_Nosa Señora da Barca_
_Ten ó tellado de pedra;_
_Ben ó pudera ter d’ ouro_
_Miña Virxen, si quixera._
I
¡Cánta xente..., cánta xente
Por campiñas e por veigas!
¡Cánta pó-lo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!
¡Qué lanchas tan ben portadas
Con aparellos de festa!
¡Qué botes tan feituquiños,
Con tan feituquiñas velas!
Todos cargadiños veñen
De xentiña forasteira,
E de rapazas bonitas
Cura de todas las penas.
¡Cántos dengues encarnados!
¡Cántas sintas amarelas!
¡Cántas cofias pranchadiñas
Dende lonxe relumbrean,
Cal si fosen neve pura,
Cal froles da primaveira!
¡Cánta maxesa nos homes,
Cánta brancura nas nenas!
Y eles semellan gallardos
Pinos qu’ os montes ourean,
Y elas cogolliños novos
C’ orballo da mañán fresca.
As de Muros, tan finiñas,
Qu’ un coidara que se creban,
C’ aquelas caras de virxe
C’ aqueles ollos de almendra,
C’ aqueles cabelos longos
Xuntados en longas trenzas,
C’ aqueles cores rousados,
Cal si á aurora llos puñera,
Pois así son de soaves
Com’ aurora que comenza;
Descendentes das airosas
Fillas de pagana Grecia,
Elas de negro se visten,
Delgadiñas e lixeiras,
Refaixo e mantelo negro,
Zapato e media de seda,
Negra chaqueta de raso,
Mantilla da mesma peza,
Con terciopelo adornado,
Cánto enriva de sí levan;
Filas de reinas parecen,
Griegas estatuas semellan,
Si á un rayo de sol poñente
Repousadas se contempran;
Ricos panos de Manila,
Brancos e cor de sireixa,
Crúzanse sobre ó seu seyo
Con pudorosa modestia;
E por antr’ eles relosen,
Como brillantes estrelas,
Aderesos e collares
De diamantes e de pelras,
Pendentes de filigrana
E pechuguiñas de cera.
As de Camariñas visten,
Cal rapaciñas gaiteiras,
Sayas de vivos colores
Pó-lo pescozo da perna,
Lucindo ó negro zapato
Enriva de branca media.
Chambras feitas de mil rayas
Azuladas e bermellas,
Con guarniciós que lles caen
Sobr’ á rumbosa cadeira.
Para tocar ó pandeiro,
Non hay coma tales nenas,
Que son as Camariñanas
Feitas de sal e canela.
As de Cé, ¡Virxe do Carme!,
¡Qué cariñas tan ben feitas!
Cando están coloradiñas
No ruxe-ruxe da festa;
Cada mirar dos seus ollos
Fire como cen saetas;
Nin hay mans tan ben cortadas,
Tan branquiñas e pequenas,
Com’ as qu’ amostran finxindo
Que non queren que llas vexan.
Son as de Laxe unhas mozas,
¡Vaya unhas mozas aquelas!
Sólo con velas de lonxe,
Quitaselles á monteira;
Porque son vivas de xenio
Anque son rapazas netas.
Bailadoras..., n’ hay ningunhas
Que con elas se entrometan,
Pois por bailar, bailarían
No cribo d’ unha peneira;
Mais en tocando á que recen,
En rezar son as pirmeiras...
Dan ó mund’ ó qu’ é do mundo,
Dan á ygrexa ó qu’ é da ygrexa.
As de Noya, ven s’ axuntan
C’ as graciosas Rianxeiras,
Pó-los redondos peïños,
Pó-las cabeleiras crechas
Pó-los morenos lunares,
E pó-las agudas lenguas,
Qu’ abofé qu’ en todo pican
Como si fosen pementa.
Veñen dempois recatadas,
Anqu’ un pouquiño soberbias
Por aquelo qu’ elas saben
D’ antigüedad, e nobresa
(Pois por acá todos somos
Tal coma Dios nos fixera),
As meniñas ben compostas
D’ unha vila quisquilleira,
Que por onde van parece
Que van dicindo: «¡Canela!
¿Prantamos ou non prantamos
A cantas hay n’ esta terra?»
Mais si prantan ou non prantan,
Non son eu quen ó dixera,
Que fora pouca cordura,
Que fora farta llanesa.
Baste desir que xuntiñas
Todas na porta da ygrexa
Máis bonitas parecían
Qu’ un ramiño de asucenas;
Máis frescas qu’ unha leituga,
Máis sabrosiñas que fresas.
Xa que fosen de Rianxo,
Que fosen de Redondela,
De Camariñas ou Laxe,
De Laxe ou de Pontareas,
Todas eran tan bonitas,
Todas tan bonitas eran,
Qu’ o de máis duras entrañas
Der’ as entrañas por elas...
Por eso se derretían,
Cal si foran de manteiga,
Diante delas os rapaces,
Os rapaciños da festa,
Os mariñeiros do mare,
Que dond’ á Virxen viñeran,
Por qu’ á Virxen os salvara
De naufragar na tormenta.
Mais si salvaron no mare,
Non se salvarán na terra;
Mariñeiros, mariñeiros,
Qu’ aquí tamén hay tormentas
Qu’ afogan corasonciños
Sin que lle vallan ofertas,
Qu’ oye á Virxe os que s’ afogan
Do mar antr’ as ondas feras,
Mas non oye os namorados,
Que d’ afogarse s’ alegran.