XXI

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

I

Pasan n’aquesta vida

Cousiñas tan extrañas,

Tan raros feitos vense

Neste mundo de trampa;

Tantos milagres vellos

Tan novas insinanzas,

E tan reboltos allos

Con nome d’ensaladas,

_Que non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Meniña, ven vestida;

Meniña, ven calzada,

Que ten roupa de cote,

Que ten roupa de garda;

Meniña, que ben folga,

Meniña, qu’ anda maja,

Y é probe, malpocado,

Com’ unha triste araña...

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Véxote aló antr’ os millos,

Véxote aló nas brañas,

Xa no pinar espeso,

Xa na beiriña mansa

Do río que correndo

Vay antr’ as verdes canas,

E xuras qu’ estás soya,

Que naide t’ acompaña...

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Casada, casadiña,

Que gustas ser falada,

Que bailas c’ as solteiras

Nás festas e ruadas,

Que tes ná boca á risa

E que c’ os ollos falas,

E que á ó falar con eles

Parece que che saltan,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Cando mirar te miro

Tan limpa e tan peinada,

Loitar c’ os rapaciños

Hastra qu’ en ti se fartan,

E vas dimpois xurando

Qu’ eres muller sin chata,

E dís qu’ ás máis non teñen

Contigo comparanza,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

E ti, Rosa, Rosiña,

Modesta e recatada,

Que falas tan mainiño,

Que tan mainiño andas,

Qu’ os pes d’ os homes miras

Para non verlle á cara,

E fás que non entendes

Cando d’ amor che falan,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Vas pó-la mañanciña

A misa c’ as beatas

Dempois... (por qué, ti ó sabes)

De xunta d’ elas largas;

E si ná corredoira

Xunto da verde parra,

Non sey con que xentiña,

Páraste ou non te paras,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

E ti, rapás garrido

De tan melosas falas,

Tan majo de monteira,

Tan rico de polainas,

Tan fino de calzado

Como de mans fidalgas,

Cando me dis que gustas

De traballar na braña,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Ti falarás d’ amores

Cousiñas ben faladas;

Ti loitarás c’ as nenas

Como ningún loitara;

Ti beberás do mosto

Hasta quedar sin fala;

Pero cós teus sudores

Mollar á terra ingrata...

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Mais tantas cousas vexo

Que me parecen trampa;

Tanto sol entre nubes,

E tan revoltas auguas

Qu’ asemellarse intentan

A unha fontiña crara,

Que por non perder tempo

Donde non quito racha,

_Non che digo nada..._

_¡Pero vaya!_

Cantares gallegos · 第 36 / 116 题