XXXV

_Eu cantar, cantar, cantei,_

_A gracia non era moita_,

Que nunca (delo me pesa)

Fun eu meniña graciosa.

Cantei como mal sabía

Dándolle reviravoltas,

Cal fán aquês que non saben

Direitamente unha cousa.

Pero dempois paseniño,

Y un pouco máis alto agora,

Fun votando as miñas cántigas

Como quen non quer á cousa.

Eu ben quixera, é verdade,

Que máis boniteiras foran;

Eu ben quixera que nelas

Bailase ó sol c’ as pombas,

As brandas auguas c’ á luz

Y os aires mainos c’ as rosas.

Que nelas craras se visen

A espuma d’ as verdes ondas,

Do ceu as brancas estrelas,

Da terr’ as prantas hermosas,

As niebras de cor sombriso

Qu’ aló nas montañas voan;

Os berros do triste moucho,

As campaniñas que dobran,

A primadera que ríe

Y os paxariños que voan.

Canta que te canta, mentras

Os coraçóns tristes choran.

Esto e inda máis, eu quixera

Desir con lengua graciosa;

Mas donde á gracia me falta

O sentimiento me sobra,

Anqu’ este tampouco abasta

Para expricar certas cousas,

Qu’ á veces por fora un canta

Mentras que por dentro un chora.

Non me expriquei cal quixera

Pois son de expricansa pouca;

Si gracia en cantar non teño

O amor da patria m’ afoga.

_Eu cantar, cantar, cantei,_

_A gracia non era moita_,

¡Mais qué faser, desdichada,

Si non nacín máis graciosa!

Cantares gallegos · 第 109 / 116 题