II

¿Qué di á meiguiña,

Qué di á traidora?

Coraçón qu’ enloitado te crubes,

C’ os negros desprezos qu’ á falsa che dona,

¿Por qué vives sofrindo por ela?

¿Por qué, namorado, de pena saloucas?

S’ ela é bonita,

Ela é traidora.

Di con mengua de min que non sabe,

Qu’ airiños me viran veleta mal posta...

Que ch’ ó digan, rapaza, os teus ollos,

Qu’ agora me chaman, dempois me desbotan.

Qu’ anqu’ és bonita,

Eres traidora.

S’ unhas veces amante che falo,

E s’ outras renego de ti..., ¡pecadora!

¿Cáles auguas repousan serenas,

S’ ó vento qu’ as manda rebole antr’ as ondas?

E ti ben sabes

Qu’ és revoltosa.

Son canciño de cego en quererte...

Tal bulra merece quen ama sin conta,

Pois c’ os zocos na man ou sin eles

As portas d’ ó inferno seguíndote fora.

Tal estou tolo,

Tal és graçiosa.

¡Que de marzo marzal teño á cara!...

Quixáis qu’ así sea, mais ti, miña xoya,

Tamén és cal rayola de marzo,

Qu’ agora descrube, qu’ agora s’ entolda.

Iguales semos,

Nena fermosa.

Cantares gallegos · 第 84 / 116 题