IV

Probe Galicia, non debes

Chamarte nunca española,

Qu’ España de ti s’ olvida

Cando eres, ¡ay!, tan hermosa.

Cal si na infamia naceras,

Torpe, de ti s’ avergonza,

Y á nay qu’ un fillo despreça

Nay sin coraçón se noma.

Naide por que te levantes

Ch’ alarga á man bondadosa;

Naide os teus prantos enxuga,

Y homilde choras e choras.

Galicia, ti non tés patria,

Ti vives no mundo soya,

Y á prole fecunda tua

S’ espalla en errantes hordas,

Mentras trist’ e solitaria

Tendida na verde alfombra

O mar esperanzas pides,

De Dios á esperanza imploras.

Por eso anqu’ en son de festa

Alegre á gaitiña s’ oya,

_Eu podo decirche_

_Non canta, que chora_.

V

«Espera, Galicia, espera»

¡Cánto este grito consola!

Páguecho Dios, bon poeta,

Mais é unha esperanza louca;

Qu’ antes de qu’ os tempos cheguen

De dicha tan venturosa,

Antes que Galicia suba

C’ á cruz qu’ ó seu lombo agobia

Aquel difícil camiño

Qu’ ô pé d’ os abismos toca,

Quisáis cansada e sedenta,

Quisáis que d’ angustias morra.

Págueche Dios, bon poeta,

Esa esperanza de groria,

Que de teu peito surxindo,

Á virxen-mártir coroa,

Y esta á recompensa sea

D’ amargas penas tan fondas.

Páguech’ este cantar triste

Qu’ as nosas tristezas conta,

Que soyo ti..., ¡ti entre tantos!,

D’ as nosas magoas s’ acorda.

¡Dina voluntad d’ un xenio,

Alma pura e xenerosa!

E cando á gaita gallega

Aló nas Castillas oyas,

O teu coraçón pergunta,

Verás que che di en reposta

_Qu’ a gaita gallega_

_Non canta, que chora_.

Cantares gallegos · 第 96 / 116 题