Y eu sin calor, sin movemento, fria,

Muda, insensibre á todo,

Así estarei cal me deixare a morte

Ô helarme c’o seu sopro.

E para sempre ¡Adios, cant’eu queria!

¡Que terrible abandono!

Antre cantos sarcasmos,

Hay, ha d’haber, e houbo,

Non vin ningun qu’abata mais os vivos,

Qu’o d’a humilde quietú d’un corpo morto.

XIII

Xa nin rencor nin desprezo,

Xa nin temor de mudanzas,

Tan só un-ha sede... un-ha sede,

D’un non sei qué, que me mata.

Rios d’a vida ¿onde estades?

¡Aire! qu’o aire me falta.

--¿Que ves n’ese fondo escuro?

¿Que ves que tembras e calas?

¡Non vexo! Miro, cal mira,

Un cego a luz d’o sol crara.

E vou caer alí en donde

Nunca o que cai se levanta.

XIV

Aquel romor de cántigas e risas

Ir, vir, algarear,

Aquel falar de cousas que pasaron

Y outras que pasarán:

Aquela, en fin, vitalidade inquieta

Xuvenil, tanto mal

Me fixo, que lles dixen:

Ivos e non volvás.

Un á un desfilaron silenciosos

Por aquí, por alá,

Tal como cando as contas d’un rosario

S’espallan po-lo chan:

Y o romor d’os seus pasos, mentres s’iñan

De tal modo hastra min veu resoar,

Que non mais tristemente

Resoará quisais

N’o fondo d’os sepulcros

O último adios qu’un vivo ôs mortos dá.

Y ô fin soya quedei, pero tan soya

Qu’hoxe, d’a mosca o inquieto revoar,

D’o ratiño o roer terco e constante,

E d’o lume o _chis chas_,

Cando d’a verde pónla

O fresco sugo devorando vay,

Parece que me falan, qu’os entendo,

Que compaña me fan;

Y este meu coraçon lles di tembrando

¡Por Dios!... ¡non vos vayás!

¡Que doce, mais que triste

Tamen é a soledad!

XV

Á un batido, outro batido,

Á un-ha dor, outro delor,

Tras d’un olvido, outro olvido,

Tras d’un amor, outro amor.

Y ô fin de fatiga tanta

E de tan diversa sorte,

A vellés que nos espanta,

Ou o repousar d’a morte.

XVI

Cand’era tempo d’inverno

Pensaba en dond’estarias,

Cand’era tempo de sol,

Pensaba en dond’andarias.

¡Agora... tan soyo penso,

Meu ben, si m’olvidarias!

XVII

Mais vé qu’o meu corazon

É un-ha rosa de cen follas,

Y é cada folla un-ha pena

Que vive apegada n’outra.

Quitas un-ha, quitas duas,

Penas me quedan de sobra,

Oxe dez, mañan corenta,

Desfolla que te desfolla...

¡O corazon m’arrincaras

Des qu’as arrincares todas!

XVIII

Co seu xordo e costante mormorio

Atraim’o oleaxen d’ese mar bravio,

Cal atrai d’as serenas o cantar.

--N’este meu leito misterioso e frio,

Dîme, ven brandamente á descansar.

El namorado está de min... o deño,

Y eu namorada d’el.

Pois saldremos c’o empeño,

Que s’el me chama sin parar, eu teño

Un-has ansias mortais d’apousar n’el.

XIX

Ando buscando meles e frescura

Para os meus labios secos,

Y eu non sei com’atopo, nin por onde,

Queimores e amarguexos.

Ando buscand’almibres qu’almibaren

Estos meus agres versos,

Y eu non sei como, nin por onde, sempre

Se lles atopa un fero.

Y o ceo e Dios ben saben

Non teño a culpa d’eso;

¡Ay! sin querelo, têna,

O lastimado corazon enfermo.

XX

¡SILENCIO!

A man nerviosa e palpitante o seo,

As niebras n’os meus ollos condensadas,

Con un mundo de dudas n’os sentidos

Y-un mundo de tormentos n’as entrañas;

Sentindo como loitan,

En sin igual batalla,

Inmortales deseios que atormentan,

E rencores que matan.

Mollo n’a propia sangre a dura pruma

Rompendo a vena inchada,

Y escribo... escribo ¿para qué? ¡Volvede

Ô mais fondo da yalma

Tempestosas imaxes!

Ide á morar c’as mortas relembranzas;

Qu’ a man tembrosa n’o papel sô escriba

¡_Palabras_, e _palabras_, e _palabras_!

¿Da idea a forma inmaculada e pura

Donde quedou velada?

II

¡DO ÍNTIMO!

¡ADIOS!

¡Adios! montes e prados, igrexas e campanas,

¡Adios! Sar e Sarela, cubertos d’enramada,

¡Adios! Vidán alegre, moiños e hondanadas,

Conxo o d’o craustro triste y as soedades prácidas,

San Lourenzo o escondido, cal un niño antr’as ramas,

Balvis, para min sempre o d’as fondas lembranzas,

Santo Domingo, en donde cant’eu quixen descansa,

Vidas d’a miña vida, anacos d’as entrañas.

E vos tamen sombrisas paredes solitarias

Que me vichëis chorare soya e desventurada,

¡Adios! sombras queridas, ¡adios! sombras odiadas,

Outra vez os vaivens d’a fertuna

Pra lonxe m’arrastran.

Cando volver, se volvo, tod’estará ond’estaba,

Os mesmos montes negros y as mesmas alboradas

D’o Sar e d’o Sarela, mirandose n’as auguas.

Os mesmos verdes campos, as mesmas torres pardas,

D’a catredal severa, olland’as lontananzas:

Mais os qu’agora deixo, tal com’a fonte mansa

Ou n’o verdor d’a vida, sin tempestás nin vagoas,

¡Canto, cand’eu tornare vitimas d’a mudanza

Terán de presa andado, n’a senda d’a desgracia!

Y eu... mais eu nada temo n’o mundo

¡Qu’ á morte me tarda!

* * *

Grilos e ralos, rans albariñas,

Sapos e bichos de todas crás,

Mentras ô lonxe cantan os carros,

¡Que serenatas tan amorosas,

N’os nosos campos sempre nos dan!

Tan sô acordarme d’elas,

Non sey o que me fai,

Nin sey s’é ben,

Nin sey s’é mal.

* * *

¡Cal as nubes n’o espaço sin limites

Errantes voltexan!

Un-has son brancas,

Outras son negras,

Un-has pombas sin fel, me parecen,

Despiden outras

Luz de centela...

Sopran ventos contrarios n’altura

Y â desbandada,

Van levándoas sin orden nin tino

Nin eu sey pra onde,

Nin sey por que causa:

Van levándoas, cal levan os anos

Os nosos ensoños

Y a nosa esperanza.

* * *

Rico ou probe algun dia

¡Con qué contento e pracidez folgaba!

Y agora probe ou rico, ô desdichado,

¡Todo, todo lle falta!

En valde veñen dias, pasan anos,

E inda sigros pasáran,

S’hay abondosas fontes que se secan,

Tamen as hay que eternamente manan;

Mais as fontes perenes n’esta vida

Son sempre envenenadas.

N’elas o esprito qu’ofendido pena,

N’a humidá enferma d’o rencor se baña

Sin que dado lle sea

Beber do olvido n’as saudosas auguas.

¡Odio! fillo d’o inferno,

Pode acaba-lo amor, mais ti n’acabas

Mamoria que recorda-las ofensas.

Si, si ¡de ti mal haya!

N’A CATREDAL

Com’algun dia po-los corrunchos

D’o vasto tempro

Vellos e vellas, mentras monean

Silvan as salves y os padre nuestros,

Y os arcebispos n’os seus sepulcros

Reises e reinas con gran sosego

N’a paz d’os mármores tranquilos dormen

Mentras n’o coro cantan os cregos.

O organo lanza tristes cramores

Os d’as campanas responden lexos,

Y a santa imaxen d’o Redentore

Parés que suda sangre n’o Huerto.

¡Señor Santísimo, ôs teus pés canto

Tamen d’angustia sudado teño!

Mais s’o pecado castigas sempre,

Ô qu’afrixido vay á pedircho

Dáille remedio.

O sol poniente po-las vidreiras

D’a Soledade, lanza serenos

Rayos, que firen descoloridos

D’a Groria os ánxeles y-o Padre Eterno.

Santos e apostoles ¡védeos! parecen

Qu’os labios moven, que falan quedo

Os uns c’os outros, e aló n’altura

D’o ceu a música vay dar començo,

Pois os groriosos concertadores

Tempran risoños os instrumentos.

¿Estarán vivos? ¿serán de pedra

Aqués sembrantes tan verdadeiros,

Aquelas túnicas maravillosas,

Aqueles ollos de vida cheos?

Vos qu’os fixeches de Dios c’axuda

D’inmortal nome, Mestre Mateo,

Xa q’ahi quedaches homildemente

Arrodillado, falaime d’eso;

Mais c’o eses vosos cabelos rizos

_Santo d’os croques_, calás... y eu rezo.

Aquí está a Groria, mais n’aquel lado,

N’aquela arcada, negrexa o inferno

C’as almas tristes d’os condanados,

Ond’as devoran todo-los demos.

D’alí non podo, quitá-los ollos

Mitá asombrada, mitá con medo,

Qu’aqueles todos se me figuran

Os d’un delirio, mortaes espeutros.

¡Cómo me miran eses calabres

Y aqueles deños!

¡Cómo me miran facendo moecas

Dend’as colunas ond’os puxeron!

¡Será mentira, será verdade!

¡Santos d’o ceo,

Saberán eles que son a mesma

D’aqueles tempos!...

Pero xa orfa, pero enloitada,

Pero insensibre cal eles mesmos...

¡Como me firen!... Voume, sí voume,

¡Que teño medo!

Mais xa n’os vidros d’a grand’araña

Cai o postreiro

Rayo tranquilo qu’o sol d’a tarde

Pousa sereno;

E en cada prancha d’a araña hermosa

Vivos refrexos,

Cintileando com’as estrelas,

Pintan mil cores no chan caendo,

E fan qu’a tola d’a fantesía,

Soñe milagres, finxa portentos.

Mais de repente veñen as sombras

Todo é negrura, tod’é misterio,

Adios alxofres, e maravillas...

Tras d’o Pedroso, puxose Febo.

Coma pantasmas cruzan as naves

Silvando salves e padre nuestros,

Vellos e vellas qu’á Dios lle piden,

El tan só sabe, cales remedios;

Que cand’o mundo nos deixa, é soyo

Cando buscamos con ansia o ceo.

Ôs pés d’a Virxen d’a Soledade

¡De moitos anos nos conocemos!...

A oracion dixen qu’antes dicia,

Fixen mamoria d’os meus sacretos,

Para mi madre deixei cariños,

Par’os meus fillos miles de beixos,

Po-los verdugos d’o meu esprito

Recey... e funme pois tiña medo.

* * *

¡Corré serenas ondas cristaiñas,

Pasad’en calma e maxestosas, como

As sombras pasan d’os groriosos feitos!

¡Rodade sin descanso como rodan

A eternidá xeneraciós sin número

Que cal eu vos contempro, contempráronvos!

Daime vosos perfumes lindas rosas,

D’a sede que m’abrasa, craras fontes

Apagad’o queimor... nubes de gasa

Cubri cal velo de lixeiro encaixe

D’o ardente sol os briladores rayos.

E ti temprada e cariñosa brisa,

Dá encomeço ôs concertos misteriosos

Antr’os carballos d’a devesa escura

Por ond’o Sar vay marmurando leve.

O tempo pasou rápido, a centela

Tal vez mais lentamente o espaço inmenso

Atravesa ô caer, qu’eles, os anos,

Pra min correron en batallas rudas...

¡Mais correron por fin... y o dia chega!...

Dame os teus bicos y os teus brazos ábreme

Aquí onde o rio, n’a espesura fresca...

A ninguen digas ond’estou... con frores

D’as qu’eu queria a delatora mancha

Crube... e que nunca c’o meu corpo acerten

Profanas mans para levarme lexos...

¡Quero quedar ond’os meus dores foron!

* * *

Cada noite eu chorando pensaba...

Qu’esta noite tan grande non fora

Que durase... e durase antre tanto

Que’a noite d’as penas

M’envolve loitosa.

Mais a luz insolente d’o dia,

Costante e traidora,

Cad’amañecida,

Penetraba radiante de groria

Hastr’ô leito dond’eu me tendera

Co-as miñas congoxas.

Desde estonces busquei as tiniebras

Mais negras e fondas,

E busqueinas en vano, que sempre

Tras d’a noite topaba c’a aurora...

So en min mesma buscando n’oscuro

Y entrando n’a sombra,

Vin a noite que nunca s’acaba

N’a miña alma soya.

TI ONTE MAÑAN EU

Cain tan baixo, tan baixo,

Qu’a luz onda min non vay;

Perdin de vista as estrelas

E vivo n’a escuridá.

Mais, agarda... ¡o que te riches

Insensibre ô meu afan!

Inda estou vivo... inda podo

Subir para me vingar.

Tirá pedras ô caido,

Tiraille anque sea un cento;

Tirá... que cando cayades

Han-vos de facé-l-o mesmo.

* * *

Deixa que n’esa copa en onde bebes

As dozuras d’a vida

Un-ha gota de fel, un-ha tan soyo

O meu dorido corazon esprima.

Comprenderás estonces

Como abranda a delor as pedras frias,

Anq’abrandar non poida

Almas de ferro e peitos homicidas.

BÓS AMORES

Cal olido de rosas que sai d’antr’o ramaxen

Nun-ha mañan de Mayo, hay amores soaves

Que n’inda vir se sinten, nin se ve cand’entraren

Po-la mimosa porta qu’o corazon lles abre

De seu, cal s’abre n’o agosto

A frol ô orballo d’a tarde.

E sin romor nin queixa, nin choros, nin cantares,

Brandos así e saudosos, cal alentar d’os ánxeles,

En nós encarnan puros, corren co’a nosa sangre

Y os hermos reverdecen, d’o esprito onde moraren.

Busca estes amores... búscaos,

Si tes quen ch’os poida dare;

Qu’estes son soyo os que duran

N’esta vida de pasaxen.

AMORES CATIVOS

Era delor y era cólera,

Era medo y aversion,

Era un amor sin medida,

¡Era un castigo de Dios!

Qu’hay uns negros amores, d’indole pezoñenta

Que privan os espritos, que turban as concencias,

Que morden s’acariñan, que cando miran queiman,

Que dan dores de rabia, que manchan e qu’afrentan.

Mais val morrer de friaxen

Que quentarse â sua fogueira.

* * *

Abrid’as frescas rosas,

Brilad’os carabeles

D’o seu xardin, os árbores, vestivos

C’as lindas follas verdes.

Parra qu’un tempo sombra nos prestaches

Á cubrirvos de pámpanos volvede.

Natureza fermosa,

A mesma eternamente,

Dill’ôs mortais, de novo ôs loucos dille

¡Qu’eles no mais perecen!

DE VALDE...

Cando me poñan o habito,

S’é qu’o levo;

Cando me metan na caixa,

S’é qu’a teño;

Cand’o responso me canten,

S’hay con que pagarll’ôs cregos,

E cando dentro d’a coba...

¡Qu’inda me leve San Pedro

Se sô ô pensalo non rio

Con un-ha risa d’os deños!

¡Qu’enterrar han d’enterrarme

Anque non lles den diñeiro!...

¿QUEN NON XIME?

Luz e progreso en todas partes... pero

As dudas n’os corazós,

E vagoas qu’un non sabe por que corren,

E dores qu’un non sabe por que son.

_Outro cantar_ din cansados

D’este estribilo os que chegando van,

Nun-ha nova fornada, e qu’andan cegos

Buscando o qu’inda non hay.

¡Réprobos!... sempre ô oculto perguntando

Que mudo nada vos di.

Buscade a fé, que se perdeu n’a duda

E deixade de xemir.

Mais eles tamen perdidos

Por un-ha y outra senda van e vên

Sin que sepan ¡coitados! por ond’andan,

Sin paz, sin rumbo e sin fé.

. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .

Trist’é o cantar que cantamos

¿Mais que facer s’outro mellor non hay?

Moita luz deslumbra os ollos,

Causa inquietude o moito desear.

Cand’un-ha peste arrebata

Homes tras homes, n’hay mais

Qu’enterrar de presa os mortos,

Baixá-la frente, e esperar

Que pasen as correntes apestadas...

¡Que pasen!... qu’outras vendrán.

* * *

Ladraban contra min que camiñaba

Casi-que sin alento,

Sin poder c’o meu fondo pensamento

Y a pezoña mortal qu’en min levaba.

Y a xente que topaba

Ollandome a mantenta

D’o meu dor sin igual y a miña afrenta

Traidora se mofaba.

Y eso que nada mais qu’a adiviñaba.

Si a souperan ¡Dios mio!

Pensei tembrando, contra min volvera

A corrente d’o rio.

Buscand’o abrigo d’os mais altos muros,

N’os camiños desertos,

Ensangrentando os pés nos seixos duros,

Fun chegando ô lugar d’os meus cariños

Maxinando espantada:--os meus meniños

¿Estarán xa despertos?

¡Ay qu’ô verme chegar tan maltratada,

Chorosa, sin alento e ensangrentada,

Darán en s’afrixir... mal pocadiños,

Por sua nay mal fadada!

Pouco á pouco fun indo

Y as escaleiras con temor subindo,

C’o triste corazon sobresaltado:

¡Escoitei!... nin as moscas rebullian

No berce ind’os meus ánxeles dormian

C’a virxen ô seu lado.

* * *

¿Por qué, miña almiña,

Porqu’ora non queres

O qu’antes querias?

¿Por qué, pensamento,

Porqu’ora non vives

D’amantes deseyos?

¿Por qué, meu esprito,

Porqu’ora te humildas,

Cand’eras altivo?

¿Por qué, corazon,

Porqu’ora non falas

Falares d’amor?

¿Por qué xa non bates

Co doce batido

Que calma os pesares?

¿Por qué, en fin, Dios meu

Á un tempo me faltan

A terra y o ceu?

¡Ou ti! roxa estrela

Que din que comigo

Naciche, poideras

Por sempre apagarte,

Xa que non pudeche

Por sempre alumarme...

O TOQUE D’ALBA

D’a Catredal campana

Grave, triste e sonora,

Cand’ô rayar d’o dia

O toque d’alba tocas,

N’o espazo silencioso

Soando malencónica;

As tuas bataladas

Non sei que despertares me recordan.

Foron alguns tan puros

Coma o fulgor d’aurora,

Outros cal a esperanza

Qu’o namorado soña,

Y â derradeira inquietos,

Mitá luz, mitá sombras,

Mitá un pracer sin nome,

E mitá un-ha sorpresa aterradora.

¡Ay! qu’os anos correron

E pasaron auroras

E menguaron as dichas

E medràno as congoxas.

E cand’ora campana,

O toque d’alba tocas,

Sinto que se desprenden

D’os meus ollos bagullas silenciosas.

¡Que xorda e tristemente,

Que pavorosa sóas

No meu esperto oido,

Mensaxeira d’a aurora,

Cand’ô romper d’o dia

Pausadamente tocas!...

¿En donde van aqueles

Despertares de dichas e de groria?

Pasaron para sempre:

Mais tí, grave e sonora,

¡Ay! ô romper d’o dia

C’a tua voz malencónica

Vés de cote á lembrarnos

Cada nacente aurora;

E parece qu’a morto

Por eles e por min á un tempo dobras.

D’a catredal campana

Tan grave e tan sonora.

¿Por qué á tocar volveches

A yalba candorosa

des qu’eu ouben d’oirte

En bagullas envolta?

Mais ben pronto... ben pronto, os meus oidos

Nin t’oirán n’a tarde nin n’a aurora.

* * *

¡Mar! c’as tuas auguas sin fondo

¡Ceo! c’a tua imensidá,

O fantasma que m’aterra

Axudádeme á enterrar.

É mais grande que vos todos

E que todos pode mais...

C’un pé posto onde brilan os astros,

E outro ond’a coba me fan.

Impracabre, bulron e sañudo,

Diante de min sempre vay,

Y amenaza perseguirme

Hastr’a mesma eternidá.

* * *

Caba lixeiro, caba,

Xigante pensamento,

Caba un fondo burato ond’a memoria

D’o pasado enterremos.

¡Â terra c’os difuntos!

¡Caba, caba lixeiro!

E por lousa daráslle o negro olvido,

Y-a nada lle darás por simiterio.

* * *

Cando penso que te fuches,

Negra sombra que m’asombras,

Ô pe d’os meus cabezales

Tornas facéndome mofa.

Cando maxino qu’ês ida

N’o mesmo sol te m’amostras,

Y eres a estrela que brila,

Y eres o vento que zóa.

Si cantan, ês ti que cantas,

Si choran, ês ti que choras,

Y-ês o marmurio d’o rio

Y-ês a noite y ês a aurora.

En todo estás e ti ês todo,

Pra min y en min mesma moras,

Nin m’abandonarás nunca,

Sombra que sempre m’asombras.

A VENTURA É TRAIDORA

Tembra á qu’unha inmensa dicha

Neste mundo te sorprenda;

Grorias, aquí, sobrehumanas

Trân desventuras supremas.

Nin maxines que pasan os dôres

Como pasan os gustos n’a terra;

¡Hay infernos n’a memoria,

Cando n’os hay n’a concencia!

Cal arraigan as edras n’os muros,

N’alguns peitos arraigan as penas,

E un-has van minando a vida

Cal minan outra-l-as pedras.

Si; tembra, cando n’o mundo

Sintas un-ha dicha imensa;

Val mais qu’a tua vida corra

Cal corre a yaugua serena.

* * *

Lévame á aquela fonte cristaiña

Onde xuntos bebemos

As purisimas auguas qu’apagaban

Sede d’amor e llama de deseyos.

Lévame po-la man cal n’outros dias...

Mais non, que teño medo

De ver n’o cristal liquido

A sombra d’aquel negro

Desengano sin cura nin consolo,

Qu’antr’os dous puxo o tempo.

Ô PAZO D’A...

Era ô caer d’a tarde,

Encomenzaba o cántico d’os grilos,

Xorda a presa ruxia,

Brilaban lonxe os lumes fuxitivos.

Ô pe d’o monte, maxestuoso erguíase

N’aldea escura o caseron querido,

C’a oliva centenaria

De cortinax ô ventanil servindo.

Deserta a escalinata,

Soyo o paterno niño,

E enriba d’el caendo misteriosas

C’o as sombras d’o crepúsculo, as d’o olvido.

¿Quen ô pasado volve

Os ollos compasivos?

¿Quen se lembra d’os mortos,

S’inda non poden recordarse os vivos?

* * *

N’o ceo, azul crarísimo;

N’o chan, verdor intenso;

N’o fondo d’a alma miña,

Todo sombriso e negro.

¡Qu’alegre romaría!

¡Qué risas e contentos!...

Y os meus ollos en tanto

De vagoas están cheos.

Cubertos de verdura,

Brilan os campos frescos,

Mentras qu’a fél amarga

Rebosa n’o meu peito.

A XUSTICIA PO-LA MAN

Aquês que tên fama d’honrados n’a vila

Roubaronme tanta brancura qu’eu tiña,

Botáronme estrume n’as galas d’un dia,

A roupa de cote puñeronma en tiras.

Nin pedra deixaron, en dond’eu vivira;

Sin lar, sin abrigo, morey n’as curtiñas,

Ô raso c’as lebres dormin n’as campías;

Meus fillos... ¡meus anxos!... que tant’eu queria

¡Morreron, morreron, c’a fame que tiñan!

Quedey deshonrada, mucharonm’a vida,

Fixeronm’un leito de toxos e silvas,

Y-en tanto os raposos de sangre maldita,

Tranquilos n’un leito de rosas dormian.

--_Salvademe ¡ou, xueces!_ berrey... ¡tolería!

De min se mofaron, vendeum’a xusticia.

--_Bon Dios, axudaime_, berrey, berrey inda...

Tan alto qu’estaba, bon Dios non m’oira,

Estonces cal loba doente ou ferida,

D’un salto con rabia pilley a fouciña,

Rondei paseniño... ¡Ne-as erbas sentian!

Y-a lua escondíase, y a fera dormia

Cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, y as mans estendidas

D’un golpe, ¡d’un soyo! deixeinos sin vida.

Y-ô lado contenta, senteime d’as vítimas,

Tranquila, esperando po-la alba d’o dia.

Y-estonces... estonces, cumpreuse a xusticia,

Eu, n’eles; y as leises, n’a man qu’os ferira.

* * *

Dios puxo un velo enriva

D’os nosos corazons,

Velo qu’oculta abismos

Qu’él pode ollar tan sô.

Cand’eu penso o que viran

N’o qu’adorand’estou

Homilde e de rodillas

Cal s’adora al Señor,

S’este velo caise

De repente antr’os dous,

Tembro... e incrinand’a frente

Digo,--¡que sabio é Dios!

* * *

¡Tas-tis! ¡tas-tis! n’a silenciosa noite

Con siniestro compás repite a péndola,

Mentras a frecha aguda,

Marcand’ un y outro instante antr’as tiniebras,

D’o relox sempre imovil

Recorre lentamente a limpa esfera.

Todo é negrura en baixo,

E só n’altura inmensa,

Só n’anchura sin limites d’o ceo

Con inquietú relumbra algunha estrela,

Cal n’a cinza d’as grandes estivadas

Brilan as charamuscas derradeiras.

Y-a péndola no-mais xorda batendo

Cal bate un corazon qu’hinchan as penas,

Resóa pavorosa

N’a escuridade espesa.

En vano a vista con temor n’o escuro

Sin parada vaguea.

Uns tras d’outros instantes silenciosos

Pasando van, e silenciosos chegan

Outros detras, n’a eternidá caendo

Cal cai o grau n’a moedora pedra,

Sin qu’ o porvir velado ôs mortais ollos

Rompa as pesadas brétemas.

¡Que triste é a noite, y-o relox qué triste,

S’inquieto o corpo y-a concencia velan!

AMIGOS VELLOS

Cand’antr’as naves tristes e frias

D’alto mural,

Cal elas fria, cal elas triste,

Ô ser d’a tarde vou á rezar,

Que pensamentos loucos e estraños

 miña mente, veñen e van.

Xordo silencio qu’eu xa conoço

Qu’é meu amigo d’anos atrás

Pero qu’é cheo d’outras lembranzas,

Per’ond’o esprito parez que escoita

Eco mortal,

Reina n’os ámbitos d’a gran basílica,

Con misteriosa serenidad.

Incertas sombras, rayos tembrosos,

Cabo d’o altar,

Pousan, vaguean, foxen y agrándanse

D’adiante atrás.

Y o Santo Apóstol sempre sentado

No seu sitial

De prata e ouro, contempra inmóvil

Con ollos fixos, canto alí está.

Quen fora pedra, quen fora santo

D’os qu’alí hai,

Coma San Pedro, n’as mans as chaves,

C’o dedo en alto como San Xoan,

Un-has tras outras xeneracioes

Vira pasar,

Sin medo â vida que dá tormentos,

Sin medo â morte qu’espanto dá.

Logo s’acaba d’a vida a triste

Pelerinax.

Os homes pasan, tal como pasa

Nube de bran.

Y as pedras quedan... e cand’eu morra

Ti, catredal,

Ti, parda mole, pesada e triste,

Cand’eu non sea, t’inda serás.

* * *

Mayo longo... Mayo longo,

Todo cuberto de rosas,

Para algús telas de morte,

Para outros telas de bodas.

Mayo longo, Mayo longo,

Fuches curto para min,

Veu contigo a miña dicha,

Volveu contigo á fuxir.

LUA DESCOLORIDA

Lua descolorida

Como cor d’ouro pálido,

Vésme y eu non quixera

Me vises de tan alto,

Ô espaço que recorres

Lévame caladiña n’un teu rayo.

Astro d’as almas orfas,

Lua descolorida,

Eu ben sei que n’alumas

Tristeza cal a miña.

Vay contallo ô teu dono

E dille que me leve á dond’habita.

Mais non lle contes nada,

Descolorida lua,

Pois nin n’este nin n’outros

Mundos, terey fertuna.

Se sabes ond’a morte

Ten a morada escura

Dille que corpo e alma xuntamente

Me leve á donde non recorden nunca,

Nin n’o mundo en que estou nin n’as alturas.

* * *

Qué pracidamente brilan

O rio, a fonte y o sol,

Canto brilan... mais non brilan

Para min, non.

Cal medran erbas e arbustos,

Cal brota n’a arbor a frol,

Mais non medran, nin frorecen

Para min, non.

Cal cantan os paxariños

Enamoradas canciós,

Mais anque cantan, non cantan

Para min, non.

Cal a natureza hermosa

Sorri á Mayo qu’a mimou,

Mais para min non sorri,

Para min, non.

Si... para todos un pouco

D’aire, de luz, de calor...

Mais si para todos hay,

Para min, non.

¡E ben!... xa qu’aquí n’atopo

Aire, luz, terra, nin sol,

¿Para min n’habra un-ha tomba?

Para min, non.

ESTRANXEIRA N’A SUA PATRIA

N’a xa vella baranda

Entapizada d’edras e de lirios

Foise á sentar calada e tristemente

Frente d’o tempro antigo.

Interminable precesion de mortos

Uns en corpo no-mais, outros n’o esprito,

Veu pouco á pouco aparecer n’altura

D’o direito camiño,

Que monotono e branco relumbraba

Tal com’un lenzo n’un herbal tendido.

Contemprou cal pasaban e pasaban

Collendo hacia o infinito,

Sin que ô fixaren n’ela

Os ollos apagados e afundidos

Deran siñal nin moestra

D’habela n’algun tempo conocido.

Y uns eran seus amantes n’outros dias,

Deudos eran os mais y outros amigos,

Compañeiros d’a infancia,

Sirventes e veciños.

Mais pasando e pasando diante d’ela

Fono os mortos aqueles prosiguindo,

A indiferente marcha

Camiño d’o infinito,

Mentras cerraba a noite silenciosa

Os seus loitos tristísimos

Entorno d’a estranxeira n’a sua patria

Que sin lar nin arrimo,

Sentada n’a baranda contempraba

Cal brilaban os lumes fuxitivos.

* * *

_¡Padron!... ¡Padron!_

_Santa María... Lestrove..._

_¡Adios! ¡Adios!_

I

Aquelas risas sin fin,

Aquel brincar sin dolor,

Aquela louca alegría,

¿Por que acabou?

Aqueles doces cantares,

Aquelas falas d’amor,

Aquelas noites serenas,

¿Por que non son?

Aquel vibrar sonoroso

D’as cordas d’a arpa y-os sons

D’a guitarra malencónica,

¿Quen os levou?

Todo é silensio mudo,

Soidá, delor,

Ond’outro tempo a dicha

Sola reinou...

_¡Padron! ¡Padron!_

_Santa María, Lestrove..._

_¡Adios! ¡Adios!_

II

Follas Novas: Versos en Gallego · 第 2 / 7 段