Cruceiro de Ramirez que t’ergues solitario

D’os Agros n’a espranada, antr’as rosas d’os campos,

O sol d’a tarde pousa en tí o postreiro rayo

Coma n’un alma triste, pousa un soño dourado.

Algun-ha vez n’o estio, eu ô teu pé sentada

Escoito silenciosa, mentras a tarde acaba:

Baixo d’as pedras mudas, que teu sacreto gardan

Maxino que resoa o brando son d’un arpa,

¡Música incomprensible que d’outros mundos fala!

¡Tal de Memnon s’oian ô amañecer n’a estatua,

Aqueles sons divinos que as almas encantaban!

III

Ódiote campo fresco,

C’os teus verdes valados,

C’os teus altos loureiros

Y os teus camiños brancos

Sembrados de violetas,

Cubertos d’emparrados.

Ódiovos montes soaves

Que o sol poniente aluma,

Qu’en noites mais sereas

Vin ô fulgor d’a lua,

Y ond’en mellores dias

Vaguey po-las alturas.

E tí tamén, pequeno

Rio, cal n’outro hermoso

Tamén aborrecido,

És antr’os meus recordos...

¡Porque vos amey tanto,

E porque así vos odio!

SAN LOURENZO

I

Ô mirar cal de novo n’os campos

Iban á abrochá-l-as rosas,

Dixen--¡En onde, Dios mio,

Irey á esconderm’agora!

E pensei de San Lourenzo

N’a robreda silenciosa.

N’algun tempo aquês vellos carballos

Amostrando as suas raices,

Cálva-l-as redondas copas

Que xa de musgo se visten,

Âs tristes almas falábanlles

Tan soyo de cousas tristes.

O alciprés que direito s’asoma

D’o convento tras d’o muro,

Y o lixeiro campanario

Cuberto d’herbas e musgo,

D’a devesa, c’o cruceiro

Eran cintinelas mudos.

Y aquel Cristo que n’o arco de pedra

Abatido a frent’incrina,

Soyo, cal s’inda n’o Gólgota

Loitase c’o as agonias,

Ôs corazós oprimidos

Resignacion ll’infundia.

E si dentro d’o craustro deserto

E ruinoso penetraba,

Nunca d’o olvido un-ha imaxen

Vira n’o mundo mais crara,

Nin de mais grande silencio

N’a terra vos rodeara.

N’o profundo d’a font’escondida

Medraban con libertade,

Antr’as silva-l-as violas

Antr’o buxo, as dixitales,

Y a morte ¡cal fora grata

N’aquel deserto lugare!

E por eso ô mirar cal n’os campos

De novo abrochan as rosas

Dixen--¡En onde, Dios mio,

Irey á esconderm’agora!

Y ô bosque de San Lourenzo

M’encamiñey silenciosa.

II

¿Ond’estaba o sagrado retiro?...

Percibin ruidos estraños,

Pedreiros iñan e viñan

Por aquel bosque apartado.

¡Era que un-ha man piadosa

Coidaba os desamparados!

D’un-ha ollada medin o interiore...

Todo relumbraba branco,

Cada pedra era un espello

Y o vello convento, un pazo

Coberto de lindas frores.

¡Que terrible desencanto!

¡Negra nube cubreu de repente

Os meus ollos asombrados,

E mais que nunca abatida

Fuxin!... que o retiro amado

Pareceume a alma limpa d’un monxe

Sumerxida n’os lodos mundanos.

Marzo de 1880.

V

AS VIUDAS D’OS VIVOS

E

AS VIUDAS D’OS MORTOS

¡PRA A HABANA!

I

Venderonll’os bois,

Venderonll’as vacas,

O pote d’o caldo

Y a manta d’a cama.

Venderonll’o carro

Y as leiras que tiña,

Deixarono soyo

C’o a roupa vestida.

--María, eu son mozo,

Pedir non m’é dado,

Eu vou po-lo mundo

Pra ver de ganalo.

Galicia está probe,

Y â Habana me vou...

¡Adios, adios, prendas

D’o meu corazon!

II

Cando ninguen os mira

Vénse rostros nubrados e sombrisos,

Homes qu’erran cal sombras voltexantes

Por veigas e campíos.

Un, enriva d’un cómaro,

Séntase caviloso e pensativo,

Outro, o pé d’un carballo, queda imóvil

C’o a vista levantada hácia o infinito.

Algun cabo d’a fonte resinado

Parés qu’escoita atento o murmurio

D’augua que cai, e eisala xordamente

Tristísimos sospiros.

¡Van á deixá-l-a patria!...

Forzoso, mais supremo sacrificio.

A miseria está negra en torno d’eles

¡Ay! ¡y adiant’está o abismo!...

III

O mar castiga bravamente as penas,

E contr’as bandas d’o vapor se rompen

As irritadas ondas

D’o cántabro salobre.

Chilan as gaviotas

¡Alá lonxe!... ¡moy lonxe!

N’a prácida riveira solitaria

Que convida ô descanso y ôs amores.

De humanos séres a compauta linea

Que brila ô sol, adiántase e retórcese,

Mais preto, e lentamente as curvas sigue

D’o murallon antigo d’o Parrote.

O corazon apertase d’angustia,

Óyense risas, xuramentos s’oyen,

Y as brasfemias s’axuntan c’os sospiros...

¿Onde van eses homes?

Dentro d’un mes n’o simiterio imenso

D’a Habana, ou n’os seus bosques,

Ide á ver que foy d’eles...

¡N’o etern’olvido para sempre dormen!...

¡Probes nais que os criaron,

Y as que os agardan amorosas, probes!

IV

--Animo, compañeiros,

Tod’a terra é d’os homes.

Aquel que non veu nunca mais que a propria

A iñorancia o consome.

¡Animo, á quen se muda Dio-l-o axuda!

¡E anque ora vamos de Galicia lonxe,

Verés des que tornemos

O que medrano os robres!

Mañan é o dia grande ¡â mar amigos!

¡Mañan, Dios nos acoche!

¡N’o sembrante a alegría,

N’o corazon o esforzo

Y a campana armoniosa d’a esperanza,

Lonxe, tocando á morto!

V

Este vaise y aquel vaise

E todos, todos se van,

Galicia, sin homes quedas

Que te poidan traballar.

Tes en cambio orfos e orfas

E campos de soledad,

E nais que non teñen fillos

E fillos que non tên pais.

E tês corazons que sufren

Longas ausencias mortás,

Viudas de vivos e mortos

Que ninguen consolará.

¡OLVIDEMO-L-OS MORTOS!

I

¡Profanemos d’o bosque as umbrías!...

E ante estes mudos testigos,

O rio, a fonte y os ceos,

Qu’eu rompa os xa vellos vinculos.

D’o pasado correron as horas,

Só Dios sabe antre que abismos,

¡Non tornarán... olvidemos!

Que a recordanza é un martirio.

II

Hay un niño de rosas silvestres

Cabo d’a fonte escondido,

E un prado de herba trebiña

Alfombra o arredor sombriso.

Cal un tempo, rebuldan as brisas,

N’a fronda cantan os xilgaros,

As margaridas sorrinme,

Y oyo o marmurar d’o rio.

III

Sin amar cal é negra esta vida

E perde o sol o seu brilo,

Deixa que o sorbo postreiro

Beba d’o celeste viño.

Din que dorme o privado n’o leito

Ancho d’os fondos olvidos,

Ambos pois, xuntos bebamos,

D’este bosque antr’os espiños.

IV

¡Que armonioso n’altura resoa

O zoar ronco d’os pinos!

Mais maxino que nos miran

Sereos dend’o monte arisco.

E parés que trasvexo antr’a brétema

N’as vaguedás d’o infinito

O perfil trist’e emborrado

D’os meus ensoños perdidos.

E que adustas m’axexan as sombras

Tras d’esos coutos e riscos,

D’os meus mortos adorados

E d’os meus delores vivos.

¡Mais n’importa! Da antigua devesa

Profanemos os retiros...

Séntate ô meu lado e dime,

Dime... o que tantas oiron.

V

És garrido e lanzal y os teus ollos

N’os meus coma estrelas fixos,

Dormentes, din qu’o amor n’eles

Pousa o seu dedo divino.

Eu contémprot’en tanto serea,

Dura coma os seixos frios

E d’o teu corazon conto

Os turbulentos latidos.

¡Faise a asmosfera densa ô redore...

Decote o mesmo camiño!

Coma o seu cantar os páxaros

Tés, corazon, o teu ritmo.

Mais de vagoas s’inunda o meu rostro

E d’a yalma n’o mais intimo

O hastio lento penetra

Com’espada de dous fios.

¡Ea! apártate lonxe... non quero

Profanar este retiro,

Nin pode o corazon tolo

Ser de sí mesmo asesino.

Sosegavos, ñas sombras airadas

Qu’estou morta para os vivos.

¡Sagrado quedaches, bosque!

¡Sin mancha ti, meu esprito!

¡TERRA A NOSA!

I

Baixo a prácida sombra d’os castaños

D’o noso bon pais,

Baixo aquelas frondosas carballeiras

Que fan doçe o vivir,

Cabe a figueira d’a paterna casa

Que anos conta sin fin,

¡Que contos pracenteiros... que amorosas

Falas se din alí,

Risas que s’oyen n’as serans tranquilas

D’o cariñoso Abril!

E tamén ¡que tristísimos adioses

S’acostuman oir!

II

--Quen casa ten de seu, ten media vida.

Un-has telliñas para nos crubir,

Catro paus que ardan n’a lareira nosa

¡E á traballar sin fin!

¡Valor, valor! y espera desdichado

Mentras teñas aquí

Un-has paredes tristes e desnudas

Mais qu’herdache infeliz,

E d’as que naide despoxarte pode:

¿Naide?... a miseria, sí.

III

O forno está sin pan, o lar sin leña,

Non canta o grilo alí.

E se non é c’o a pena que o consome

O probe soyo está c’o seu sofrir

Sin que comer e sin abrigo tremba,

Por que os ventos sutils

Húmedos inda, silvan antr’as pedras

Y as portas fan xemir.

¡Que ha de facer, Señor, s’o desamparo

Ten ô redor de si!...

¿Deixar a terra en que naceu y a casa,

En qu’espera ter fin?

¡Non, non! que o inverno xa pasou y hermosa

Primadera vay vir.

¡Xa os árbores abrochan n’a horta sua!

¡Xa chega o mes d’abril!

Y anque á torrentes chove en horas tristes

En outras o sol ri,

Xa a terra pode traballarse, a fame

D’os probes vay fuxir.

¡Ay! o qu’en tí naceu, Galicia hermosa,

Quere morrer en tí.

IV

¡Ou miña parra d’albariñas uvas,

Que a tua sombra me dás!

¡Ou ti sabugo de froriñas brancas

Que curas todo mal!

¡Ou ti, en fin, miña horta tan querida

E meus verdes nabals,

Xa non vos deixo que as angustias negras

Lonxe de min s’irán!

O bran chega crubindovos de fruto

Todos son ricos xa,

Os paxariños tên gran n’as campías,

Abrigo n’a follax.

As noites son tranquilas e serenas

Craro é sempre o luar,

Por antr’as tellas entran os seus rayos

Y hastra o meu leito van,

Y así durmo alumado po-la lámpara

Que ôs probes lle luz dá.

Lámpara hermosa, eternamente hermosa,

Consolo d’os mortals.

V

Esos varios sendeiros d’as montañas

Ôs fondos vales cân...

Aló enriva o _sun sun_ d’os pinos bravos,

En baixo a doçe paz.

N’a cima crara luz, aires purísimos,

Salvaxen soledá,

Romores misteriosos que despertan

Pensamentos de brava libertás.

Perfumes penetrantes, que deseyos

Loucos e estraños dan,

En baixo, amante calma, cariñosas

Brisas que ô rebuldar

Por antr’as follas, n’as sus alas traen

Romores da siudád,

Eco d’algun-ha voz fresca e sonora

De timbre virxinal.

D’a campana d’aldea o cramoroso,

Prolongado soar,

D’a presa d’o mohiño o ronco estrondo,

Y o batidor compás,

D’a lavandeira que c’os brancos liños

Contra un-ha pedra dá.

VI

¡Si, si! Dios fixo esta encantada terra

Pra vivir e gozar,

Pequeno paraiso, est’é un remedo

D’o que perdeu Adan.

Este prácido sol que nos aluma,

Estes aires d’o mar,

Este tempo soave, estas campías

Que non teñen igual,

Esta fala mimosa que nós temos

De tan doçe solás

Que non sabe decir si non cariños

Que hastr’os corazós van,

Esta terra, n’hay duda... Dió-l-a fixo

Pra ser amada e amar.

¡Ey, Galicia a que dorme soños d’anxel,

E chora ô despertar,

Vagoas que si consolan as suas penas,

Non curan os seus mals!

VII

¡Que t’aman os teus fillos!... ¡Que os consome,

D’o teu chan s’apartar!...

Que ximen sin consolo, s’á outras terras

De lonxe, á morar van.

Que aló está o corpo n’as rexiós alleas

Y o esprito sempre acá,

Que só viven, só alentan c’as lembranzas

D’o seu pais natal.

E c’o a esperanza, c’o a esperanza ardente

D’á Galicia tornar...

E ¡como n’adorarte d’este modo

Santa e querida nay,

Como non morrer lonxe d’aquel seyo

Que mel de meles dá,

Y é groria y é contento e paraiso

N’o mundo terreal!

VIII

¡Que hermosa te dou Dios, terra querida,

Desdichada beldá!

¡Que brando e melancolico sosego

Sinto ô te contemprar!

¿Porque, porque antr’as frores as espiñas

Entretexidas van,

N’esa coroa que a tua testa ciñe

De verdor eternal?

¡Ou Galicia, Galicia! a arpa sonora

Pronto descolga xa

D’a seca pónla ond’olvidada dorme,

Dorme, á sigros contar.

Os bardos fillos teus a voz levanten

D’as cordas ô compás,

Y enchan ô mundo armónicas y altivas

Tan só pra t’alabar.

* * *

Tecin soya a miña tea,

Sembrey soya o meu nabal,

Soya vou por leña ô monte,

Soya a vexo arder n’o lar.

Nin n’a fonte nin n’o prado

Así morra c’o a carráx

El non ha de virm’ á erguer,

El xa non me pousará.

¡Que tristeza! o vento soa,

Canta o grilo ô seu compás...

Ferve o pote... mais, meu caldo,

Soiña t’hey de cear.

Cala rula, os teus arrulos

Ganas de morrer me dan,

Cala, grilo, que si cantas

Sinto negras soïdás.

O meu homiño perdeuse,

Ninguen sabe en onde vay...

Anduriña que pasache

Con él as ondas d’o mar,

Anduriña, voa, voa,

Ven e dime en ond’está.

* * *

Os manantiales sécanse,

Ôs robres cáenll’as follas,

Pero a tua yalma é plena primadera,

Non veu mais que un-ha aurora.

E en vano oyes d’o mundo,

En vano oyes d’a vida...

N’apagará a tua sede o que outros beben

N’as auguas maldecidas.

Mais cando chegue a tarde d’o teu dia

E chegue o teu outono,

Ven hastr’a miña tomba paseniño,

E deposita n’ela os teus remorsos.

DOR ALLEO N’É MEU DOR

Uns magoan querendo consolare,

Outros o dedo afincannos n’a llaga,

Mais o peor de todos é o traidore

Que repite ô ferirnos.--¡Todo pasa!

Y a concencia tranquila,

Déixanos tan dichoso e tan sereno,

Entregados á un dor que se non mata

Fay d’a vida un inferno.

Mais s’o trance lle chega

D’o mesmo que magoa, ser magoado,

Di qu’eterno cal Dios é seu penare

E pon n’o ceo, o lastimeiro layo.

* * *

--¡Como venden a carne n’o mercado

Vendeut’o xurafás!

--¡Pero que importa ô fin que me vendese;

S’eu n’o podo olvidar!

--Matoute á penas, sin piedá, e deixoute,

Deixoute o desleal.

--Pois olvidada morrerey e triste

Que olvidalo... ¡non xa!

--Cal se pisan as herbas él pisoute...

¡Odiate!... ¿e n’o odiarás?

--Anque m’odie, e me pise, e me maldiza,

Eyllo de perdoar.

--¡Mal haya a tua constancia, probe tola,

Y a tua lealtad!

Mais anque tí o perdones, Dios qu’é xusto

N’o pode perdoar.

(_Un incredulo aparte,_

_Sorrindo c’un sorrir de Satanas_)

--Fiádevos en Dios e non corrades

¡Dios! ¿quen sabe s’o hay?

(_Un-ha vella que pasa_)--Aquel que as fixo

Eu sey que tarde ou cedo as pagará.

(_Outro_)--Âs escuras vamos,

Sen que sepa ninguen pra donde vay.

Pero, cobre n’a man o que poidere

Mais val ter en seguro qu’esperar.

(_Un bon_)--Hay tantos homes

Como intenciós e pensamentos hay.

Pero dichos’ aquel que inda morrendo

Ô que o matou lle pode perdoar.

* * *

Foy a Pascoa enxoita,

Choveu en San Xoan,

Á Galicia a fame

Logo chegará.

Con malenconía,

Miran para o mar,

Os que n’outras terras

Tên que buscar pan.

* * *

Non coidarey xa os rosales

Que teño seus, nin os pombos,

Que sequen, com’eu me seco,

Que morran, com’eu me morro.

* * *

Eu levo un-ha pena

Gardada n’o peito,

Eu levoa, e non sabe

Ninguen por que a levo.

Orelas vizosas

D’o Miño sereno,

Onde o paxariño

Ten o seu espello,

Y antr’as margaridas

Pacen os cordeiros,

Vos soyas sabedes

O meu sentimiento.

Cabo d’un-ha pena

Onde mana un rego

 sombra d’un pino

Manso e xigantesco

Que soberbo brama

Cand’o move o vento,

Coma n’un sepulcro

Dorme o meu sacreto.

Mais, anque alí dorme

Viv’en min desperto.

Eu levo un-ha pena

Gardada n’o peito

Tamaña, tamaña,

Bon Dios que n’a rexo.

¡Quen me dera, orelas

D’o Miño sereno,

Ser un d’aqués cómaros

Qu’en vos tên asento!

Sin medo e sin penas,

De bran e d’inverno

Un sigro tras d’outro

Morara ond’eu quero...

C’a veiga por paço

C’o espazo por teito.

* * *

Meus pensamentos cal voás tolos...

¿Á donde vâs?

¿Á donde? á donde, s’eu no-no digo,

Naid’o sabrá.

D’a fonte ô rio, d’o rio â veiga,

D’a veiga ô mar,

¿Que buscás tolos?... s’eu no-no digo,

Naid’o sabrá.

Meus pensamentos... ¿porque perenes

M’atormentás?

¿Por qu’îs decote ¡ay! s’á donde ides

Naid’o sabrá?

Cal palomiña buscás a llama

Que vos queimar...

Y a triste morte que vos teredes

Naid’a sabrá.

VIVIR PARA VER

Marcháchet’un dia

Ti, aquel qu’eu queria,

Fuxiste d’a terra

Que tant’alegría

Y encantos encerra.

Dixeches--María,

Mais doçe que as meles,

Mais linda que as frores,

Paloma sin feles,

Non chores, non chores,

Que ausencia envivece,

Non mata, n’esquece,

Os doçes amores,

Que a dicha axuntou.

¡Eu voume!... mais s’ora

Delor nos ofrece

Fertuna treidora,

Jamás t’olvidara

Quen tanto t’adora

Quen tanto t’amara.

¡Adios miña vida!

N’o peito escondida

Te levo, antre tanto

Non torno á te ver.

¡Ti espera! pois xuro

Por Dios sacrosanto,

Que si non morrer,

Aquí ey de volver.

Morrer, non morreche...

Y anqu’eu esperara...

¡Que ben que compriche,

Palabra que diche!

¡Amor que tibeche!

Que os anos pasaron,

As frores mucharon,

Os negros cabelos

En brancos tornaron,

E nunca mais, nunca

¡Poder d’un querer!

Quixeches volver...

_Vivir para ver._

N’É DE MORTE

--¿Xa estás de volta, Rosa d’Anido?

¡Eu non coidara verte tan cedo!

Y as meigas todas contigo, Rosa,

Aló n’a vila seica andiveron,

Que de difunto tès a colore

Y a vista brava, y o falar seco.

--É que de pena, d’a terra lonxe

Pouquiño á pouco m’iba morrendo,

Mais... colorosa, me verás logo

Que agora vivo, porque te vexo.

--¡Tola de Rosa, c’o qu’ela saye!...

¿Inda t’acordas d’aqueles tempos?

--¡S’inda m’acordo!... ¿com’olvidalos

Cando tan soyo sey pensar n’eso?

Bebemos xuntos, n’aquela fonte,

Xuntos pousamos n’aquel portelo,

Herba collemos xuntos n’o prado

E íbamos xuntos tomá-l-o fresco

N’o mes d’agosto dendes que a lua

Branca saia tras d’os outeiros.

Estas lembranzas me consumian,

De tí apartada, d’a terra lexos...

Pero e tí, dime, ¿non t’acordaches

E non t’acordas de todo aquelo?

--¡Ti que me pides, rapaza, cando

Desmemoriado son com’un deño!

Y ademais, Rosa, direicho todo,

Pra que non volvas á pensar n’esto.

Bebin con outras n’aquela fonte,

Pousey con outras n’aquel portelo,

¡Ay, e con tantas â luz d’a lua,

N’o mes d’agosto tomey o fresco!...

Dime meniña s’un home pode

Cargar con tantos recordos d’estos,

E si non debe votalos fora

Por que n’estorben n’o pensamento.

Quíxente un dia, quíxente Rosa,

Mais di un-ha copra, que o amor y o vento

Des que fixeron o seu facido,

Vánse rapaza como viñeron.

¡E que lle vamos á facer, Rosa,

S’aquestas cousas non tên remedio!

Adios, pr’ Habana domingo embarco,

Y anqu’ora chores, non teñas medo,

Que mal d’amores n’é mal de morte,

Y ô fin y ô cabo pasa c’o tempo.

* * *

¡Querom’ire, querom’ire!

Para donde no-no sey.

Cégam’os ollos a brétema

¿Para dond’ey de coller?

N’acougo c’un-ha inquietude

Que non me deixa vivir,

Quero e non sey o que quero

Qu’é todo igual para min.

Querom’ire, querom’ire,

Din alguns que á morrer van;

¡Ay! queren fuxir d’a morte,

¡Y a morte con eles vay!

* * *

O meu olido mais puro

Dérache s’eu fora rosa,

O meu marmurio mais brando

S’é que d’o mar fora onda.

O bico mais amoroso

Se fose rayo d’aurora,

Si Dios... mais ben sey que tí

Non qués de min, nin a groria.

* * *

--Medico, doill’a cabeza...

Zuruxan, doill’un-ha man,

Mais s’é c’o esprito lle doy

¿Que menciña lle darás?

--Para infirmidás d’as almas

N’a terra cura non hay,

Pídelle á Dios que cha leve;

Quizas n’o ceu sandará.

* * *

--Anque me des viño d’o Riveiro d’Avia,

Todo-l-os almibres, e toda-l-as viandas,

D’as que os reises comen e no mundo haxa,

Ña madre querida, non sey que me falta.

Anque me trayades com’un santo en palmas,

E que me poñades de toda-l-as galas,

E que me levedes â corte de España,

Ña madre querida, non sey que me falta.

E anque me des ouro, e anque me des prata

Diamantes e alxofres, pelras e esmeraldas

E canto hay n’o mundo, non me dades nada,

Por que, ña madriña, non sey que me falta.

D’a esperanza hermosa cortaronm’as alas

E n’hay alegría si n’hay esperanza.

* * *

Dend’aquí vexo un camiño

Que non sey á donde vay,

Po-lo mismo que n’o sey

Quixera o poder andar.

Istreitiño sarpentea

Antre prados e nabals

Y and’o feito, aquí escondido,

Relumbrando mais alá.

Mais sempre, sempre tentándome

C’o seu lindo crarear,

Qu’eu penso, non sey por que,

N’as vilas que correrá,

N’os carballos que o sombrean,

N’as fontes que o regarán.

Camiño, camiño branco

Non sey para dónde vas,

Mais cada vez que te vexo

Quixera podert’andar.

Xa collas para Santiago,

Xa collas para o Portal,

Xa en San Andrés te deteñas,

Xa chegues á San Cidrán,

Xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe

En dónde? ¡qué mais me dá!

Que ojallá en tí me perdera

Pra nunca mais m’atopar...

Mais ti vas indo, vas indo,

Sempre para donde vas,

Y eu quedo encravada en onde

Arraigo ten o meu mal.

Nin fuxo, non, que aunque fuxa,

D’un lugar á outro lugar,

De min mesma, naide, naide,

Naide me libertará.

N’O CRAUSTRO

Dábanse bico-l-as pombas,

Voaban as anduriñas,

Xogaba o vento c’o as herbas

Pobradas de margaridas,

Y as lavandeiras cantaban

Mentra-l-a fonte corria.

Fórons’indo un-ha tras d’outra,

Y alí se quedou soiña,

C’a triste frente incrinada

Cabe un-ha arcada sombrisa...

Estonces non sey qué sombras

Quizais de memorias vivas,

Quizais d’os frades difuntos,

Pasar en procesion mística

Veu, n’aquelas soledades,

Que amaba canto temia.

Tembrou d’angustia e de pena

E con amarga sorrisa,

Mirando o xasmín sin follas

Qu’iban á brotar axiña,

Marmurou mentras d’os ollos

As bagullas lle caian:

«Todo volve, todo torna,

Menos o ben qu’eu queria:

Todo, todo aquí se queda

Eu soya vou de fuxida.

Non ey de vervos mais, frores,

Adorno d’esas cornisas,

Nin á oir os teus marmurios

Fonte que á gozar convidas,

Nin á contemprarvos, pedras,

Testigos d’a pena miña;

Outros virán profanarvos,

Mentras eu morro esquencida.»

Sonaron pasos n’as bóvedas,

Soprou un-ha forte brisa,

Oyeuse un-ha carcaxada

Cal si d’o inferno saira:

Era o trasno d’o convento,

Que recordand’outros dias,

Ríase d’as ansias negras

E d’a orfandá d’a meniña.

* * *

¡Cómo lle doy a yalma,

Pero, canto lle doy!

De dia nin de noite

Non para c’a delor.

¡Señor, vó-la fixeche,

Señor, curaina vos!

Y o corazon ferido,

Tamen ¡canto lle doy!

Y eu ben sey que non pode

Sandar d’o corazon.

¡Señor, daille descanso

N’a terra que a criou,

Que o polvo torne ô polvo,

Y o esprito, ô ceu, bon Dios!

* * *

Ô sol fun quentarme

Doum’escallofrios,

Cal s’o Norte bravo

M’arrastrase arisco.

Sentin un-ha gaita

D’alegre sonido,

Y os cabelos todos

Puñéronsem’hirtos;

E tembrey cal tembra

N’a beira d’o rio,

Herba que a corrente

Toca c’os seus limos.

Miñ’alma dorida,

Meu corpo inxeliño,

Faivos mal a gaita,

Davos o sol frio.

Miñ’alma, meu corpo,

Se non é feitizo,

É que a morte querme

Para o seu enxido.

* * *

Sempre po-la mort’esperas,

Mais a morte nunca ven;

¡Coitado! ¿pensas que as penas

Poden matar d’un-ha vez?

Nunca que son coma o ético,

Tras de roer e roer,

Só deixan un corpo cando

Xa non tên que comer n’el.

Cando a yaugua d’as penas

Se reverte n’a copa sin medida,

Soyo é remedio a morte

Para curar d’a vida.

¿QUÉ LLE DIGO?

--Eu volvo par’a terra,

Á tua muller Antona, ¿qué lle digo?

--Pois, pra non meter guerra,

Por que non veñan á petar conmigo,

Olvidarás que foches meu testigo.

Ô demais... boy â libertade adoito...

Xa sabes o refran, meu compañeiro,

A libertá primeiro,

E mellor que alá bróa, é aquí bizcoito.

--Mais val aquí, coma quen di solteiro,

Que casado e con fillos

Andar alá, sudando aqueles millos...

¡Entendo, compañeiro!

--Que como poida se goberne Antona,

E anque d’ela me doyo,

Como de lonxe nada sey nin oyo...

Quen non sabe, nin ve... sempre perdona.

Cando xa vello sea,

Tornarey c’os meus ósos para a aldea,

Que algo ll’ey de levar â terra nosa:

Mais mentras mozo son, non pode sere

Por que s’é por mullere,

S’é que Antona está alá, teño aquí á Rosa.

--Esa ch’é a nay d’o año

Bon Anton de Riaño,

Pero en verdad che digo

Que as mulleres son toda-l-o enemigo,

E xa qu’esto así o sea,

Antr’a nosa y a allea

Mais ou menos graciosa,

Pois... muller por muller, val mais a nosa.

--A nosa é a que nos quer e nós queremos

Que si falta o cariño

Coidando que un-ha pomba tés n’o niño

Un-ha cróbega tés, filla d’os demos.

--Â cróbega a cabeza se ll’esmaga

E c’o a sua vida paga.

¿Mais d’Antona a pacencia,

Con que lle paga, dime, a tua concencia?

¿Que cura d’o seu dor á fonda llaga?

--Deixate de concencias e delores

Que non teñen lugare

Tratando de mulleres e d’amores.

Qu’ela vexa, se quer, de se curare:

E cóntalle que cando eu o tibere

Xa lle darey con que se precurare,

Y agora, ¡adios! ¡hastra que Dios quixere!

* * *

Follas Novas: Versos en Gallego · 第 6 / 7 段