II

Pasan n’ aquesta vida

Cousiñas tan extrañas,

Tan raros feitos vense

Neste mundo de trampa;

Tantos milagres vellos,

Tan novas insinanzas,

E tan rovoltos allos

Con nome d’ ensaladas,

_Que non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

E qu’ algo deprendera,

Triste de min, coidaba;

E qu’ á esperencia neta

Ninguén m’ iba en puxanza

Por ter na frent’ enrugas

E ter caniñas brancas,

Cando hay hoxe uns mociños

Mesmo dende que maman,

_Que non che digo nada..._

_¡Pero vaya_!

Xa non che val, Farruco,

Que vivas en compaña

Dos anos pensadores

Nin da esperencia calva,

Nin qu’ ollo alerta vivas

Com’ á cordura manda,

Que donde menos penses

Tamaña lebre salta.

_Que non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Xa sendo noit’ escura

Dinche qu’ é noite crara;

Xa estand’ ó mar sereno

Che din que fay borrasca,

E tanto te confunden

E tanto te acobardan,

Qu’ anque falar quixeras

Tal coma Dios che manda,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Si eres francés, meu vello,

Si eres da lonxe Australia,

Si aló do sol baixaches

Ou das estrelas pálidas,

Con seria gravedade

Quisáis che preguntaran,

E ti pasmado todo,

Calado mormuraras:

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Por eso, meu velliño,

Si d’ estudiar non tratas

A cencia d’ estos tempos,

Qu’ é com’ el augua crara,

Anque c’ á parromeira

Tamén ten comparanza,

Que nesto á cencia estriba,

Y en ter distintas caras,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Sin entender un ele

Verás que ben s’ amañan

Honrados e sin honra,

Rameiras e beatas;

Verás cómo s’ axuntan,

Verás cómo se tratan,

Mentras que ti marmuras

C’ á lengua d’ unha coarta.

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Verás cor de sireixa

Quen foy cor d’ esmeralda,

Y aqueles tan azues

Que sangre azul manaban,

Manar sangre bermella

Pó-la moderna usanza,

Y esto con tal chistura

E con fachenda tanta,

_Que non che digo nada..._

_¡Pero vaya_!

Verás qué revolturas,

Qué ricas contradanzas,

Qué gaitas con salterio,

Qué pífanos con arpas,

Qué dengues encarnados

Con mantilliñas brancas,

Chapurra que chapurra

En confusión tan várea.

_Que non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Ti pensarás qu’ aquesto

É tod’ unha antroidada,

Qu’ aquí un levita sobra

Y unha chaqueta falta;

Qu’ alí se comen lebres

En vez de calabazas,

E tocan frautas donde

Deben tocar campanas...

_Mais non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Deprende, meu velliño,

A cencia ben amada,

Que saibamente insina

Tan rica misturanza,

Si queres ser sabido

En cousas tan extrañas,

Pois antre tantas nobas

As costumiñas rancias...

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Cantares gallegos · 第 37 / 116 题