Vos pois, os que naceches, n’a orela d’outros mares,

Que vos quentás â llama de vivos lumiares,

E só vivir vos compre, baix’un ardente sol;

Calá se n’entendedes encantos d’estos lares,

Cal n’entendend’os vosos, tamen calamos nos.

* * *

_Miña casiña, meu lar,_

_Cantas onciñas_

_D’ouro me vals._

Vin de Santiago á Padron

C’un chover qu’era arroyar

Descalciña de pé e perna,

Sin comer nin almorzar.

Po-lo camiño atopaba

Ricas cousas que mercar,

Y anque ganas tiña d’elas

Non tiña par’as pagar.

N’os mesons arrecendía

Á cousas de bon gustar,

Mais o que non ten diñeiro

Sin elas ten que pasar.

Fun chegand’â miña casa

Toda rendida d’andar,

Non tiña nela frangulla

Con que poidera cear.

A vista se me barria

Qu’era aquel moito aunar.

Fun â porta d’un veciño

Que tiña todo á fartar,

Pedinlle un-ha pouca broa,

E non ma quixo emprestar.

As bagullas me caian

Que me for’á avergonzar,

Volvinm’â miña casiña

Alumada d’o luar,

Rexistrei cada burato

Para ver d’algo atopar:

Atopei fariña munda,

Un puñiño á todo dar.

Vino n’o fondo d’artesa

Puxenm’á Dios alabar;

Quixen alcendé-l’o lume,

Non tiña pau que queimar.

Funll’á pedir á un-ha vella.

Tampouco m’o quixo dar

Si non era un toxo verde

Para me facer rabiar.

Volvin triste com’a noite

Á chorar que te chorar,

Collin un feixe de palla,

D’o meu leito o fun pillar,

Rexistrei po-lo cortello

Mentras me puña á rezar

E vin uns garabulliños,

E fieitos á Dios dar.

¡Meu San Anton milagroso,

Xa tiven fogo no lar!

Arrimei o pote ô lume

Con augua para quentar.

Mentras escarabellaba

Na cinza, vin relumbrar

Un ichavo d’a fertuna...

¡Miña Virxe d’o Pilar!

Correndiño, correndiño

O fun en sal á empregar,

Mais contenta qu’un-has pascoas

Volvin a port’á pechar,

E n’a miña horta pequena

Un-has coles fun catar.

Con un pouco d’unto vello

Qu’o ben soupen aforrar,

E c’a fariñiña munda,

Xa tiña para cear.

Fixen un caldo de groria

Que me soupo, que la mar,

Fixen un bolo d’o pote

Qu’era cousa d’envidiar;

Despois qu’o tiven comido,

Volvin de novo á rezar;

E despois qu’houven rezado

Puxen a roupa á secar,

Que non tiña fio enxoito

D’haber tanto me mollar,

N’antramentras me secaba

Puxenme logo á cantar

Para que m’oiran

En tod’o lugar:

_Meu lar, meu fogar,_

_Cantas onciñas_

_D’ouro me vals._

SOBERBA

Cor de promo amontonans’as nubes

Rodan lentas as ondas d’o mar,

E zoando con son pavoroso

Ven o huracan.

¡Que cargado está o ceo e que triste,

Qu’escuro, que negro, tornandose vay!

Encendámo-l-a vela bendita

Qu’hay tempestá.

Cabalgando n’as alas d’os ánxeles,

Por mandado de Dios correrán,

As centelas qu’asombran os malos

C’o seu lostregar.

Nove follas d’olivo queimemos

Por que alexen de nos todo mal,

Que nos libren de rayo e centela

Que nos matar.

O trisaxio cantemos en coro...

Incrinaivos y á Dios adorai

Pois si trona é que quer recordarnos

Qu’é grand’e inmortal.

¡Santo, santo! din todos á un-ha

Fillos e nay...

Todos non, qu’un soberbo e sañudo

Calado está.

Mais os tronos afunden os ceos

E cega d’os lóstregos o brilo fatal

¡Ou, que noite!... que noite terrible

De tempestás.

El Señor est’airado... ¡incrinemonos!

¡Ey! malvados d’a terra tembrai,

O que salvo esta noite saire,

Que contar ha.

--Ña nay, a vaca marela

Tembra coma vos n’a corte.

¿Fixo algun pecado ela?

¿Virá un rayo á darlle morte?

--S’ela non fixo pecado,

Mal cristiano, ti o fixeche,

Qu’és pecador rematado

Mesmo dendes que naceche.

--¿Y a probe vaca marela

Paga, decí, o qu’eu pequei?

--Pagas ti, morrend’ela,

Di ¿con que te manterei?

¡A PROBIÑA, QU’ESTÁ XORDA!...

«Alá enriba d’a montaña,

Sai fume d’as chamineas...

Valor, meu corpiño vello,

Levaim’aló miñas pernas.

Paseniño, paseniño,

Aquí para, alí te sentas,

Irás chegando Xuana,

Á dond’as casas fomegan.

¡Dios diante! a virxe te valla,

Qu’hoxe, seica... seica... seica...

Has de comer sete cuncas

De bon caldo, c’o a da cea,

E mais compango de porco

Ou de sardiñas salpresas,

Qu’os montañeses son homes

Que cando dan, dan de veras.

Dempois, quentaráste á un lume

Grande com’un-ha fogueira,

E cando xa estés ben quente

¡Á dormir!... ¡e qu’amañeza!»

Y a vella vay, sube, sube

_A costa d’o mar d’ovellas_

C’un ollo posto n’o chan

Y outro ond’as casas fomegan.

Mentras tanto o sol d’a tarde

Tras d’os pinares se deita

Y aluma con tristes rayos

As sombrisas arboredas.

D’os _Anxos_ o val hermoso,

Saban de verdor ostenta

Alá n’o fondo tranquilo

Que soaves brisas ourean.

Aquí fonte, alí regato,

A yaugua brila antr’as herbas,

Color d’ouro, qu’o postreiro

Rayo de sol fire n’elas.

Quieta, docisima calma

Arriba y en baixo reina,

A noite ven silensiosa,

Maina, pero sin estrelas.

Nin siquera un-ha relumbra

N’o firmamento, qu’espesa

Brétema tamen se corre

Po-las llanuras etereas.

Comenza á orballar, escuro

Tod’arrededor, apenas

S’acerta, o que o mais conoça,

Con camiño nin carreira.

Mas non importa por eso

Qu’o qu’é valente é de veras;

Y a vella vay sube, sube,

_A costa d’o mar d’ovellas_

C’un ollo posto no chan

Y outro ond’as casas fomegan,

Qu’alí relumbra un-ha luz

E vay direitiña á ela

Marmurando:--Arriba, Xuana,

Qu’ou m’engaño ou terás festa.

A esperencia insina á todos,

E ten a vella esperencia,

Por eso non pensa mal

Pensando que arriba hay festa.

Un carballo arde n’o lume,

Y arredor d’o lar se sentan

Rapazas d’alegres ollos,

Abós de brancas gadellas,

Vellas qu’inda rompen mangas

E tocan as castañetas,

Os afillados qu’a dona

Y o dono tên po-la aldea,

Y os amigos y os cuñados,

Os curmans y a parentela

Toda xunta, e mai-lo crego

Y o zuruxano d’as bestas.

Un cego c’a sua zanfona

En compaña d’outra cega,

Que si ben lle dá ô pandeiro

Fay falar as castañetas;

Un manco, un coxo, un-ha tola,

Y outros probes que se sentan

N’un tallo para déz posto

N’un curruncho d’a lareira,

E abofellas mais non caben

Anqu’algun mais vir quixera.

Foran chegando, chegando,

Mais de nove ulind’a festa,

Y á ningun botou d’a porta

A rica d’a montañesa;

Qu’hay para todos, o dia

Qu’alí cocen carne fresca

Por arrobas, e se fan

Papas d’arroz en caldeiras.

Matouse un carneiro, grande

Como un boy, e un-ha tenreira

Como un-ha vaca, e gordiña

Como un-ha cocha pequena.

Hay viño á Dios dar, un viño

D’o Riveiro, qu’é canela,

E par’a xente de _menos_

Hayno tamen d’o d’a terra,

Un pouco agriño, mais fresco

E sabroso como fresas.

Coceuse un-ha gran fornada

De millo branco qu’albea,

Con mixtura de centeo

Y un-ha pouca de manteiga.

Parece biscoito a broa,

Y un non se ve farto d’ela,

Qu’inda é muito mais sabrosa

Qu’os moletes qu’en tres cestas,

Escollidos, de Santiago

Trouxeron as panadeiras.

En fin, a comida roda

Po-los pés, y o viño alegra

As xentes tanto, que rabia

D’envidia a negra tristeza.

Os probes qu’alí viñeron

Y atoparon lume e mesa,

Contan contos que dan risa

Así âs mozas com’âs vellas;

Uns en verso, outros en prosa,

Pois falan en todas lengoas

Y apostan entr’eles todos

Á quen fay copras mais feitas.

Ma-l-o d’a zanfona gana,

Quell’apunta a compañeira,

E axudalle o viño branco

Con qu’a gorxa lle refrescan.

«¡Viv’a cega! ¡viv’o cego!...»

De cand’en cando lle berran,

Y-el di, berrando mais forte:

«¡Vivan eles!... ¡vivan elas!...

Y a mais bonita de todas

Que veña á darm’un-ha prenda.»

¡_Ju-ju-ru-ju_! Y aturuta

Hastra enxordecé-las pedras,

Y a cega dall’ô pandeiro

Y o cego toca n’as tecras

Y ô compás d’o _zongue_, _zongue_,

De novo bailan as nenas,

E din os probes, botando

Leña n’o lar: «¡Esta é festa!

¡Quen ch’hoxe andivera fora

C’a tripa toda valdeira!...»

Y un ollo botan sorrindo

Ôs feixes de palla fresca

Ond’han de dormir quentiños,

Coma rixons en caldeira,

Mentras fora zoa o vento

E ladran os cans n’as eiras.

Xa preto d’a media noite,

Dan encomenzo as peleas,

Os mozos loitan c’as mozas,

Medindo as forzas que teñan,

E n’andan en comprimentos

Para botarse por terra.

¡Si as vírades que valentes

S’amostran n’a loita as nenas!...

¡Fanlle ôs mozos cada magoa

C’as suas mans pequeneiras!...

--Un xa caiu... foy un home...

¡Ela venceu... venceu ela!

¡Ben po-la nena bonita!...

¡Que vivan as montañesas!

Que vivan, pois loitar saben...

--¡Si fixo trampa!...--él contesta

Avergonzado...--foy trampa,

Que sinon, nin cén com’ela.

--Que trampa nin que morcegos...

Vencinte...

--Non.

--Sí.

--¡Me venzas!...

E mentres que n’esto están

¡Plum! ¡plum! ¡plum! dan c’un-ha pedra

N’a porta.

--¿Quen é? perguntan.

--Son un-ha probiña vella

Que me perdin n’este monte...

Respond’un-ha voz que tembra.

¿Non me darán pousadiña,

Qu’está chovendo e lostrega?

--Vaya con Dios, xa ven tarde,

Non hay sitio;--lle contestan.

--¿Que dí, señora? Son xorda

Com’un canto... miña prenda.

Abram’a porta que Dios

Llo pagará...

--Probe vella...

Un pouco adiante, pretiño

Hay mais portas, chame n’elas.

--¿Que dí, señoriña? Mire

Qu’está un-ha noite moy fera,

E teño medo qu’os lobos

Me coman...

--¡Dios diante! ¡seica!

N’hay lobos aquí, ande, ande,

Vaya con Dios, qu’outra aldea

Hay preto.

--¿Que dí, señora?

--Vaya con Dios, non sea terca,

Qu’aquí xa non caben mais

Nin probes nin ricos, ¡eya!

--¿Que dí ña filla?... son xorda,

E non oyo anque me fendan.

¡Brrr... que frio, señoriña!...

Vosté qu’é tan limosneira

Deixem’entrar, e estarey

N’o cortelliño ond’as bestas.

¡Brrr... que morro c’a friaxe!

¡Quenja! ¡quenja! ¡quenja! ¡quenja!...

Que tos... Dios me valla... brrr...

¡Xa non podo mais!...

--Pois veña,

E si non ten onde pôrse

Brinque á cabalo d’a artesa.

Falou a dona, que tiña

O corazon de manteiga.

--¡Dios llo pague, queridiña!

Xa topará a recompensa

N’o ceu... abra, miña xoya...

Excramou de pronto a vella.

--¿Logo n’é xorda, qu’oyeu?

Dixeron dentro, antramentras

Que quitaban o tranqueiro

D’a porta.

--¿Que dí, ña-prenda?

Non ll’oyo nada, mas teño

Moito sentido...

--¡Abofellas

Que non mente!... vaya, vaya,

Adentro...

--Santas y buenas

Noites teñan mis señores...

¡Xesús! seica están de festa,

Qu’hay moita xentiña xunta.

D’hoxe n’un ano aquí os vexa.

Dió-los bendiga... el Señor

Lles dé fertuna âs mancheas

E saudiña...

--¡Amen, amen!

--Busqu’un sitio n’a lareira

E quéntese...

--¿Que me dixo?

Son xorda coma un-ha pedra,

E a mais non probey frangulla

Desd’onte â noite, e n’as venas

Xa teño o sangre callado

Po-lo frio...

Y antramentras

Qu’esto dí, vais’arrimando

Ô lume moy compangueira

C’os outros probes, e fura

Por antr’eles, por antr’elas.

Brinca por riba d’o cego,

E que queiras, que non queiras,

Sempre tembrando de frio

E xorda como un-ha pedra,

Segun di, n’o mellor sitio

Con moita homildá se senta

E arrima un mando de lume

Pr’ond’ela está.

--¡Ey, miña vella!

Mire qu’hay mais que vostede

Aquí: ¡que comenenceira

Parece!...--lle di outro probe

C’un-ha cara de desteta

Nenos.

--¿Cómo di, meu fillo?

(Sorrindo reprica ela

Sentándose mais a gusto)

Eu de calquera maneira

M’amaño; qu’así n’o ceo

M’amañe el Señor...

--¡Bah! seica

Quer facer mofa d’a xente...

¡Poche, c’o xuncras d’a vella!

Mesmo parece un espeto.

--¿Si quero un neto ña prenda?

Si m’o desen inda pode

Que pouco a pouco o bebera,

Pois teño moita sediña,

E fame, e frio...

--¡Rabéa!

¡Can! que non vin un-ha xorda

Mais fraca nin lagarteira,

¿É filla d’algun raposo?

--¿Que pille un òso?... d’a vella

Quérense rir... ¡ay Dios mio!

Pero a fam’elle moy negra:

Tráyamo s’é qu’inda ten

Apegada algunha freba,

E ireino raspando á modo

C’un canteiro que me queda.

Todos riron c’a resposta

E...--¡Inda nunca Dios me dera,

Dixo o cego, que esa xorda

Sabe mais qu’eu, abofellas!

--Merece comer compango.

E voullo dar, miña vella,

Porqu’onde queira qu’a atopo

Gustame sempre a sabencia.

¡Coma e fártese!... aquí ten

Talladas e viño... beba,

Beba po-la miña conta

 salú d’as montañesas--

Dixo a dona, e doulle un prato

De callos, como un-ha cesta,

 probe, e viño, e pan branco.

Canto quixo; fartous’ela

Mesmo hastra que tuvo a tripa

Coma un pandeiro. Raventa

Por pouco..., mais o pelexo

Tiña duro, e nin siquera,

Ll’arregañou, y ô outro dia

Xa estaba tan peneireira.

Coidado,--lle dixo a dona

Cando se foy.--Conta teña

De non volver por aquí

Mentras lle dure a xordeira.

--¿Que dí, miña queridiña?

Respondeu rindose a vella.

Son mesmo com’un-ha tapia,

E non ll’oyo, anque me fendan.

XAN

Xan vay coller leña ô monte,

Xan vay á compoñer cestos,

Xan vay á podá-las viñas,

Xan vay á apañá-lo esterco,

E leva o fol ô muiño,

E tray o estrume ô cortello,

E vay â fonte por augua,

E vay á misa c’os nenos,

E fay o leito y o caldo...

Xan, en fin, é un Xan compreto,

D’esos qu’a cada muller

Lle conviña un po-lo menos.

Pero cand’un busca un _Xan_,

Casi sempre atopa un _Pedro_.

Pepa, a fertunada Pepa,

Muller d’o Xan que sabemos,

Mentras seu home traballa

Ela lava os pés n’o rego,

Cátall-as pulgas ô gato,

Peitea os longos cabelos,

Bótalles millo âs galiñas

Marmura c’o hirman d’o crego,

Mira s’hay ovos n’o niño,

Bota un ollo ôs mazanceiros,

E lambe a nata d’o leite

E si pode bota un neto

C’a comadre, qu’agachado

Traillo en baixo d’o mantelo,

E cando Xan po-la noite

Chega cansado e famento,

Ela x’o espera antr’as mantas,

E ô vêlo entrar dille quedo:

--Por Dios non barulles moito...

Que m’estou mesmo morrendo.

--¿Pois que tés, ña-mulleriña?

--¿Qu’hei de ter? deita eses nenos

Qu’esta _madre_ roe en min

Cal roe un can n’un codelo,

Y ô cabo ha de dar comigo

N’os terrós d’o simiterio...

--Pois, ña-Pepa, toma un trago

De resólio qu’aquí teño,

E durme, ña-mulleriña

Mentras os meniños deito.

De vagoas s’enchen os ollos,

De Xan ô ver tales feitos,

Mas non temás, qu’antre mil,

N’hay mais q’un anxo antr’os demos,

N’hay mais qu’un atormentado

Antre mil que dan tormentos.

O ENCANTO D’A PEDRA CHAN

C’o sono d’a inocencia

Que non turban remorsos d’a concencia,

Y a virxen ô seu lado

Dormian os meus ánxeles n’a cuna,

Cand’âs furtadas n’un sereno dia

C’o peito palpitante d’alegría

Soya sain en busca d’a fertuna.

Iña tras d’un tesouro cobisado,

De todos iñorado,

Mais d’o que solasmentes eu sabia:

E n’era só de prata, nin só d’ouro,

Aquel sin par tesouro,

Qu’era d’un canto deseyar podia.

Nunca eu fora nin rica nin dichosa,

Y ô ver que para selo

Só me faltaba o gordo d’un cabelo,

De seca espiña me tornara en rosa.

E como virxen pura

Que por primeira vez sinte a dozura

D’as inquietús d’o amor, así eu sentia

Que algo qu’en min dormia

Despertaba, chamandom’â ventura.

Por eso dand’ô olvido

As penas que m’ouberan consumido

Dendes de que nacera,

Via a terra y o ceo, cor d’esperanza

Y ô meu redor, perene primadera.

¡Cal o sol relumbraba!

¡Que mansamente marmuraba o rio!

Y o paxariño voador cantaba,

Mentras qu’eu camiñaba

Lixeira ô meu avio.

Tal como a neve, albeas,

As roupas y as marañas

Tendidas n’as silveiras e as montañas

Xa en raro, xa âs moreas,

Cal pint’a branca nube o ceo sereno

Briland’ô sol, pintaban o paisaxe

Coma ningun ameno.

Cabo d’a ria n’a ribeira verde,

Á cal gana, á cal perde,

Xogaban os rapaces c’a onda escrava,

Á anxeliño tocaba

En un lugar veciño,

E anque os pais d’o meniño

Ô enterralo, choraban que partian.

Compasivo-l-os vellos,

¡De cantas penas se librou! decian.

En tant’os carros sin parar chirraban,

Mentras ô seu compás os carreteiros

Despaciosos cantaban;

E aquí a fonte corria,

Alá n’un-ha canteira resoaban,

Metalicos, os picos d’os pedreiros.

Mais preto os cans ladraban

Y antr’a follax o vento rebulia

Indo d’as encanadas ôs outeiros...

¡Canta paz! ¡canto sol!... ¡canta alegría!...

«¡Ô fin sorte cansache!

Y o quiñon que famenta me negache

N’a hirencia d’os praceres,

Dándome só o d’as ansias e as peleas,

Cal á aqués que ben queres,

Ora darasmo en gustos âs mancheas.»

Esto eu iba dicindo,

De dichosa cal n’outra presumindo,

Mentras que camiñaba

Tan contenta e segura

D’atopar a fortuna en qu’esperaba,

Cal sei que atopa á Dios quen o precura.

Antre buxos e silvas agachado

O encanto deseado

Estaba como merlo n’o seu niño,

Po-lo romor d’as auguas arrolado

D’o apartado mohiño...

Eu din volt’â devesa

Pasey a corredoira d’a Codesa,

¡Y ô fin cheguei!... y enriba d’un-ha lousa,

En ond’â amañecida o corbo pousa,

Un nobre cabaleiro

C’o a sua pruma enrisada n’o sombreiro,

E vestido de seda e pedrería

Á estilo d’a treidora mourería,

Dou en chamarm’arteiro,

C’un modo loumiñeiro

Que d’o ceo non d’a terra parecia.

¡El é! dixen ô punto temerosa...

Mais o d’o encanto, afeito

Seica á tratar con damas dend’antano

Sin que de verme s’atopas’estrano

Dende lonxe chamándome sorria.

Y o ceo póndose foi de cor de rosas,

Mentras n’as carballeiras e encanadas,

Sopraban un-has brisas repousadas,

Soaves e saudosas,

Cal promesas compridas, s’esperadas.

Eu non sei que sentia,

Vendo qu’él en chamarme proseguia,

Pois antr’ansiosa y-adusta

C’un-ha valor que asusta

Fumm’indo cabo d’él de gozo chea,

Cal palomiña vay tras d’a candea.

Tiña n’as mans un cetro adiamantado,

Bateu con el n’a laxe misteriosa

Que s’abreu, como s’abre d’o granado

O froito sazonado,

E con voz armoniosa

E garrido sembrante,

¡Vamos!--me dixo gasalleiro,--¡adiante!

E fun cal folla inxel vay c’a encalmada

Corrente, que primeiro asosegada,

A arrastra n’as suas auguas cristaiñas

Pra darlle sepultura cariñosa

N’as orelas veciñas,

E que dempois a leva, arrebatada

Po-la negra enxurrada

Ôs abismos d’a mare tormentosa.

¡E entrey pensando penetrar n’o ceo!...

¿Por que ten a maldade forza tanta?

Pois canto â vista encanta

E nos finxe o ardentísimo deseo

Nunca farto nin cheo,

Alí os meus ollos viron, e prendados

Quedaron como nunca e namorados.

D’o tesour’escondido

O brilo e fermosura

¿Á quen que fose de muller nacido,

Á que mortal criatura

N’a houbera contrubado e seducido?

E n’a lumieira y antr’aberta porta

Sin astreverme, de primeiro ausorta,

Á vixiar d’a espréndida morada

Un-ha tras d’outra estensa galería,

Cal si quedase para todo morta

Menos para o que via,

Escramey no supremo d’a alegría.

--Aquí Dios, aquí as dichas d’o universo

Sin voltas nin reverso,

Aquí o que á maxiñar nunca chegara,

A comprida ventura.

¡Que nunca outra topara

Mais grande, nin mais santa, nin mais pura!

Tal brasfemey, sin medo nin coidado,

¡Tola de min, cegabam’o pecado!

Y aquel brilo que via

Ô par que m’alentaba a fantesía

Daba comprida fé d’o ben buscado.

Pensando que por sorte

Ô paraiso terreal chegara

Y era verdade a dicha que soñara,

Sin m’acordar d’a vida, nin d’a morte,

Olvidando o pasado y o presente

C’o porvir xuntamente,

Soyo pensey en abarcar n’un punto

Aquel tanto ben xunto,

Iñorado d’a xente.

C’o poder d’o que pode, erguinme altiva

Sin coidar canto a humana natureza

É falibre e cativa,

E maxinando eterna fonte viva,

Tanta e tanta riqueza,

Com’ante min soberba s’ostentaba,

Dixen seguindo ô hermoso cabaleiro,

--Xa que vos atopey tan lisonxeiro

Pra gozar logo d’o qu’é meu, decime,

Por onde debo encomenzar primeiro.

--Por onde vos querás, reina e señora,

Contestou gasalloso

C’o seu falar gracioso,

Qu’é voso canto aquí vos enamora,

Pero vos e mais eu, antes bebamos

N’esta copa dourada,

Po-los mals que nos deixan e deixamos,

Y os bês que nos sorrin dend’alborada

D’un-ha mañan d’abril nunca acabada.

--¡Pois bebamos! ¡bebamos!

Repetin eu, trubada e non de viño,

Sin que a sinal d’a cruz antes fixese

Pra que ben m’emprestase o que bebese...

Y hastra o líquido fresco e cristaiño

Os dous nos abaixamos

E ambas bocas mollamos...

Nunca m’olvidarei d’aquel momento

D’inmensa dicha e d’infernal tormento,

Pois de dentro d’a copa

Saindo de repente

Un-ha e outra cabeza de sarpente

Contra min se volveno desatadas,

E todas xuntamente

Á un tempo asubiaron,

E n’as entrañas mesmas

O aguillon pezoñoso m’encrabaron.

Cain, cain ferida

E casi-que sin vida,

E inda enriba de min, feras volveno

C’o seu mortal veneno

Un-ha y outra sarpente maldecida.

Cal brétema espallada

Po-lo Sur, n’a encanada,

Dispareceu o lindo cabaleiro,

Y espesa nube de trebons preñada,

Partindo d’a sombrisa Compostela,

Que n’o confin lexano se trasvia

Cal se trasvé n’a tarde morimunda

A raya sin fulgor d’a noite fria,

Veu contrubar a miña mente inxela.

Y alí enriba d’a lousa

En dond’â mañecida o corbo pousa,

Atopeime de pronto, sin ventura,

D’as miñas doces ilusiós despida,

Soya e probe, cal n’outra criatura

Envenenada, triste e malferida.

E non sey que voz ronca marmuraba,

C’o vento que soaba,

«Coma ti, mal tesouro,

Que aquí deixou o mouro

E que a cubiza alaba,

Son os encantos todos terreales,

Á tan grandes pracers, tan grandes males.»

* * *

--«Tanto e tanto nos odiamos,

Tanto e tan mal nos quixemos

Que por non verme morriche,

E desque morrich’alento.

Mas ora tócame á min

Tamen, marchar, e di o crego

Que che perdone, pois logo

Á axuntarnos volveremos.

¡O crego volveuse tolo!

¡Xuntarnos!... nunca mais, penso;

Que si ti estas ond’a Dios

Eu penso d’ir xunt’o demo.»

Esto un-ha vella viuda,

E terca como un carneiro,

Falaba do seu difunto

Xa d’os bichocos comesto.

Y en tanto qu’así falaba,

Tamen ela iba morrendo.

Mas din qu’o difunto y ela

S’atoparon n’os infernos

Man á man, e codo á codo

Como dous bós compañeiros.

--¿Conqu’estás aquí? lle dixo

Estonces a vella ô vello,

Pois voume a dond’está Dios

Xa que ti estás ond’o demo.--

E sin saberse por onde

Colleu direitiña ô ceo;

Mais topou fechada a porta,

Que lla fechàra San Pedro.

--¡Prum! ¡prum! ¡abrí, que son eu!

Falou a vella moy recio.

--Non hay, respondeu o Apóstol

Apertando o tarabelo.

--Coidá que xurey n’estar

Ond’él esté, meu San Pedro...

--Non hay, repiteull’o Santo,

Indose inda mais adentro.

--¡Por vida d’as vosas chaves,

Que facés un bon porteiro,

E que roncás!... xa se ve...

¡Como estades satisfeito!...

Mais eu xurey, e Dios manda

Qu’un cumpra seus xuramentos;

¡Â terceira vez!... ¿abrides?

--Nin âs tres nin ôs trescentos,

A muller vaya onda o home,

¡_Al infierno, anda al infierno_

Con él, por sempr’en jamás!

--¡Poche, meu Santo San Pedro,

Que ben deixás conocer

Qu’andiveches sempre ceibo,

Que nunca foches casado

Nin n’a terra nin n’o ceo!

Todiña-las comenencias

Para vos quixeches ¡deño!

¿Y á min non me dás ningun-ha?...

Pois vé qu’eu tamen as quero.

S’aló con cadea andiven

En têla agora non penso,

Que todo c’a morte acaba

Segun pedrican os cregos.

Un-ha ves nos separamos,

Eu y o meu home, e por certo

Que foi pra sempre... e esta dito,

Pois son terca, si sòs terco.

¿Que non me querés n’a groria?

Pois xurei non ir ô inferno

Dond’él está, y acabouse,

E n’hay que falar mais d’esto.

¿Que habés de facer de min?

¿Irei ô limbo d’os nenos?

¡Me vayas! que xa estou d’eles

Hasta a punta d’os cabelos.--

--¡Caramba, c’o a muller esta!

Dixo enfadado San Pedro,

Que si non fora por Dios...

--Bah, señor, deixavos d’eso

E permitíme que pase...

--Non, non e non. ¡Caramelos!

Fora d’aquí... e ¡pum! botouna

Direitiño cara ô inferno.

--¡Qu’o xurei! Xa o teño dito...

Berraba a vella... non entro.

Señor, Señor... _Sursum corda_,

Aquí estou, e aquí me quedo.

E quedouse, sí, quedouse:

¿Onde? non se sabe certo,

Nin si foi porqu’a oise Dios

Ou porque n’a quixo o deño.

Só se sabe, ben sabido,

Qu’anda n’as alas d’o vento,

Metendo medo ôs rapaces

N’as negras noites d’inverno;

Encelando namorados,

Desfacendo casamentos,

Malquistando matrimonios...

¿Porque n’a levou San Pedro?

Qu’ora anda ceiba e ben ceiba

Para meternos n’o inferno.

Poñélle a figa, mociñas,

Si querés ter casamento,

Qu’ond’ela esté, nin un home

Toparés para un remedio.

EN CORNES

I

Formoso campo de Cornes,

Cando te crobes de lirios

Tamen se me crobe a yalma

De pensamentos sombrisos.

De Cornes lindo lugare

Que cruzan tantos camiños,

Anque cuberto de rosas,

As rosas, tamén fan guizos.

Antr’as pedras, alelises,

Antr’os toxos, campanillas,

Por antr’os musgos, vïolas,

Regos, por antr’as curtiñas.

Rio abaixo está o moiño,

Compostela, rio arriba...

Rio arriba, ou rio abaixo,

Todo é calma n’a campía.

Convidando á meditare,

Soan de Conxo as campanas,

Beben os bois n’o teu rio

Y o sol alegra a escampada.

D’as tuas casas terreñas

Say fume y os galos cantan...

¡Quen en tan fresco retiro

Dirá que as dores fan lama!

Donde hay homes hay pesares,

Mais n’os teus campos, ña terra

Maxino que os hay mais fondos,

Cando t’amostras mais leda.

¡Por qu’ eses trios d’os páxaros,

Eses ecos y esas brétemas

Vaporosas, y esas frores,

N’alma triste, canto pesan!

Po-las silveiras errante

Vexo un-ha meniña orfa

Que triste vay marmurando,

--¡Ña Virxe, quen rosa fora!

--¿Porque quês ser rosa, nena?

Lle preguntei cariñosa,

Y ela contesta sorrindo,

--Porque non tên fame as rosas.

Cost’arriba, cost’arriba,

Desandemo-l-o camiño,

Fuxamos d’este sosego

D’os pesares enemigo.

¡Que negro contraste forman,

D’a natureza o tranquilo

Reposo, co as ansias feras

Que abaten o inxel esprito!

II

Follas Novas: Versos en Gallego · 第 5 / 7 段