O simiterio d’a Adina

N’hay duda qu’é encantador,

C’os seus olivos escuros

De vella recordazon;

Co seu chan d’erbas e frores

Lindas, cal n’outras dou Dios;

C’os seus canónegos vellos

Que n’el se sentan ô sol;

C’os meniños qu’alí xogan

Contentos e rebuldós;

C’as lousas brancas qu’o cruben,

E c’os humedos montons

De terra, ond’algun-ha probe

Ô amañecer s’enterrou.

Moito te quixen un tempo,

Simiterio encantador,

C’os teus olivos escuros,

Mais vellos qu’os meus abós,

C’os teus cregos venerables,

Que s’iban sentar ô sol,

Mentras cantaban os páxaros

As matutinas cancións,

E c’o teu osario humilde

Que tanto respeto impon

Cando d’a luz que n’el arde

Vé un de noite o resprandor.

Moito te quixen e quérote,

Eso ben o sabe Dios;

Mas hoxe, ô pensar en tí

Núbrasem’o corazon,

Qu’a terra está removida,

Negra e sin frols.

_¡Padron!... ¡Padron!..._

_Santa María... Lestrove..._

_¡Adios! ¡Adios!_

III

Fun un dia en busca d’eles,

Palpitante o corazon,

Funos chamando un a un

E ningun me contestou.

Petey n’un-ha y-outra porta,

Non sentin fala nin voz,

Cal n’un-ha tomba valdeira

O meu petar resonou.

Mirey po-la pechadura,

¡Qué silensio!... ¡qué pavor!...

Vin no mais sombras errantes

Qu’iban e viñan sin son,

Cal voan os lixos leves

N’un rayo d’o craro sol.

Erguéronsem’os cabelos

D’estrañeza e de delor,

¡Nin un soyo!... ¡nin un soyo!...

¿Dond’están? ¿que d’eles foy?

O triste son d’a campana,

Vagoroso á min chegou...

¡Tocaba a morto por eles!...

_¡Padron!... ¡Padron!..._

_Santa María... Lestrove..._

_¡Adios! ¡Adios!_

PASADE

Brila’rayo d’aurora,

Cal un sono de paz branco e purisimo,

¿Á aquel que naceu cego que ll’importa

O teu fulgor divino?

Xemí serenas ondas

C’o romor d’os pinares,

Músicas ¡ay! e cantos y armonías

Par’un xordo ¿que valen?

¡Pasá!... pasade hermosas,

Feitizo d’os qu’esperan e d’os qu’aman;

Amores e praceres son mentira

Pra quen ten seca a yalma.

* * *

¿Por qué, Dios piadoso,

Por qué chaman crime

Ir en busca d’a morte que tarda

Cando á un esta vida

Lle cansa e lle afrixe?

Cargado de penas,

¿Qué peito resiste?

¿Cal rendido viaxeiro non quere

Buscá-lo descanso

Qu’o corpo lle pide?

¿Por qué s’un non rexe

As dores qu’o oprimen?

¿Por qué din que t’amostras airado

De qu’un antr’as tombas

A frente recrine?

Inferno n’o mundo,

E inferno sin límites

Mais alá d’esa coba sin fondo

Qu’a yalma cobiza

Qu’os ollos non miden.

S’é qu’esto é verdade,

¡Verdade terrible!

Ou deixad’un inferno tan soyo

De tantos qu’eisisten

Ou si non, Dios santo, piedade d’os tristes.

¡SOYA!

Eran craro-los dias

Risoña-l’as mañâns,

Y era a tristeza sua

Negra com’a orfandá.

Iñase a amañecida

Tornaba c’o a serán...

Mais que fora ou viñera

Ninguen ll’o iña á esculcar.

Tomou un dia leve

Camiño d’o areal...

Como naide a esperaba,

Ela non tornou mais.

Ô cabo d’os tres dias

Botouna fora o mar,

Y alí ond’o corvo pousa,

Soya enterrad’está.

III

VARIA

N’HAY PEOR MEIGA QUE UN-HA GRAN PENA

I

--Marianiña, vait’ô rio;

--Deixa ña nay qu’aquí estea,

Qu’eu non vexa a luz do dia,

Que a luz á min non me vexa.

--¿Qu’estás dicindo rapaza?...

--Que onte â mañan n’a debesa

A yaugua se tornou roxa

Cando me fun lavar n’ela;

Qu’en baixo dos meus peíños

Iñanse muchand’as erbas,

Que ô ferirme o sol n’a cara

Tornouma color d’a cera;

Que os ourizos d’os castaños

N’os meus cabelos s’enredan,

Qu’as espiñas d’os espiños

Contra min se volven feras;

Qu’ô pasà-l-as corredoiras

Prenden en min as silveiras;

Que me pican as ortigas;

Que me mágoan as areas,

Y os paxariños ô verme

Din cantand’en son de queixa:

_¡Vay á morrer Marianiña!..._

_¡Rezade todos por ela!_

--¡Ay, miña virxe d’o Carme,

Que a miña filla está enferma!

¡Ay Dios! que m’a enfeitizaron...

¡Ay, qu’a abafou un-ha meiga!

Non foras ti tan bonita,

Naide envidia che tivera.

Prenda d’as miñas entrañas,

Ven á min, non tomes pena,

Que has d’ir á San Pedro Martir,

Mais que boys e vacas venda...

--Mi madriña, mi madriña,

Levaime á donde quixeras,

Mas para min n’hay remedio

En todo o redor d’a terra,

Sinon é n’un corazon

Que m’oprime antre cadeas,

Si n’é n’un-ha mala boca

Que me pragueou maldicenta...

--¿Quen te pragueou, ña filla?

¿Que males, meu ben, fixeras?

--Non mo preguntés, mi madre,

Vale mais que nunca o sepas.

Secretos d’esta feitura

Deben dormir antr’as pedras.

--Fala, rapaza, que sinto

Ferverme o sangre n’as venas.

--Qu’eu non vexa a luz d’o dia,

Que a luz á min non me vexa...

Mi madriña, mi madriña,

Non me maldizás cal ela.

Deixám’ir co meu sacreto

Dormir n’o fondo d’a terra.

--Non irás co teu sacreto.

Non irás, anque ben queiras;

Qu’alí á preguntarcho fora

Tu madre, e alí responderas.

--¡Ay, mi madre! era bonito

Coma os anxos d’as igresias,

Era en falas amoroso,

Muito, muito, mais que as sedas,

Era doce... muito, muito,

Mas que a mel que say d’a cera.

Olía á rosas de Mayo,

Seus ollos eran estrelas,

E tiña cal ouro puro

A enrisada cabeleira...

--Acaba, Mariana, acaba,

Que o corazon se m’aperta...

¿De quen falas? dimo, dimo...

¿Ou quizais soñaches, nena?

--Non soñei, mi má, non soño,

Anque soñar ben quixera.

Folguey c’o conde, señora,

Prometido d’a condesa.

Falábam’antr’os carballos

Cand’iba ô monte por leña,

Falábame ô pé do rio,

N’as tardes do vran serenas,

Faley con él... ¡ay, falára,

Mi madriña a vida inteira!

--¡Ay! miña Virxe querida,

Qu’a miña filla está enferma,

Enferma de mal d’amores

Qu’enfermaron a honra d’ela.

Ben fan en cantarch’os páxaros,

Marianiña, miña prenda:

«¡_Vay á morrer Marianiña_!

¡_Que rezen todos por ela_!»

Marianiña vay secando,

A probe sin sangre queda,

N’hay alimento que tome,

N’hay augua que ll’apeteza.

Amigas n’hay qu’a consolen,

Músicas n’hay que a entreteñan,

Y â vista do sol acora,

Y â vista das frores tembra.

A sua nay anda tola

En busca de santas erbas,

Que n’o leito de Mariana

Pon de noite â cabeceira,

E vay d’hermida en hermida,

Leva ofrenda tras ofrenda

Á cada bendita virxe,

Á todo-l-os santos reza

Y âs ánimas lles pon luces

Para que pidan por ela.

Pero non sanda Mariana,

Mariana sin sangre queda...

Todos dîn qu’un-ha _chuchona_

Ven de noite a chuchar n’ela,

E hay algun que veu de noite,

A _compaña_ po-l-aldea.

II

--¿Conque morre a namorada?

¿Por min morre a linda nena?...

¡Nunca! porqu’eso non fora

Dino d’a miña nobreza.

Enxugad’esas bagullas,

Non chores mais, probe vella,

Que a nena d’as trenzas longas

Ben pronto será condesa.

Vamos á darlle’esta nova,

Vámonos á cabo d’ela.

E a trote largo camiñan

Po-l-o medio d’a debesa.

--Meu señor... ¿n’oís os corvos?

Veñen camiño d’a aldea...

Mirá cal baten as alas...

Cal baten as alas negras.

--Deixá que as batan, qu’é cousa

D’os corvos facer tal moestra.

--Señor, señor... ¡como chilan!

¡Que agoreiramente berran!

É porque adiviñan a morte,

É que mortandade hay cerca.

--¡Habráya! que Dios acolla

Á aquel que deixa esta terra.

--Meu señor, tocan á morto...

¡Ay! tocan n’a nosa igrexa...

¡Ña virxe! ¿Quen morreria?

--Non pensés en quen morrera,

Pensá, ña vella, tan soyo

Na vosa filla que pena.

--Señor, señor... pouco andamos,

Picáde, por Dios, espuela,

Qu’ô salir â mañanciña,

N’habia enfermos n’a aldea

Sinon era miña filla,

Que tiña o color d’a terra

Y os pés com’a neve frios,

Y as manciñas coma cera,

Y ô redor d’os tristes ollos

Un-has coma manchas negras.

--Afrixísme co eses ditos,

E aguillóame a impacencia...

Medio condado daría

Por salvar a vida d’ela;

D’a mais fermosa villana

Qu’hay en toda a redondeza.

Mas s’é qu’atopase morta,

Si tal nos acontecera...

Xa qu’a matase, hastr’a morte

Hey de facer penitencia.

Morreu, morreu Mariana,

O conde víun’antr’as velas,

Mais ela no veu á el

Qu’antes de chegar morrera.

Morreu como un paxariño,

Y antr’os lenzos qu’a rodean

Parés un anxel qu’agarda

Que veñan d’o ceu por ela.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

Ninguen soupo que d’amores

E que d’olvido morrera.

Uns dixeron qu’un-ha praga

Con ela n’a tomba dera;

Outros contaban que fora

D’abafada d’un-ha meiga...

Mais por ela o conde fixo

Hastra ô seu fin penitencia.

VAMOS BEBENDO

--Teño tres pitas brancas

E un galo negro,

Que han de poñer bós ovos,

Andand’o tempo.

Y hei de vende-los caros

Po-lo Xaneiro.

Y hei de xuntá-los cartos

Para un mantelo,

Y heino de levar posto

No casamento,

Y hei...

--Pois mira, Marica,

Vay por un neto

Qu’antramentas non quitas

Eses cerellos,

Y as pitas van medrando

C’o galo negro,

Para poñé-los ovos,

E todo aquelo

Do xaneiro, d’os cartos,

Y o casamento,

Miña prenda da yalma

¡Vamos bebendo!

* * *

--Un verdadeiro amor é grande e santo,

D’os encantos encanto,

Y é doce... doce antr’as dozuras todas.

--Seica por eso tanto

Tras d’un’has y outras modas,

Dalle por empachar, anque ben sabe.

--¿Por mais qu’acabe en bodas?...

--Anqu’en bodas acabe;

Pois coma todo doce, miña vida,

Y esta é cousa sabida

Coma que queima o fogo,

Canto mais com’un d’el, repuna logo.

* * *

--Non cantes, non chores, non rias, non fales,

Nin entres, nin sallas sin m’o perguntare.

¡Válate San Pedro, con tanto gardarme!

--Pois de qu’así sea, nena, non t’asañes,

Que cantes, que chores, que rias, que fales...

¡Can pasa! n’un tempo, meniña, diranche.

¡ADIANTE!

N’o escuro pavoroso

Y antr’o xordo romor d’os pinos bravos

Qu’a tempestá azoutaba com’a escravos,

Oyeuse, como queixa de raposo

Un asubio medoso.

E un layo de temor que daba frio,

Ô medoso asubio,

Respondeu dend’o fondo d’a espesura

Aumentando n’o espiritu a tristura

Que daba o ronco marmurar d’o rio.

Antr’as negras ribeiras manso e lento,

Como corre o abatido pensamento

Antr’os tristes remorsos y a esperanza,

Iña á compás do vento

Correndo tras d’a estensa lontananza.

Mais cabe d’ancha orela,

Misterioso e agachado un centinela,

N’un-ha lancha d’o Miño apousentaba;

Y a arma n’a man y en vela

Á través d’a ramaxen axexaba.

¡NIN ÂS ESCURAS!...

I

--Tod’está negro, as sombras envolven a vereda,

E nin o ceu ten ollos, nin o pinar ten lengua.

¡Vamos! D’o que hay oculto, ¿quen midéu as fonduras?

¡Alma n’habrá que sepa!... ¡ven!... a noit’está escura.

--¿Escura?... mais relumbra non sei que luz traidora...

--É un-ha estrela que brila, n’as auguas bulidoras.

--¿E non oyes que runxe algo ond’aquel herbal?

--É o vento que anda tolo, corrend’antr’a follax.

--Escoita, sinto pasos, e asoma seica un bulto...

--¡S’é un vivo, matarémolo! non fala s’é difunto.

--Mais aquí ond’este cómaro, hay un-ha cova fonda,

Ven, e santos ou deños, que nos atopen ora.

II

¿Á donde irei conmigo? ¿Donde m’esconderei,

Que xa ninguen me vexa y eu non vexa á ninguen?

A luz d’o dia asómbrame, pásmame a d’as estrelas.

Y as olladas d’os homes, n’a yalma me penetran.

Y é que o que dentro levo de min, penso que ô rostro

Me sai cal sai d’o mare, ô cabo un corpo morto.

¡Houbera, e que saira!... mais non, dentro te levo:

¡Fantasma pavoroso d’os meus remordementos!

* * *

Xigantescos olmos, mirtos

Que brancas frores ostentan

Un-has con cogollos inda,

Outras que o vento esfollea.

Buxos que xa contan sigros

E que xuntos verdeguean

Formando de rama e troncos

Valos que naide atravesa;

E n’os que moy descansadas

Fan o seu niño as culebras.

Loureiros irmans d’os buxos

Po-la altura y a nacenza,

Pois arraigaron á un tempo

N’o mais profundo d’a terra.

Limoeiros e laranxos

Qu’o verde musgo sombrean

Y olido esparcen d’azare

Con que a xente se recrea.

Eternos bosques en donde

Sombrio misterio reina,

Onde sô os paxaros cruzan

Po-las tristes alamedas

Onde ô marmular as fontes

Un coidara que se queixan,

Y ond’o mesmo sol d’o estio

Melancónico penetra.

Y en medio d’esta espesura

E d’esta hermosa tristeza

Nun-ha casa inda mais triste,

Sí de fachada soberba,

Alí din que ten o niño

A nai de toda-las meigas:

Casa con portas de cedro,

En cada ventana reixa,

Cociña coma de monxes,

Silencio coma d’igrexa,

Criados que non dan fala,

Cans que morden como feras,

Alí a viron negra e fraca

Com’un-ha gata famenta

N’o mais san e mais frorido

D’a hermosa terra gallega.

Y estes mals que nos afrixen

Din que todos veñen d’ela...

¡Mais socede n’esta vida

Que os que tên culpa n’a levan!

CADA COUSA N’O SEU TEMPO

D’o alegre Mayo, un-ha alborada fresca

Foit’á sorrir n’o outono malencónico,

E por nadal os membros ateridos

Quentache ben contente, á un sol d’agosto;

Despois trembaches espantado, e fuches

Buscand’a sombra inquieto e pesaroso,

Mais a mamoria preguizosa, tarde,

Trouxera ô teu recordo

Que aqueses cambios bruscos

Raros e intempestosos

De loitos e pesares, n’esta vida,

Sinal segura eternamente fonon.

E tras d’aquel calor que ch’emprestara

N’o inverno un sol d’agosto

So sentiche d’a frebe o mortal frio

Qu’ helou hastr’os teus osos.

_As cousas n’o seu tempo_

_Y as feras n’o seu tobo._

* * *

Cabe d’as froles a nena

Cant’alegre o seu cantar,

Y é branca com’azucena

Pálida como o luar.

E ond’a boquiña un lunar,

Gracioso lle dou Dios, tan feito, tanto,

Qu’é de todos o encanto.

¡Cor de luar... que cor lindo!

Uns ollos cal noit’escura,

Labios que falan sorrindo

Y aquel sinal... fermosura

Mais, non cabe en criatura

Qu’a que Dios quixo darche, linda rosa,

Doce, casta e preciosa.

Ser amada, ese é o teu sino,

Amada cal n’outra houber,

E ¡que dichoso destino!

Ser querida e ben querer.

Hey a ambicion d’a muller

E o soyo ben que buscan sin medida

N’esta mísera vida.

Pero nena alunarada,

¿Sabes o qu’o refran di?

Qu’é en amores desdichada

A que un lunar ten así.

E tamen din qu’o eres ti,

Á pesar d’as risadas d’os teus labios

Que non saben d’agravios.

En bon hora, ó en mal hora

Que n’esto d’enamorar,

Tamen se mete a traidora

Mala sorte á traballar.

E métese á enfeitizar

Corazons inocentes e almas puras

N’afeitas á amarguras.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

¡Ay d’a nena alunarada

Pálida como o luar!

Como canta o seu cantar

Tan serena e sin pensar

Que a que lunares ten, fertuna esquiva

Lle ha de ser mentras viva.

Alegre e dichosa canta

Aquela linda canzon,

Que trai a sua mente tanta

Querida recordazon,

Que asin é, coma oracion

Que a yalma, triste, con amor marmura

Pedind’a Dios ventura.

Y ela non pensa toliña

E non maxina a coitada

Que mal tras d’o amor camiña

E ten fertuna menguada.

A que nase alunarada:

Que a que ten un lunar tan primoroso

Nunca terá reposo.

Tan soyo t’agardan penas

Linda rosa a d’o lunar,

As grandes tras d’as pequenas,

Un-ha tras outra á chamar

 tua porta han de chegar,

Que naide, tal é a forza d’o destino,

Naide torce o seu sino.

PELOURO QUE RODA

Dou encomezo pensando,

Despois, gustoulle pensar,

E d’este gusto o deseyo

Á toda presa se vay.

E decote descendendo

Descendendo sin parar,

Desd’o deseyo ô pecado

Á toda presa se vay.

A DISGRACIA

¿Por qu’existe? ¿quen é? ¿dond’a soberba

Morada ten? ¿arteira en donde habita?

Sono lixeiro ou pasaxeira nube

Pra moitos é, qu’apenas deixa rastro.

Outros os golpes alevosos sinten

Que ll’asesta con negra traidoría

Dend’o comenzo ô fin d’a vida escrava.

Pero n’a ven, anque a mirada tendan

Arrededor, para evitaren, cantos

O seu bafo pestífero, n’atopan

N’o espazo, nin n’a terra, nin n’o mare,

Anqu’ela en todo está sempre dañina.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

O mal d’o inferno é fillo, o ben d’o ceo;

A disgracia ¿de quen? Loba que nunca

Farta se vé, que o seu furor redobra

D’a fonda frida, â vista ensangrentada,

¿De donde ven? ¿que quer? ¿porque a consintes,

Potente Dios, que os nosos males miras?

¿Non ves, Señor, que o seu poder afoga

A fé y o amor, no esprito qu’en ti fia?

¡Como endurece o corazon que un tempo

Era todo brandura! ¡como mata

D’a espranza a luz, que un resprandor tranquilo

N’os astros, derramaba d’a esistencia,

Nova forza prestando ô pé cansado

E mais valor a yalma temerosa!

Tod’o mucha ô seu paso, a pranta sua

Maldita, todo para sempr’estraga.

Todo a sua lama pegaxosa entrubia.

¡E que oco tan profundo fay en torno

D’aquel a quen persigue! ¡como fuxen

As xentes d’él pra non oir os layos

Que o seu penar ll’arrinca, ou a espantosa

Brasfemia que con labio balbucente

Á sí mesmo mordendose prenuncia!

Que apestado n’ecsiste n’esta vida

Que tanto horror a humanidade cause

Como o que d’a desgracia vay tocado.

¡E como non, s’o ben contr’el se volve,

S’o mesmo sol non loce ond’él habita,

S’a fonte onde beber, envenenada

De cot’está: s’o pan se volve asentes

Para seu paladar, y o mar sin fondo

Enxoito n’un instante se quedara

S’él n’a onda amarga s’afogar quixera;

E n’os brazos d’a morte que aborrece,

A mesma morte, o deixa abandonado!

¡Ah, piedade, Señor! ¡Barre esa sombra

Qu’en noit’eterna para sempr’envolve

A luz d’a fé, d’o amor e d’a esperanza!

Sombra d’horror que os astros briladores

Escurece d’os ceos, que un novo inferno

N’este mundo formou, e un mundo novo,

Donde todo valor perd’os seus brios

E toda forza sin loitar s’estrela,

Ond’as tinebras d’a impiedá, estendidas,

Borran todo camiño que á tí guie.

¡Dios de bondá, c’o teu potente sopro,

De n’os aparta ese fantasma horribre

Que a desesperazon dá por remate;

Pois xa abasta c’as dores, c’a miseria

D’a carne fraca, e c’o a infalibre morte,

Pra tormento e castigo d’os que tristes

Porque pecaron, viven desterrados

D’a patria celestial por que suspiran!

* * *

¡E ben! cando comprido

Teñás ese ardentísimo deseo,

O meu rir sin descanso será estonces,

Anqu’un rir triste e negro.

Dendes d’o meu corruncho solitario

Estarey axexandovos sereno,

E tras da primadera e tras do estío,

Verey cal chega para vos o inverno.

¡E qu’inverno tan triste,

Tan áspero e tan fero...!

Como n’outono as follas cân d’os árbores,

D’os vosos corazos irán caendo

As brancas ilusions con que crubiades

O chan do simeterio

En donde os nosos mortos dormen xuntos

Do olvido n’o silencio.

E n’as negras mortaxas qu’os envolven,

Diante de vos aparecer verédelos,

Decindo:--«N’era aquelo o que buscabades,

Cando engañados insultâst’os ceos...

¡N’era aquelo sin duda, desdichados,

Mais... tampouco era _esto_!...»

Y eu desd’o meu corruncho sorrireime

C’un sorrir triste e negro.

SIN NIÑO

Por montes e campías,

Camiños e espranadas,

Ven un-ha pomba soya,

Soya de rama en rama.

Síguena as probes crias,

Sedentas e cansadas,

Sin qu’alimento atope,

Pra darlles a bicada.

Tray manchada-l-as prumas,

Qu’eran un tempo brancas,

Tray muchas e rastreiras

Y abatida-l-as alas.

¡Ay! probe pomba, un tempo

Tan querida e tan branca,

¿Ônde vay o teu brilo...?

¿O teu amor ônd’anda?

EU POR VOS, E VOS POR OUTRO

--A linda, a grande señora,

De non vista fermosura,

¿Ônd’irá tan á deshora,

N’un-ha noite tan escura?

¿Ônde irá con tal premura?

Vay enfouzando n’a lama

O zapatiño de seda...

¡Po-lo toxal vay a dama,

Y-o dôno antr’holandas queda!...

Bon sôno Dios lle conceda.

Qu’él durma, q’eu velarey

Po-la dona mais fermosa

Que vin n’o mundo e verey;

Xardiñeiro, coido a rosa

De cuyo olido outro gosa.

Coido d’ela noite e dia,

Sin descanso nin sosego,

Qu’atopálo non podria;

Corpo e yalma, no-n-o nego,

Á esa tareya m’entrego.

E anque d’esto nada sabe,

Eu sey canto poido d’ela,

Mais, que tal saber m’acabe...

Say, pombiña, say, estrela,

Qu’un valente por ti vela.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

¿Á donde vay? a escondida

Porta s’abre paseniño...

Romor de seda comprida

Runxe alá po-lo camiño

Que vay d’a fonte ô muiño...

N’a vexo, mais ela é,

Chégame o seu doce olido,

Sento o pisar d’o seu pé,

Y-o meu corazon ferido

De pracer dou un batido.

Nobre dama, linda dona

D’os corazós que prendás,

Perdóname si, perdona

Si che sigo á donde vas,

¿Non vés qu’en perigro estás?

En noite tan tempestosa

¿Quen vos meteu tal deseyo?

¡Enlamugarse así a rosa...!

E n’o meu corazon leo

Que non levás pan no seo.

¿E si atopás a _compaña_?

¿E si vos say a _estadea_?

¿Si con falas vos engaña

E vos pon mantel e cea,

Mentras tróa e lostreguea?...

N’irés soya, pesi a vos,

N’irés mentras qu’eu alente,

Pois fora atentar á Dios.

Señora, Dios non consente

Qu’o perigro busque a xente.

Sin que sepás que vos sigo,

Irey tras de vos agora,

Por si vos tenta o enemigo.

Y-entanto non say a aurora

Non vos deixarey, señora.

--¡Adios... adios, dama hermosa!

¡Darvos á tan malos modos!...

Non vos levou a compaña,

Mais o enemigo levóuvos.

Embargam’o asombro a yalma...

¡Ay, amor tolo... amor tolo!...

Ben dí aquel refran sabido:

_Eu por vos, e vos por outro._

* * *

--¡Valor! qu’anqu’eres como branda cera,

Aquí en perigro estamos,

E n’outro lado a libertá che espera,

Qu’aquí ninguen che dera.

--Vamos, señor, á donde queiras... ¡Vamos!

--Tan nobre eres, meu ben, com’ esforzada,

Mais, ¡tembras coma a cerva acorralada,

Ora que xuntos por ventura estamos

Para fuxir, ña prenda namorada!...

--¡Pois, fuxamos... fuxamos!...

--¿Tès medo, miña vida,

A sères nos meus brazos sorprendida

E a que xuntos, amándonos morramos?

--¡Ay, non, qu’a dicha así fora cumprida...!

Mas, partamos... partamos...

¡E adios, paz e virtù, sempre querida!

DULCE SONO

Baixaron os ánxeles

Adond’ela estaba,

Fixeronlle un leito

C’as pracidas alas,

E lonxe a levano

N’a noite calada.

Cando a alba d’o dia

Tocou a campana,

E n’o alto d’a torre

Cantou a calandria;

Os ánxeles mesmos,

Pregada-l-as alas

--«¿Por qué, marmurano,

Por qué despertála?...»

* * *

--Espantada, o abismo vexo

Á onde camiñando vou...

¡Corazon... canto és tirano,

Y és profundo, meu amor!

Pois eu, sin poder conterme,

N’escoito mais qu’unha voz,

E adond’ela quer que vaya

Sin poder conterme, vou...

--Hoxe, â noite, des que durman,

Sairey po-lo ventanil;

Daránm’as sombras alento...

¡E adios, casa onde nacin!

Honra que tanto estimey,

Santidade do meu lar...

¡Po-lo meu amor vos deixo

Para toda a eternidá!

¡Señor!... darésme castigo,

Qu’o merezo ben o sey;

Mais... condenáme Señor,

Á sufrilo cabo d’él.

* * *

--Para a vida, para a morte,

E para sempre en jamás,

Pedint’á Dios, e Dios dóuteme

Por toda unha eternidá.

Para a vida, para a morte,

E para sempre en jamás,

Quero ser vosa, e que séades

O meu Señor natural.

--Mais a que así querer sabe

Non debe ter pai n’irman,

Nin home, s’é qu’é casada,

Nin fillos, s’acaso é nay.

--Espanta o qu’estás decindo...

Mais eu sinto qu’é verdá;

Lévame, señor, qu’irey

Ônde me queiras levar...

--Pois vente... ¿Qu’importa o mundo

Á quen ten a eternidá?

Xuntos hemos de vivir,

Xuntos nos han d’enterrar.

E os nosos corpos aquí,

E as nosas almas alá,

Quer Dios qu’en union eterna

Estén pra sempre jamás...

Cal ô paxaro a serpente,

Cal â pomba o gavilan,

Arrincouna d’o seu niño

E xa nunca á él volverá.

N’A TOMBA D’O XENERAL INGLÉS

SIR JOHN MOORE

MORTO N’A BATALLA D’ELVIÑA (CORUÑA)

O 16 DE XANEIRO DE 1809

Á miñ’amiga Maria Bertorini, nativa

d’o pais de Gales.

Coruña, 1871.

¡Cuan lonxe, canto, d’as escuras niebras,

D’os verdes pinos, d’as ferventes olas

Qu’o nacer viron!... d’os paternos lares,

D’o ceo d’a patria, qu’o alumou mimoso,

D’os sitios, ¡ay! d’o seu querer, ¡que lexos!...

Viu á caer, baix’enemigo golpe

Pra nunca mais se levantar, ¡coitado!

¡Morrer asin en estranxeiras playas,

Morrer tan mozo, abandoná-la vida

Non fart’ainda de vivir e ansiando

Gustar d’a froita que coidad’houbera!

¡Y en vez d’as pónlas d’o loureir’altivo

Que d’o heroe a testa varonil coroan

Baixar â tomba silenciosa e muda!...

¡Ou brancos cisnes d’as britanas islas,

Ou arboredos que bordás galanos,

D’os mansos rios as ribeiras verdes,

Y os frescos campos donde John correra!...

S’a vos amargo xemidor sospiro

Chegou d’aquel que n’o postreir’alento

Vos dixo ¡adios! con amorosas ansias

Á vos volvend’o pensamento último,

Que d’a sua mente s’escapaba inxele,

¡Con qué pesar, con qué dolor sin nome

Con qu’estrañeza sin igual diríades

Tamen ¡adios! ô que tan lonxe, tanto,

D’a patria, soyo, a eternidás baixaba!

Y o gran sillon, a colgadura inmóvil

D’o para sempre abandonado leito;

A cinza fria d’o fogar sin lume

A brand’alfombra que leal conserva

D’o pé d’o morto un-ha sinal visibre,

O can qu’agarda po-lo dono ausente

Y o busca errante por camiños hermos,

As altas herbas d’alameda escura

Por ond’él antes con solás paseaba,

O sempr’igual mormoruxar d’a fonte

Dond’él n’as tardes a sentarse iña...

¡Cal falarian sin parar de Moore,

C’o seu calado afrixidor lenguaxe,

Ôs ollos ¡ay! d’os que por él choraban!

¡Xa nunca mais... xa nunca mais ¡ou! triste

Ha de volver, onde por él esperan!

Parteu valente, á combatir con groria.

Parteu, parteu... e non tornou, qu’a morte

Segoun’alí n’os estranxeiros campos,

¡Cal frol que cae ond’a semilla sua

Terra n’atopa en qu’arraigar poidera!

Follas Novas: Versos en Gallego · 第 3 / 7 段