Lonxe caiche, pobre John, d’a tomba

Onde c’os teus en descansar pensaras.

En terr’ allea ind’os teus restos dormen

Y os que t’amaron e recordan inda,

Mirand’as ondas d’o velad’Oceano,

Doridos din, desd’as nativas prayas...

«¡Aló esta él, tras d’ese mar bravio

Aló quedou, quisais, quisais por sempre;

Tomb’onde naide vay chorar, cobexa

Amadas cinzas d’o que nós perdemos!...»

Y os tristes ventos y as caladas brisas,

Qu’os mortos aman si lexanos dormen

D’o patrio chan, á refrescarte veñen,

D’o bran n’a noite calorosa, e traen

Pra ti n’as alas cariñosas queixas,

Brandos suspiros, amorosos ecos,

Algun-ha vagoa sin secar, que molla

A seca pedra d’o mausoleo frio,

D’o teu país algun perfum’agreste.

¡Mais que fermosa e sin igual morada,

Lle coup’en sort’ôs teus mortales restos!...

¡Quixera Dios que para ti non fora

Nobr’estranxeiro habitacion allea!...

Que n’hai poeta, ensoñador esprito

Non pod’haber, qu’ô contemprar n’outono

O mar de sec’amarillenta folla

Qu’o teu mausoleo con amor cobexa;

Qu’ô contemprar n’as alboradas frescas

D’o mes de Mayo as sonrosadas luces

Qu’alegres sempre á visitarche veñen

Non diga «Asin cand’eu morrer, poidera

Dormir en paz, n’este xardin frorido,

Preto d’o mar... d’o cimeterio lonxe...»

Que ti n’escoitas en jamás ¡ou, Moore!

Choros amargos, queixumbrosos rezos,

Ni-os outros mortos á chamarte veñen,

Pra que con eles n’a calada noite

A incerta danza d’os sepulcros bailes.

Sô doçe alento d’o cogollo qu’abre,

D’a frol que mucha o postrimeiro adiose,

Loucos rebuldos, infantiles risas,

De lindos nenos qu’á esconderse veñen,

Sin med’á tí tras d’o sepulcro branco.

Y algun-ha vez ¡moitas quizais! sospiros

D’ardent’amor, qu’o vento leva donde

Dios sabe sô... por sin igual compaña

Dichoso tês n’habitacion postreira.

¡Y o mar, o mar, o bravo mar que ruxe

Cal rux’aquel que t’arrolou n’a cuna,

Mora onda tí, ven á bicar as pedras

D’un chan d’amor que con amor te garda,

Y arredor teu deixa crecé-las rosas!...

Descans’en paz, descans’en paz, ¡ou, Moore!

E vos qu’o amás, d’o vos’honor celosos

Fillos d’Albion, permanecei tranquilos.

Terra fidalga é nosa terra,--tanto,

Cal linda Dios a quixo dar--ben sabe

Honra façer á quen merece honra

Y honrado así, cal mereceu, foi Moore.

Soyo n’está, n’o seu sepulcro; un puebro

C’o seu respeto compasivo vela

Po-lo estranxeiro á quen traidora morte

Fixo fincar lonxe d’os seus y á alleos

Vir á pedir o derradeir’asilo.

Cando d’o mar atravesés as ondas,

Y o voso hirman á visitar vayades,

Poñé n’a tomba o cariñoso oido,

E si sentis rebuligar as cinzas

E s’escoitás indefinibres voces

E s’entendés o qu’esas voces digan,

A yalma vosa sentirá consolo.

¡El vos dirá qu’arrededor d’o mundo

Tomba mellor qu’a qu’atopou n’achara

Sinon d’os seus antr’o amoroso abrigo!

* * *

I

Cal grasiosa brandeas

O teu corpo lixeiro,

Si bailas nos estrados

C’aquel galan soberbo,

Brandea o norte as ponlas

Xentís d’os ameneiros;

Y un-ha tras outra folla

De cor amarillento

Vay deixando, enredada

N’os teus rizos cabelos,

Triste coróa póndoche,

Tan mucha, Dios d’o ceo,

Com’a que n’a alma tua

Pon o teu pensamento...

¡É que se vay o outono!

¡É que se ven o inverno!

Mas inda n’as fonduras

D’o ameno vál, serenos

Sopran ventos soaves,

Qu’aromas trân d’o ceo.

Inda n’a farta veira

Cuberta de xilmendros

Por onde corre o Miño,

Maxestüoso e lento.

Do bran s’oye o mais doce

Sospiro derradeiro

Qu’alí quedou durmindo

Antr’o romeu y o espriego,

Como quedou un rayo

D’espranza n’o teu peito.

II

Mas ô que ten mal sino,

Mal sino o seguirá,

Qu’as rápidas correntes

Non volven nunca atrás.

¿Qu’aspéras, s’a esperanza

Caso de ti non fay?...

Adiante, pelegrina,

Da fin ô teu romax,

Qu’anqu’acabar non queiras

Aló t’han de levar

D’o teu mal fado as ondas

E os fortes huracans.

¡Qu’inda tés fé...! Terála,

Ña probe, n’o teu mal,

Terála n’as espiñas,

Que t’han d’atormentar,

N’a fel que pezoñosa

Sin sede beberás,

N’o pan amargo e duro

Que t’alimentará.

Nunca d’o mar as ondas

Doces se tornarán,

Nunca tua sorte terca

C’a dicha amainará,

Nin c’a ilusion t’alentes

D’un brando descansar;

Que só o sono d’a morte

O triste dorme en paz.

Acaba logo, acaba,

O teu triste romax,

Qu’ô qu’en mal sino nace

Mal sino o seguirá.

N’as alas d’a disgracia

O teu destino vay,

E as rápidas correntes

Non volven nunca atrás.

SIN TERRA

--¡Calade ou ventos nouturnos,

Calá fonte d’a Serena,

Qu’alá por cabo d’as Trompas

Quer’oir quen chega!

Calaron os ventos todos

Xurrou a fonte mais queda,

E vin qu’iban á enterrar

O corazon d’ela.

Vina despois inda viva

Por campos e por devesas,

Mais iña par’un-ha tomba

Pedindo terra.

Nón-n’atopou, e por eso,

Amostra âs vistas alleas

Inda aquel corazon morto

A sua cangrena.

* * *

_Para uns negro,_

_Para outros branco;_

_E para todos,_

_Traspoleirado._

I

--Sé astuto s’é que sabes,

Víngate d’as ofensas s’é que podes,

Ô que che sirva, págalle,

Mais a quen non che de, nunca lle dones;

Porque a moral d’os santos

Non reza sempre c’a moral d’os homes.

Esto un gallego montañés e rudo

Farto d’humillaciós, e de rencores,

Ô agonizar ll’aconsellaba á un fillo,

Herdeiro d’os seus mals e de seu nome.

II

--Sé inxenuo e leal sempre,

Perdoa a quen t’ofenda

Fay ben de cote á amigos y enemigos

Y â porta franca, sin temor, espera,

N’hay mais que un Dios y un-ha moral que salve

Os tristes fillos d’Eva.

Esto a probe viuda

D’o montañés, morrendo antr’a miseria

Resinada ô seu fillo lle dicia...

Y á Dios o esprito ll’entregou serena.

III

E fixolle él as honras,

Mais tan só con xemidos e con vagoas;

Crego non houbo ô rededor, que â probe

O enterro de limosna lle cantara.

N’un corruncho d’o adro

Ond’as ortigas ásperas medraban,

Sin cruz, señal, nin lousa

Alí quedou perdida e sepultada;

E triste o fillo e soyo,

Tornou sañudo a solitaria casa.

--Meu pai doum’un consello, iña pensando,

E miña nay doum’outro;

E s’ela tiña santidá e concencia,

Esprencia el tiña e sabidá d’abondo.

Son fillo d’el e d’ela...

Partirey pois a hirencia de dous modos;

Ña nay, fareille ben á quen cho fixo...

Meu pay, vinganza piden os teus osos.

TRISTES RECORDOS

Un-ha tarde alá en Castilla

Brilaba o sol cal decote

N’aqueles desertos brila.

Craro, ardoroso e insolente,

Con perdon d’él, pois n’é modo

Aquel de queima-l-a xente,

E secar con tales brios

A probe inxeliña pranta,

A fonte, os sedentos rios.

Un-ha tarde, ¡ou que tristeza

M’acometeu tan traidora,

Vendom’en tal aspereza!

¡Á donde vin a parar!

Pensaba mirand’o ceo

Par’a terra non mirar.

Por qu’o ceo era, eso si,

Un mais ou menos azul,

Com’o que temos aquí.

Mentras que’a terra ¡bon Dios!...

Señor, ¿posibre será

Que aquela a fixeses vos?

Mais ¿por qu’estrañarme tal

S’as cousas que vos facés

Jamás as facedes mal?

Fixestes tan tristes llanos,

Mais fixecheos, Dios cremente,

Soyo para os castellanos.

¡Ay! cada pomba ô seu niño,

Cada conexo ô seu tobo,

Cada yalma ô seu cariño.

Aquesto m’eu repetia

N’aquela tarde, recordo

De negra malencolía.

E namentras, contempraba

D’a igual, extensa llanura

A terra que branqueaba.

D’o largo pinar cansado

A negra mancha sin término,

D’o puebro o color queimado.

Y antr’o chan y o firmamento

As nubes de denso polvo,

Qu’iba levantand’o vento.

¡D’o deserto fiel imaxe,

C’o mesmo alento de brasa,

C’o mesmo ardente coraxe!

Ô lonxe o mular pasaba,

Viña a tourada mais preto,

A ovella enferma balaba.

E n’o xa queimado espiño

Fuxindo d’o sol ardente

Pousabase o paxariño.

¡Dios mio, que ansia cativa!

Pesaba en min a tristeza

Cal se m’enterrasen viva.

Lembranzas d’a terra hermosa,

Calmá c’a vosa frescura

As penas d’alma chorosa.

Por qu’ese sedento rio

Envolto en malinas brétemas,

Dá callentura, dá frio.

De pronto oin un cantar,

Cantar que me conmoveu

Hastra facerme acorar.

Era a gallega canzon,

Era o ¡_alalá_!... que fixo

Bater o meu corazon.

Con un estraño bater,

Doce, com’o ben amar,

Fero, com’o padecer.

De polvo e sudor cubertos

C’a fouce ô lombo, corrian

Por aquês campos desertos,

Un fato de segadores...

¡Y eran eles, eran eles,

Os meigos d’os cantadores!

¡Adios, pinares queimados!

¡Adios, abrasadas terras

E cómaros desolados!

Pechei os ollos e vin...

Vin fontes, prados e veigas

Tendidos ô pé de min.

Mais cand’á abrilos tornei,

Morrendo de soidades,

Toda á chorar me matei.

E non parei de chorar

Nunc’hastra que de Castela

Ouveronme de levar.

Levaronme para n’ela

Non me teren qu’enterrar.

* * *

Meses d’o inverno frios

Qu’eu amo a todo amar,

Meses d’os fartos rios

Y o doce amor d’o lar.

Meses d’as tempestades,

Imaxen d’a delor,

Que afrixe as mocedades

Y as vidas corta en frol.

Chegade, e tras d’outono

Que as follas fai caer,

N’elas deixá que o sono

Eu durma d’o non ser.

E cando o sol fermoso

D’abril torne á sorrir,

Que alume o meu reposo,

Xa non o meu sofrir.

* * *

I

Era n’o mes de Mayo,

N’o mes d’o amor, d’as prantas e d’as frores,

Mes d’os soaves prefumes

Y os trasparentes cores.

D’os trinos matinais d’os paxariños,

D’as cándidas e frescas alboradas,

D’as pasaxeiras nubes,

E d’as tardes sorrintes e douradas.

Cand’o mar está azul, o ceo sereno

Com’o dormir d’un neno,

Manso-l-os rios, alta-l-as estrelas,

Mais desvaida a lua

Si tamen mais fermosa,

C’o aquela gracia sin igual que é sua,

Y era en fin cando todo n’esta vida

Sorrí ôs mortais c’a alegre, esplendorosa

Sorrisa virxinal d’a primadera

Que amar y á ser dichoso-l-os convida.

Á todos... ¡ay! quixera

Que así a sorte o fixera,

Mais algun hay qu’envolto n’a negrura

D’a sua propia tristura,

Tan soyo vé, d’a primadera hermosa,

N’o sol morno e n’a rosa

C’o fresc’orballo d’a mañan cuberta,

Un trist’e mal agoiro que desperta

Pensamentos de loito e desventura.

II

Era n’un-ha mañan d’o mes de mayo

En que parés que os ánxeles cantaban,

Mentras mansa-l-as brisas se queixaban

Con amoroso layo:

En que o rego ô pasar po-las curtiñas

Non sey que cousas mormuraba leve,

Y o voar d’as inquietas anduriñas

Que n’os aires chiaban,

 vista d’os nubeiros sabidores

Venturas e contentos agoiraba:

Mañan d’encantos cheya

Cal o esprito as deseya,

Cando espera e confia:

Mañan que chama á toda crás de seres

Ô pracer y â alegría,

Menos â triste yalma,

Que dendes qu’ é, non sabe

Qu’ é ter sosego ou calma,

Dond’a dozura d’o gozar comence

Dond’a crudeza d’a delor acabe.

III

D’a Garda, anxel bondoso,

Qu’as brancas alas paseniño bates

Ô rededor d’o acongoxado esprito,

Pra derramar en él santos consolos

Que nos trâs d’o infinito,

¿En donde, en dond’estabas

Qu’antre negros querbantos

Soya, un alma tristisima deixabas?

Fé, esperanza, virtudes,

Orixen d’as eternas beatitudes,

E que dendes rexiós mais venturosas

Vindes calmar as amarguras nosas...

¿Dond’estades, en donde?

¿Cand’o qu’en vos confia,

Soyo, en loita c’o as ansias d’a agonia,

Orfo vos chama, e naide lle responde?

IV

Por aqueles que odiaba perseguido,

Po-los que amaba odiado,

Un triste á dura sorte condenado

Contempraba d’o cántabro a bravura

Con un ollar profundo,

Cal si tras de tan fonda sepultura

Entrevise as anchuras d’o outro mundo.

E con ánimo forte,

D’o liquido cristal hastra tocalo,

En carreira chegou vertixinosa

Cal s’atraison d’o abismo misterioso,

Con forza estraña o conduxese â morte.

E dixo:--¡Vida, adios! ¡adios, tormento

Que con martirio lento,

M’arrancache astr’os soños d’a esperanza,

D’a desventura miña

Vou á crebar o brazo poderoso,

Alí donde n’hay dor, nin hay mudanza,

E s’enterra a inquietude n’o reposo!

¡E ti, mala pasion qu’en min te cebas

E foches o meu Dios y o meu castigo,

Xa que me quês matar, morre conmigo!

Calou o triste, e inmensas, pavorosas

C’as suas crins espumosas,

Retorcerons’as ondas po-la area

Incitand’ô coitado

Á dar fin â pelea

Que houbera n’o seu peito encomenzado.

Mais un brando sonido

Fireu de pronto o contrubado oido

D’aquel ser desdichado...

E escoitou asombrado

D’un invisible ser a fala hermosa

Que con branda e celeste melodía,

Soave e mainamente lle decia:

--«¡Detente ô pé d’a orela

D’a tua vida, cobarde centinela,

Non queiras por fuxires d’o presente

D’a eternidade descorré-l-os velos!

Agarda á que a medida

Con rosas ou con fel, henchas d’a vida,

Nin fagas que n’a tomba se derrame

Antes que Dios ch’a pida.

Que ningun fillo d’Eva

Ô fin s’ha de librar d’o seu penare

Anque â morte s’astreva.

Despois d’atravesare

Os desertos inmensos d’o infinito,

Ô mundo volverias en esprito

Á sofrir, y o teu crimen á pagare.

As noites tras d’os dias

Sin descanso nin tregua

Apegado á aquel seo te verias,

D’o ingrato corazon vend’os batidos

Non por ti, mais por outros repetidos.

En’aquel pensamento

Con impracable craridá leerias

A traizon alevosa, o olvido amargo

Sin velo qu’os crubir, nin finximento.»

--«¡Ou Dios, Dios poderoso!...

¡Que tormento espantoso!...»

--«Ninguen torce o poder d’os seus destinos,

Infaustos ou beninos:

Nin á ninguen ll’é dado

Renegar d’o seu fado.

Sô vence quen espera...

Volve á vivir e espera resinado.»

E tornou á vivir, arrepentido

Anque trist’e dorido,

Aquel probe coitado:

Pideull’á Dios perdon d’o seu pecado,

E Dios compadecido

Mandoulle santa paz e doce olvido.

¿QUÉ TEN?

Sempre un ¡ay! prañideiro, un-ha duda,

Un deseyo, un-ha angustia, un delor...

É un-has veces a estrela que brila,

E outras tantas un rayo d’o sol;

É que as follas d’os árbores caen,

É que abrochan n’os campos as frols,

Y é o vento que zoa,

Y é o frio, é a calor...

E n’é o vento, n’é sol, nin é o frio,

Non é... qu’é tan só

A alma enferma, poeta e sensibre

Que todo a lastima,

Que todo lle doy.

* * *

Tí, a feiticeira e branca coma’as neves,

Y a linda, antr’as millores,

Tí, arrededor de quen, cal as abellas

A redor d’un-ha rosa, andan os homes,

(Xente qu’o mesmo acaso qu’as mulleres

É dada á toda crase de traizoes);

Non queiras en jamás, s’és queridora,

Non dones en jamás mas que che donen,

S’é que te firen, miña prenda rîte,

S’é que t’engañan, meu amor, non chores.

Vé que pasou o tempo d’as Corinas

Y o mais qu’ora se sofre,

Só porque non se diga,

É rabiar cant’un pode.

--¡Rabiar no mais... dixera que mentides!

--Sí, sí, rabear ben forte;

Mas c’a rabia picante e aguilloeira

Qu’é salsa apetitosa d’as pasioes.

¿Que fora ¡ou Dios! sin os asentes feros

D’os estómagos probes?

D’os corazós d’o dia,

¿Que fora sin as rabias, meu amore?

RUINAS

(ARMONÍAS D’A TARDE)

_Traduccion de Ruiz de Aguilera_

Xa Novembr’espiraba

Cando cansado e sóo, tomei asento

Ô pé d’o endebre muro,

Vella defensa e límite d’un puebro.

Po-las abertas fendas,

Casa qu’âs sabandixas abr’o tempo,

Hoxe o lagarto mira

Con fria ollada o estrago en torno feito.

Sin còre a trepadora,

Ortiga vil e xaramago enfermo,

Cuyos muchos ramallos

Moven os aires ô pasar xemendo;

Coroan capiteles

Ô destrozado pórtico d’o tempro,

Que tende n’a campía

Antre polvo d’altares o esqueleto.

Xa n’o lare sagrado

Lume n’encende a nay ô son d’un rezo,

E d’a tisnada pedra

A borralliña os ventos xa barreron;

E xa d’os vellos arcos

E colunas, as pedras van caendo,

Cal un-ha e outra vagoa

Cai d’os ollos d’un triste sin achego.

¡Como as muchadas follas

Se desprenden d’a ponla onde naceron,

Restos d’aquela vida

Con qu’a vista encantaba o souto ameno!

¡E cal amostra o rio,

Casi-qu’enxoite o empedregado leito,

Regueiro miserable

D’outro farto raudal, limpo e sereno!

¡Cal os outeiros arden

D’o sol d’outono ô làmpo derradeiro,

Mentras sombrisa a noite

Vay caladiña os valles sorprendendo!

Bataladas ô lonxe

Dá un-ha campana sospirando resos;

Y-a tarde qu’agonisa

Mandalle â relixion o adios mais tenro.

Y-o moucho revoando

Berra tamen con chilos agoreiros,

Coma morto sin tomba

Qu’anda soyo ô redor d’un simeterio.

Cand’as alas sacude

A voz desperta de dormidos ecos;

E parés que resoa

Tras d’o que pasa pensatible, austero,

O ruxir misteiroso

De visiós qu’en tropel forman os medos,

Po-lo chan arrastrando

Pardo sayal, os brancos esqueletos.

Ou ben que resucita

A pobracion d’o seu reposo eterno

Rendido pelegrino

Que cobra, descansando, novo alento,

Y-a camiñata emprende

Ô doçe amañecer d’un dia sereno,

Que crube os seus albores

Baix’un de nubes pudoroso velo.

Mais acabase o encanto

Un momento despois; así os xa restos

D’as ilusiós mortiñas

Enchen d’a yalma o dolorido seo.

Y ora outra ves d’o muro

Os cantos sin parar rodan desfeitos,

Y-ô seu compá-las-follas

D’as amarelas ponlas van caendo,

Cal unha e outra vagoa

Cay d’os ollos d’un triste sin achego,

Ou anacos d’a vida

Con qu’a vista encantaba o souto ameno.

Todo así pasa; a sombra

Sigue decote a lus d’o craro ceo;

E ¡ay! a vellés caduca

D’a mocedà é recordo pasaxeiro.

Ti soyo non acabas

¡Ou esprito que ximes n’un encerro!

Mais con man compasiva

A morte, ô fin, quebrantará os teus ferros.

Quedará o fráxil vaso

D’a tua esencia inmortal anacos feito,

E po-los aires, ela

En busca irá d’o seu amor eterno.

 terra que perdeche,

Voarás lixeira d’o manchado suelo,

Qu’as tuas alas tocaron

Ô pousarte d’o mundo n’o deserto.

N’el ¡ay! triste a recordas,

Como d’a sua os azulados ceos,

O probe desterrado

N’a veiriña d’os rios estranxeiros.

* * *

Chirrar d’os carros d’a Ponte,

Tristes campanas d’Herbon,

Cando vos oyo partídesme

As cordas d’o corazon.

Ceboleiras qu’is e vindes

D’Adina po-los camiños,

Á veira d’o camposanto

Pasá leve e paseniño.

Qu’anque din que os mortos n’oyen,

Cand’os meus lle vou falar,

Penso, que anqu’estén calados

Ben oyen o meu penar.

A BANDOLINATA

C’a espada asesina

N’o peito encrabada,

O esprito n’a sombra

Y o corpo n’a lama,

Mais negra que a morte,

Que a terra mas baixa,

Bagullas de sangre

Chorando eu estaba.

De pronto antre o espeso

D’a brétema parda

Con rara armonía

Saliu un-ha cántiga...

¡Que fresca e que doce,

Que leve e qu’estraña

Soou n’as recónditas

Cavernas d’a praya!

Calmouse o meu dore

Cal sede c’a yaugua,

D’o probe sedento

N’a fonte se calma.

N’os ollos detidas

Quedaron-s’as vagoas,

Namentras inmoble

Suspensa escoitaba.

De tempos remotos

D’edades leixanas,

De noites sereas,

Pra sempre acabadas,

Aquel cantar tróuxome

Non sey que lembranzas,

Non mortas... dormentes,

¡Quen sab’en que campas!

Coidara que a oira

N’os campos d’Italia,

Send’eu quizais reina,

Quizais send’escrava,

N’a orela do Bósforo

D’o pazo â ventana...

Mais sempre amor fondo

Sentindo n’a yalma.

¡Qu’estraños soñares

S’en min despertaran

D’o músico incónito

C’a sonora cántiga!

¿D’anteriores vidas,

Cales recordanzas

Calmaron a dore

D’as presentes ansias?

¿Quen pode decilo?

Misterios d’a humana

Fraxil natureza

Naid’os espricara;

So sey que sintindo

Consolo n’a yalma

Amey desd’estonces

A bandolinata.

* * *

Brancas virxes de cándidos rostros,

Varons santos de frente serea,

Nobres matronas,

Monxas austeras,

Y aind’aquelas que parés que nunca

Tocaron c’as prantas

Os lodos d’a terra,

N’a concencia ¿quen sabe á escondidas,

As manchas que levan?

Mais s’hay anchos rios,

E mares imensos,

E lagos sin fondo,

E torrentes que arrancan as penas,

D’este mundo n’os ámbitos todos

N’hay auguas que laven

Manchadas concencias;

Y aqués que se manchan,

Manchados se quedan.

¡Soyo as lavan as vagoas abondas

D’a penitencia!

VANIDADE

Alguns ricos enterrans’ô probe,

E alguns probes ô grande s’enterran,

Todos para distinguirse,

E hastr’ô morrer ter fachenda.

¡Vanidá! ¡canto vals antr’os homes

Qu’hastr’as portas d’a morte penetras!

Mas des que cân n’o burato,

Todos iguales se quedan

Y o polvo, ô polvo se torna

E ond’os vivo-la soberbia.

* * *

--Para á vida e para á morte

E para sempre en jamas

Pedinte a Dios, e Dios dóuteme

Por toda un-ha eternidad.

--Para á vida e para á morte

E para sempre en jamas,

Quero ser vosa, e que séades

O meu señor natural.

--Mais a que así querer sabe

Non debe ter pay, n’hirmans,

Nin home, s’é qu’é casada,

Nin fillos si acaso é nay.

--Espanta o qu’estás decindo...

Mais eu sinto qu’é verdá,

Lévame señor qu’ irey

Ônda me queiras levar.

--Pois vente ¿qu’importa o mundo

A quen ten á eternidá?

Xuntos hemos de vivir,

Xuntos nos han d’enterrar,

Y os nosos corpos aquí,

Y as nosas almas alá,

Quer Dios qu’en union eterna

Esten pra sempre en jamás.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

Cal ô páxaro á serpente,

Cal â pomba ó gabilan,

Arrincouna d’o seu niño

E xa nunca á el volverá.

* * *

Apresa Alvaro d’Anido,

Vive moito en pouco tempo,

Espolea o teu cabalo,

E espoleandoo revéntao.

¿Qu’importa un nobre cabalo?

¿Qu’importan dous nin trecentos?

O qu’importa Alvaro Anido

É chegar cedo.

Vay d’un polo á outro polo,

Rexistra os antros terreos,

Monta n’a locomotora,

Sube n’os grobos aereos,

E c’o a centela recorre

D’o vacío o espazo inmenso:

És home, e cansarás, Alvaro,

Correndo e correndo.

* * *

Decides qu’o matrimonio

É santo e bueno, serayo,

Mais non casou San Antonio,

Por mais qu’o mesmo demonio

Tentouno á facé-l’o ensayo.

Celicios, cantos poder,

Penitencias á Dios dar,

Mais santo n’oubo á meu ver,

Que d’os casados quixer

C’a pesada cruz cargar.

Nin os santos padres todos,

De quen tès tantos escritos

E alabas de varios modos,

Quixeron n’aqueses lodos

Meter os seus pés benditos.

D’o direito, d’o rivés,

Matrimonio, un dogal és,

Eres tentazon d’o inferno,

Mais casarei... pois no inverno

¡Non ter quen ll’a un quente os pés!...

* * *

Agora cabelos negros,

Mais tarde cabelos brancos;

Agora dentes de prata,

Mañan chavellos querbados,

Oxe fazulas de rosas,

Mañan de coiro enrugado.

Morte negra, morte negra,

Cura de dores e engaños,

¿Porque non mata-l’as mozas

Antes que as maten os anos?

* * *

--Premita Dios que te vexas

Cal as cóbregas arrastro,

Qu’a yaugua que á beber vayas

Che se volva xaramagos.

Que pidas e non atopes

Pousada, acougo, n’amparo,

E qu’inda morto de fame,

Quedes ô pé d’un valado.

--Praguea boca, praguea

Mentras qu’eu me vou marchando,

Pragas de malas mulleres,

Nunca lle cân ôs soldados.

* * *

Teño un mal que non ten cura,

Un mal que naceu comigo,

Y ese mal tan enemigo

Levarám’â sepultura.

Curandeiros, ceruxanos,

Dotores en medeciña,

Pr’a esta infirmidade miña

N’ hay remedio antr’os humanos.

Deixá pois de remexer

Con concencia ou sin concencia,

Os libros d’a vosa cencia,

Pois para min n’a han de ter.

¿Qu’o dudás? duda non cabe

N’esto que digo, doutores,

Anque pese, hay amargores

Que non pasan con xarabe.

¿Asañásvos porque digo

Verdás que sabés de sobra?

--Pois á probar... mans â obra...

Vede de curarme, amigo.

O meu mal y o meu sofrir,

E o meu propio corazon,

¡Quitaimo sin compasion!

Despois ¡facème vivir!

* * *

Sarna con gusto, non pica;

O conto é sarna sin él,

Y o verdadeiro castigo

N’o mais fondo ha de doer.

Non é sufrir chorar sangre,

Ôs pés de quen un quer ben,

D’él vivir lonxe, e olvidado...

¡Este sí que penar é!

* * *

«É verdade qu’un pode

Ser pior ou millor,

Pero vir de bon tronco

Eso sempre foy bo.

Teus pais eran xitanos,

E ti oxe eres marques,

Mas que... que ô fin y ô cabo

Un ven de donde ven.

Can fillo d’un raposo

Que o teñan por leal,

Que si non come os pitos

É que non poderá.»

Esto cantaba un cego

N’a feira d’Asuncion,

E d’o seu cantar ríanse

Todos, qu’era un primor.

Y uns ôs outros mirábanse

Cal querendo decir:

--Rasquese á quen lle proya

Qu’esto non vay pra min.

* * *

Fas uns versos... ¡ay qué versos!

Pois cal eles non vin outros,

Todos empedregullados

E de cotomelos todos,

Parecen feitos adrede

Para lerse á sopramocos.

* * *

Tembra un neno no húmido pórtico...

D’a fame e d’o frio

Ten o sello, o seu rostro de anxel,

Ind’hermoso mais mucho, e sin brilo.

Farrapento e descalzo, n’as pedras

Os probes peiños,

Que as xiadas d’o inverno lañaron,

Apousa indeciso.

Pois parés que ll’os cortan coitelos

D’aceirados fios.

Coma can sin palleiro nin dono,

Que todos desprezan,

N’un corruncho s’esconde tembrando

D’a dura escaleira.

E cal lirio se dobra ô secárese,

O inocente a dourada cabesa

Tamen dobra, esbaesido c’a fame,

E descansa c’o rostro n’as pedras.

E mentras qu’el dorme

Trist’imaxen d’a dor y a miseria,

Van e vên ¡_á adoraren o Altísimo_!

Fariseyos, os grandes d’a terra,

Sin que ô ver d’o inocente orfandade

Se calme d’os ricos

A sede avarienta.

O meu peito c’angustia s’oprime

¡Señor! ¡Dios d’o ceo!

¿Por qué hay almas tan negras e duras?

¿Por qué hay orfos n’a terra Dios boeno?

Mais n’en vano sellado está o libro

D’os grandes misterios...

Pasa a groria, o poder y a alegría...

Todo pasa n’a terra. ¡Esperemos!

IV

D’A TERRA

¡CALADE!

Hay n’as ribeiras verdes, hay n’as risoñas prayas

E n’os penedos ásperos, d’o noso inmenso mar,

Fadas d’estraño nome, d’encantos non sabidos

Que sô con nos comparten seu prácido folgar.

Hay antr’a sombr’amante d’as nosas carballeiras,

E d’as curtiñas frescas, no vívid’esprendor,

E n’o romor d’as fontes, espritos cariñosos

Que só ôs qu’aquí naceron, lles dan falas d’amor.

Y hay n’as montañas nosas, e n’estes nosos ceos

En canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,

Cores de brilo soave, de trasparencia húmida,

De vaguedad’incerta, qu’á nos só dá pracer.

Follas Novas: Versos en Gallego · 第 4 / 7 段