Teño un niño de tolos pensamentos,

Ond’o lar escondidos,

E des que ven a noite

Y o lume esta alcendido

E arrimo o pote y á fiar me sento,

N’aquel meu corrunchiño,

Mentras que quence o caldo, estonces dígolles

--¡Vinde, meus queridiños!

E corren e rebuldan

Tan contentos d’estar soyos conmigo,

C’a sua nay, sua dona,

Seu unico agarimo.

E ¡canto alí falamos en secreto,

E sempre d’él Dios mio!

D’él que por irse alá... soya deixoume

C’o corazon ferido.

¡Cantas tristezas, cantos

Queixumbrosos sospiros,

M’atormentaron, cantos

D’o meu peito sairon!

Pero todo en sacreto

Qu’esto á ninguen llo digo,

Non foran á pensar que marmuraba

D’os feitos qu’él me fixo.

¡Eu, marmurar de tí con xent’allea!...

Nunca, meu queridiño,

Que ti és meu home eu tua muller e debo

Calar a miña dor y os teus desvios.

Sô c’os meus loucos pensamentos falo

Por que son meus amigos

E tan discretos... tanto,

Que só din o qu’eu quero e lles premito.

Sin eles, meu Xaquin, ¿que de min fora?

¿Soya aquí, dond’un tempo houben contigo

Estalar de dor, tal com’estalan

N’o lume eses espiños?

Moitas veces, sí, moitas...

Pra nou deixarme descansar, ¡rabisos!

Antr’o meu leito veñen

E donde ti dormiche fan o niño,

Mais eu, tal com’agora

Pra non chorar á fio

E non ter que levar mañan de cedo

Os ollos coma brasas alcendidos

Cando vaya ô mercado,

Seilles decir ¡endinos!

Non m’atormentés mais, ide á escondervos

N’o voso buratiño.

E despídoos de paso

Con un amante bico...

Mais si llo dou á eles, ese beixo

É para tí tan só, Xaquin querido.

¡Volve, volve onda min, porque anque diga

Que consolada vivo

Con estos loucos pensamentos, seica,

Seica m’axudan á morrer, Dios mio!

Xaquin, Xaquin, que de muller naciche,

E que d’outra muller tiveches fillos,

¡Ay, cal teu pay sin tua nay morrera,

Ve que morro sin tí, Xaquin querido!

BASTA UN-HA MORTE

Cala can negro, n’oubees,

 porta de quen ben quero,

Corvos, non voés por riba

D’o sobrado ond’está enfermo.

C’o teu resprandor _compaña_,

Baite, non lle poñas medo.

S’é que queres que alguen morra,

Eu sey d’un san que contento,

Por él déravo-l-a vida

E irá con vosco ôs infernos.

AS TORRES D’OESTE

A yaugua corria

Po-lo seu camiño,

Y eu iba ô pé d’ela

Preto d’os Laiños,

Sin poder c’as penas

Que moran conmigo.

Con tamaña carga,

¿Para dond’eu iba?

A Virxe sabrayo,

Qu’eu no-no sabia;

Mais seica fuxindo

De min mesma iña.

Por antr’os herbales,

Profunda e sombrisa,

Cal un-ha sarpente

D’escamas bruñidas,

Brilaba ôs meus ollos

Dándome cobiza.

¡Estaba tan soya!

Nin bote, nin lancha,

Nin velas, nin remos,

A vista alegraban,

E soya-l-as veigas

Tamén se quedaran.

¡Qué bonitas eran

N’outro tempo as rosas,

Que n’aqueles campos

Medran e s’esfollan!

Mais muchas estonces

S’amostraban todas.

Y o sol, cal a lua

En noite de brétema,

Brilaba tembrando

Por antr’as vimbieiras,

Tan descolorido

Com’a mesma cera.

Y ô ferir as ondas

Revoltas e oscuras,

Víanse n’espeso

D’a negra fondura

As herbas marinas

E longas que a surcan.

De pronto un-ha y outra

Poñéndome medo,

As loitosas cruces

Se m’apareceron,

Que s’erguen n’orela

Cal n’un cimiterio.

Meu ben, ¿onde moras?

Perguntey chorando:

Xa que tí morreche,

N’o mundo, ¿qué fago

Coma vos, ¡ou torres!

Soya e sin amparo?

Soidás me consomen,

Vagoas m’alimentan,

Sombras m’acompañan,

Cómem’a tristeza.

¡Quen pode con tanta

Fartura de penas!

Y eu non sey que negra

Tentazon maldita

M’afrixeu o esprito,

M’anubrou a vista,

E sorreume como

M’o demo sorrira.

Dend’a fond’orela

Mirey arredore...

A marea viva

Petaba n’as torres,

Orfas antr’a líquida

Saban que as embolve.

--¡Alá vou!--lles dixen

--Daime morte doçe,

Auguas ond’as penas

Para sempre dormen...

Saltey... y a corrente

Calada levoume.

. . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . .

¡Ou Torres d’Oeste!

Malas tentadoras

Auguas apromadas,

De calma treidora,

Cómaros pelados

Onde o corbo pousa;

¡Ou Torres d’Oeste!

Tan soyas e mudas

C’a vos’ atentaches

A miña tristura.

Ningun triste vaya

Cabo de vos nunca.

D’os desamparados

Tendes o menaxen,

Y ainda ô redor voso

Non rexorde o aire

Coma si temese

De vos despertare.

É d’as que s’apegan

A tristeza vosa,

D’as que o peito oprimen,

D’as abrumadoras,

Que ô inferno encamiñan

As almas loitosas.

Que s’inda estou viva

Foy que un mariñeiro

Medio morimunda,

Por estes cabelos

Trouxome d’as ondas,

Ô mundo en que peno.

Non vayades nunca

Eu vo-l-o aconsello,

Âs Torres d’Oeste

C’o corazon negro.

¿POR QUÉ?

--¡Escoita! os algoasiles

Andan correndo a aldea,

Mais, ¿como pagar, como, s’un non pode,

Inda pagá-l-a renda?

Embargarannos todo, que non teñen

Esas xentes concencia, nin tên alma.

¡Quedaremos por portas!

¡Meus fillos d’as entrañas!

¡Mala morte vos mate

Antes de que aquí entredes!...

¡D’os probes, ô sentirvos,

Os corazos, cal baten tristemente!

María, se non fora

Porque hay un Dios que premia e que castiga,

Eu matara eses homes

Como mata un raposo á un-ha galiña.

¡Silencio! ¡Non brasfemes,

Qu’este é un valle de lágrimas!...

¿Mais porque á alguns lles toca sufrir tanto

Y outros a vida antre contentos pasan?

* * *

De soidás morriase,

N’a vila sospirando po-la aldea,

Asombrábana as casas c’os seus muros

E asombrábana as torres e as igrexas.

As ruas enlousadas, somellábanlle,

Sin verdor nin frescura,

Cimeterio ond’os mortos

Fora andaban d’as tristes sepulturas.

Y as comidas sabíanlle

Á fariña sin sal y á xaramagos,

Y as poucas que tocaba

En vez de dárll’alento a iñan matando.

Algun-ha vez chegaban hastra ela,

Non sey s’en ilusion se de verdade,

Uns agrestes olidos

De leixanas ribeiras e pinares.

Iñas’estonces a sentar n’un alto

Contempraba os estensos horizontes,

E rompendo en sospiros que a afogaban,

Ronca escramaba saloucando:--¡Eu voume!

¡E íñase á presa e sin remedio!... ¡Íñase

C’a tristeza mortal que a consumía!

Íñase a probe Rosa,

Pero... ¡par’a outra vida!

* * *

Pois consolate, Rosa,

Que moito ten que padecer n’a vida,

Quen moito d’ela goza,

E olvidada ha de ser quen foy querida,

O que á tí che pasou, pasalle á todos

D’esa maneira ou de distintos modos.

¿Non t’acordas d’aquela?

Todo n’ela era encanto e fermosura

Todo inocencia pura;

E con fonda ternura

E c’un amor que as pedras abrandaba,

Eu decote, a chamaba

Pomba sin fel, e fonte de cariño.

Bebia n’o seu peito o paxariño,

¡Tan branco, relumbraba!

Y olor, color, sabor, qu’eu ben sabia

Ô que sabia Anxela,

Anque n’inda á cheirala m’astrevia...

¡Todo ôs meus ollos era santo n’ela!

Esto n’un tempo foy, tempo dichoso,

Que inda o corazon lembra cariñoso,

Por que despois d’aquelo

E que un d’outro vivimos apartados

Ela indose á Ferrol y eu á Cambados,

Topámonos n’a feira d’o Campelo,

Y eu busca que te busca n’a sua cara,

E no seu xeito todo,

O encanto que n’un tempo m’encantara,

E n’o poiden topar de ningun modo.

Y ela era a mesma, tan lanzal e hermosa,

Tan fresca e colorosa

E doçe coma a mel d’os seus cortiços,

Mais á tantos feitiços,

Eu estaba insensibre

E d’o pasado en vano perseguia

Un volubre fantasma que fuxía

Libre d’amor e de cadeas libre.

Meditey un momento

E con certo remorso e sentimento

Ô cabo comprendin, ña Rosa cara,

Que tanto ben y encanto que namora,

Nada para min fora

S’aló cand’eu a amara

Outros o meu amor non ll’emprestara.

Porque, non val sabencia,

Bondade, fermosura, n’inocencia,

Pureza, nin virtude,

Para ser ben querido e ben querere

Por que o basta c’o sere.

Mentras o amor non mude

S’és fea, coma tí, n’habrá mullere

De mayor xentileza e mellor pranta;

S’és infame e perdida, serás santa

D’as que o son sin querelo parecere;

E s’és boba e sin sal, é qu’escondida

Tès a esencia y a gracia bendecida

Dentro d’un misterioso relicario

Donde sô, o amante cego e visionario

A esencia atopa y o elisir d’a vida.

Mais des que o amor quere voar, ña prenda,

E que lle cay a venda,

Forza é deixalo ire,

Que n’hay virtude nin poder que o prenda,

Y o que antes nos mirou tras d’un-ha nube,

Ou trasparente gasa,

Des que a gasa se rompe e a nube pasa,

Rosa, val moito mais que no-nos mire.

C’A PENA Ô LOMBO

¡Cantas frores silvestres n’os valados,

Que festós e qu’encaixes

Primorosos de musgos e verdura,

Que colorido, que folláx n’os árbores,

Mentra-l’as brisas mansamente corren,

Com’alento d’os ánxeles!

Reina n’a veiga un prácido sosego

Cay a luz n’os regueiros en cambiantes,

Y o cómaro, e encañada soavemente

Van querband’o paisaxen

Lixeiramente envolto n’os vapores

D’a misteriosa tarde.

Só se sinte o piar d’o paxariño

O marmurar d’as auguas

E n’a cima d’o monte o cantar triste

D’un-ha muller que pasa.

Mentras c’o seu marmurio o manso rego

N’aquel ritmo monotono a acompaña.

¡Que tristeza tan doçe!

¡Que soidá tan prácida!

¡Mais para un alma en horfandá sumida

Que soidá tan deserta e tan amarga!

Sin mirar, fixa os ollos

N’as brétemas leixanas

Vaporosas e leves

Que o sol pinta de grana,

Y as mans en cruz, y os ollos

Arrasados en vagoas

Marmura saloucando:--¡Querom’ire!

Porque agonizo aquí desconsolada...

Millor que acá antre rosas

¡Ay! ¡quero ir á morrer á dond’el vaya!

E no fondo d’o barco

Soiña abandonada

Tras seu amor y a morte, para América,

Para morrer de dor, ô mar se lanza.

TAN SOYO

Os dous d’a terra lonxe

Andamos e sufrimos ¡ay de min!

Mais ti tan soyo te recordas d’ela,

Y eu, d’ela e mais de ti.

Ambos errantes po-lo mundo andamos

Y as nosas forzas acabando van,

Mas ¡ay! tí n’ela atoparás descanso

Y eu tan soyo n’a morte o ey d’atopar.

ÍNDICE

Páginas

Dedicatoria. V

Prólogo de D. Emilio Castelar. VII

Duas palabras d’a autora. XXIII

LIBRO I

VAGUEDÁS

D’aquelas que cantan as pombas y as frores. 3

Ben sei que non hay nada. 3

Tal com’as nubes. 4

Diredes d’estes versos, y é verdade. 5

¡_Follas novas_!, risa dame. 6

¿Que pasa ô redor de min? 7

Alguns din, ¡miña terra! 7

Alá, po-la alta noite. 8

Paz, paz deseada. 9

Un-ha vez tiven un cravo. 10

Cand’un é moi dichoso, moi dichoso. 11

Oxe ou mañan, ¿quen pode decir cando? 12

Xa nin rencor nin desprezo. 13

Aquel romor de cántigas e risas. 14

Á un batido, outro batido. 16

Cand’era tempo d’inverno. 16

Mais vé qu’o meu corazon. 17

Co seu xordo e costante mormorio. 18

Ando buscando meles e frescura. 19

¡Silencio! 20

LIBRO II

¡DO INTIMO!

¡Adios! 23

Grilos e ralos, rans albariñas. 25

¡Cal as nubes n’o espaço sin limites! 26

Rico ou probe algun dia. 27

N’a catredal. 28

Corré serenas ondas cristaiñas. 32

Cada noite eu chorando pensaba. 34

Ti onte mañan eu. 35

Deixa que n’esa copa en onde bebes. 36

Bós amores. 37

Amores cativos. 38

Abrid’as frescas rosas. 39

De valde... 40

¿Quen non xime? 41

Ladraban contra min que camiñaba. 43

Por qué, miña almiña. 45

O toque d’alba. 47

¡Mar! c’as tuas auguas sin fondo. 50

Caba lixeiro, caba. 51

Cando penso que te fuches. 52

A ventura é traidora. 53

Lévame á aquela fonte cristaiña. 54

Ô pazo d’A... 55

N’o ceo, azul crarísimo. 56

A xusticia po-la man. 57

Dios puxo un velo enriva. 59

¡Tas-tis! ¡tas-tis! n’a silenciosa noite. 60

Amigos vellos. 62

Mayo longo... mayo longo. 64

Lua descolorida. 65

Qué pracidamente brilan. 66

Estranxeira n’a sua patria. 68

¡Padron!... ¡Padron! 70

Pasade. 74

Por qué, Dios piadoso. 75

¡Soya! 77

LIBRO III

VARIA

N’hay peor meiga que un-ha gran pena. 81

Vamos bebendo. 88

Un verdadeiro amor é grande e santo. 89

Non cantes, non chores, non rias, non fales. 89

¡Adiante! 90

¡Nin âs escuras!... 91

Xigantescos olmos, mirtos. 93

Cada cousa n’o seu tempo. 95

Cabe d’as froles a nena. 96

Pelouro que roda. 99

A disgracia. 100

¡E ben! cando comprido. 103

Sin niño. 105

Eu por vos, e vos por outro. 106

¡Valor! qu’anqu’eres como branda cera. 109

Dulce sono. 110

Espantada, o abismo vexo. 111

Para a vida, para a morte. 112

N’a tomba d’o xeneral inglés Sir John Moore. 114

Cal graciosa brandeas. 119

Sin terra. 122

Para uns negro. 123

Tristes recordos. 126

Meses d’o inverno frios. 131

Era n’o mes de Mayo. 132

¿Qué ten? 138

Tí, a feiticeira e branca com’as neves. 139

Ruinas. 140

Chirrar d’os carros d’a Ponte. 144

A Bandolinata. 145

Brancas virxes de cándidos rostros. 148

Vanidade. 149

Para á vida e para á morte. 150

Apresa Alvaro d’Anido. 152

Decides qu’o matrimonio. 153

Agora cabelos negros. 155

Premita Dios que te vexas. 156

Teño un mal que non ten cura. 157

Sarna con gusto, non pica. 159

É verdade qu’un pode. 160

Fas uns versos... ¡ay qué versos! 161

Tembra un neno no húmido pórtico. 162

LIBRO IV

D’A TERRA

¡Calade! 167

Miña casiña, meu lar. 168

Soberba. 171

¡A probiña, qu’está xorda!... 174

Xan. 186

O encanto d’a pedra chan. 189

Tanto e tanto nos odiamos. 198

En Cornes. 202

San Lourenzo. 206

LIBRO V

AS VIUDAS D’OS VIVOS

E AS VIUDAS D’OS MORTOS

¡Pra a Habana! 211

¡Olvidemo-l-os mortos! 215

¡Terra a nosa! 218

Tecin soya a miña tea. 224

Os manantiales sécanse. 225

Dor alleo n’é meu dor. 226

Como venden a carne n’o mercado. 227

Foy a Pascoa enxoita. 229

Non coidarey xa os rosales. 229

Eu levo un-ha pena. 230

Meus pensamentos cal voás tolos. 232

Vivir para ver. 233

N’é de morte. 235

¡Querom’ire, querom’ire! 237

O meu olido mais puro. 238

Medico, doill’a cabeza. 238

Anque me des viño d’o Riveiro d’Avia. 239

Dend’aquí vexo un camiño. 240

N’o craustro. 242

Cómo lle doy a yalma. 244

Ô sol fun quentarme. 245

Sempre po-la mort’esperas. 246

¿Qué lle digo? 247

Teño un niño de tolos pensamentos. 249

Basta un-ha morte. 252

As Torres d’Oeste. 253

¿Por qué? 258

De soidás morriase. 259

Pois consolate, Rosa. 261

C’a pena ô lombo. 264

Tan soyo. 266

FÉ DE ERRATAS

Página Dice Léase

20 ¡Silencio! ¡SILENCIO!

38 unus uns

138 Qu’e Que

162 n’humedo no húmedo

162 brillo brilo

173 Qu’es Qu’és

212 reisnado resinado

Follas Novas: Versos en Gallego · 第 7 / 7 段