 题