Ramo de froles parece,
Muxía á das altas penas
Con tanta rosa espallada
N’ aquella branca ribeira,
Con tanto carabeliño
Que relose antr’ as areas,
Con tanta xente que corre
Que corr’ e se sarandea
O son das gaitas que tocan
E das bombas que reventan;
Uns que venden limoada,
Outros augua que refresca,
Aqueles dulces resolio
Con rosquilliñas d’ almendra,
Os de máis alá sandías
Con sabrosas sirigüelas,
Mentras tanto qu’ algún cego
O son d’ alegre pandeira,
Toc’ un carto de guitarra
Para que bailen as nenas.
¡Bendita á Virxe da Barca,
Bendita por sempre sea!
¡Miña Virxen milagrosa,
En que tantos se recrean!
Todos van por visitala,
Todos alí van por vela
Na sua barca dourada,
Na sua barca pequena,
Dond’ están dous anxeliños,
Dous anxeliños que reman.
Alí chegou milagrosa
Nunha embarcaçón de pedra,
Alí, porque Dios ó quixo,
Sempre adoradores teña.
A pedra vala que vala,
Sírvelle de centinela,
E mentras dormen os homes,
El’ adoraçón lle presta
Con aquel son campanudo
Qu’ escoitar lonxe se deixa,
E á quen ó mar con bramidos
Humildosos lle contesta.
Cando as campanas repican
E á música retumbea,
Cal nun ceo, pó-las naves
Da recollidiña ygrexa,
Cand’ os foguetes estalan
Nos aires, e voces frescas
Pó-lo espaço, c’ as gaitiñas
E c’ os tambores se mescran,
Estonces a pedra vala
Tan alegr’ e tan contenta,
Qu’ anqu’ un cento de presoas
Brinca e salta enriva dela,
Coma si fose mociña,
Máis que unha pruma lixeira,
Alegre com’ unhas pascuas
Salta e rebrinca con elas.
Choven estonces presentes,
Choven estonces ofertas,
Que lle traen os romeiros
En feitiñas carabelas,
Diante da Virxe bendita,
Os pes da sagrada Reina,
E por eso alí lle cantan
Cando se despiden d’ ela:
_Nosa Señora da Barca_
_Ten ó tellado de pedra;_
_Ben ó pudera ter d’ ouro_
_Miña Virxe, si quixera._