XXVIII

_Castellanos de Castilla,_

_Tratade ben ôs gallegos:_

_Cando van, van como rosas,_

_Cando vén, vén como negros._

--Cando foi iba sorrindo,

Cando veu, viña morrendo

A luciña d’os meus ollos,

O amantiño do meu peito.

—

Aquel, máis que neve branco,

Aquel de doçuras cheyo,

Aquel por quen eu vivía

E sin quen vivir non quero.

—

Foi á Castilla por pan,

E saramagos lle deron;

Déronlle fel por bebida,

Peniñas por alimento.

—

Déronlle, en fin, canto amargo

Tén â vida no seu seo...

¡Castellanos, castellanos!

Tendes coraçón de ferro.

—

¡Ay!, no meu coraçonciño

Xa non pode haber contento,

Qu’ está de dolor ferido,

Qu’ está de loito cuberto.

—

Morreu aquel qu’ eu quería,

E para min n’ hay consuelo:

Sólo hay para min, Castilla,

A mala ley que che teño.

—

Premita Dios, castellanos,

Castellanos que aborreço,

Qu’ antes os gallegos morran

Qu’ ir á pedirvos sustento.

—

Pois tan mal coraçón tendes,

Secos fillos do deserto,

Que si amargo pan vos ganan,

Dádesllo envolto en veneno.

—

Aló van, mal pocadiños,

Todos d’ esperanzas cheyos,

E volven, ¡ay!, sin ventura,

Con un caudal de despreços.

—

Van probes e tornan probes,

Van sans e tornan enfermos,

Qu’ anqu’ eles son como rosas,

Tratádelos como negros.

—

¡Castellanos de Castilla,

Tendes coraçón d’ aceiro,

Alma como as penas dura,

E sin entrañas o peito!

—

En trós de palla sentados,

Sin fundamentos, soberbos,

Pensás qu’ os nosos filliños

Para servirvos naceron.

—

E nunca tan torpe idea,

Tan criminal pensamento

Coupo en máis fatuas cabezas

Ni en máis fatuos sentimentos.

—

Que Castilla e castellanos,

Todos nun montón a eito,

Non valen o que unha herbiña

D’ estes nosos campos frescos.

—

Sólo peçoñosas charcas

Detidas no ardente suelo

Tés Castilla, que humedezan

Esos teos labios sedentos.

—

Que o mar deixoute olvidada

E lonxe de ti correron

As brandas auguas que traen

De prantas cen semilleiros.

—

Nin arbres que che den sombra,

Nin sombra que preste alento...

Llanura e sempre llanura,

Deserto e sempre deserto...

—

Esto che tocou, coitada,

Por herencia no universo,

¡Miserable fanfarrona!...

Triste herencia foi por certo.

—

En verdad non hay, Castilla,

Nada como ti tan feyo,

Qu’ ainda mellor que Castilla

Valera decir inferno.

—

¿Por qué aló foches, meu ben?

¡Nunca tal houberas feito!

¡Trocar campiños frolidos

Por tristes campos sin rego!

—

Trocar tan caras fontiñas,

Ríos tan murmuradeiros

Por seco polvo, que nunca

Mollan as bágoas do ceo.

—

Mas ¡ay!, d’ onde a min te foches

Sin dor do meu sentimento,

Y aló á vida che quitaron,

Aló a mortiña che deron.

—

Morreches, meu quiridiño,

E para min n’ hay consuelo,

Que ond’ antes te vía, agora

Xa sólo unha tomba vexo.

—

Triste com’ á mesma noite,

Farto de dolor o peito,

Pídolle á Dios que me mate,

Porque xa vivir non quero.

—

Mais en tanto no me mata,

Castellanos qu’ aborreço,

Hei, para vergonza vosa,

Héivos de cantar xemendo:

_¡Castellanos de Castilla,_

_Tratade ben ôs gallegos:_

_Cando van, van como rosas,_

_Cando vén, vén como negros!_

Cantares gallegos · 第 85 / 116 题