XXXVII

--Compadre, des qu’ un vai vello

O mesmo sol lle fay frío,

Cada regueiro elle un río,

Un boy cada escarabello.

Pésame ó lombo que pasma,

Pero qu’ inda Dios me leve

¡S’ é que non teño unha sede

Que me fay volvé-l’ a yasma!

E ben xa qu’ estamos preto

De ña casa... ¡Compadriño,

Vinde probal’ ó meu viño

E votaremos un neto!...

--¡Entra ti diante!--¡Non!--Sí.

Ti que és máis vello.--¡Cal mentes!

--Pois que cho digan os dentes.

--Teño máis moas que ti.

Mais entremol’ os dous xuntos

E acabouse ó _del-con-dela_,

Mide seis netos Manoela

Que trayo exoitos lo’ s untos

Enche ó xerro do canteiro

E no enchas c’ ó da vela

Que tan sóo prá meter bulla

Se non c’ aquel do Riveiro.

· · · · · · · · · · · · · · · · · ·

¡Coló, coló!--Ben nos preste,

Porque sin estos consolos

Andivéramos máis solos

Os vellos do qu’ anda á peste.

--¡Ten un piquiño!--¡Qué noria!

Con pique ou non, compadriño,

Dempois de Dios ¡viva ó viño!

--¿E haberá viño na groria?

¡Coló, coló!--¡Cousa boa!

¡Cólase como xarabe!

--Meu compadre, ó que ben sabe

Corre sin trigo nin broa.

--O viño de quente pasa,

Mais é mellor ó qu’ eu teño.

--¿Cómo qué?--Á probalo deño

Vas vir ora á miña casa.

--Eso pouco á pouco, amigo.

¡Mellor qu’ ó meu no-no paso!

--Pois botemos outro vaso

E veno á probar conmigo.

--Dis ben.--¡Ñas pernas... arriba!

Peito xa estás calentado;

Podemos un punteado

Bailar c’ un pe nunha criba

--Que no che me leve ó deño...

¿El andamos ou n’ andamos?

Unha vez parez que andamos

Y outras maxino que veño.

--Déixate d’ eso, Farruco,

Que eu vou coma unha pedrada,

E inda así n’ está escampada

Seica oirey cantá-lo cuco.

--No-no penses qu’ abofellas

Xa á miña porta chegamos,

Mais ten tino, porque entramos

No cortello das ovellas.

¡Mentes...; eu vou indo á fío

Cara á bodega, larpeiro!

--Mais déixame entrar primeiro,

Que me fay mal ó resío.

--Vállame Santa Lusía...

Todo ó vexo tan trubado;

Dime aquí, de reservado:

¿É de noite ou é de día?

--¡S’ o sey que vote máis canas!

Pero en secreto cho digo

D’ este non ver, meu amigo,

Deben ter culpa as pestanas.

Ora séntate e bebamos;

¡Teño unha sede!...--¡Eh!, ¿qué tal?

--Se non me fixese mal...

--¡Mal! ¿Tan fortes coma estamos?

Sabe que gorecha... pois

¿Exprícome?...--¡Pro sabido!

--Ó bebido, vay bebido

E s’ un quer máis... hastra Angrois.

¡É qu’ este teu viño!, ¡deño!...

É do qu’ un pode beber

Pero, compadre, á meu ver

Eche mellor ó que eu teño.

--¡N’ é verdá eso!...--¿Que non?

Tornas ora á vir conmigo

E disme s’ es meu amigo

Se no é moito máis bon.

--¡Poida!...; mais á tua bodega

Dime cándo chegaremos,

Teño unha sede dos demos...

E máis penso que lostrega.

--Ó qu’ hay, meu compañeiriño,

Non son lóstregos nin rollos;

É que tés lume nos ollos

E á gorxa pídeche viño.

¡Ey!, move esos pes lixeiro,

Qu’ estamos ô pe da pipa,

E bebe, que di Felipa

Qu’ á sede avolve ó calleiro.

--¡Jéen!... Dió-lo pague qu’ é forte;

Bebín canto me botache;

Tes un viño que... carache,

Fay resucitá-la morte.

--¿E logo sí? ¡Na que deño!

Nin ó d’un Padre Benito.

--¡E bon, mais ó dito, dito:

Inda é mellor ó que eu teño!

· · · · · · · · · · · · · · · · · ·

E indo e vindo no camiño

Tanto os compadres bebeno,

Que nunca en xamás volveno

A probar augua nin viño.

C’ o ventre com’ unha uva

Tras de tanta é tanta proba,

Levánonos para á coba

Dende ó mesmo pe da cuba.

Cantares gallegos · 第 111 / 116 题