II

Franca, pura, sin enganos,

Canta, canta, garruleira,

Ó pe da verde silveira

Laband’ os seus brancos panos.

Ó son dos romores vanos

Que nacen cá mañanciña,

Lava, lava na fontiña.

—

Xunto d’ ela os paxariños

Gorgorexan qu’ é un contento,

Faille festiñas ó vento

C’ os seus hirmáns os airiños.

Os pastores, coitadiños,

Cantanlle ó doçe _a... la... la..._

Que lengua de amores fala.

—

Ela honesta está escoitando,

Mais con sospiros responde,

Qu’ aló garda non sei dónde

Saudades de non sei cándo.

Os paniños vay lavando

E á tendelos s’ apresura

Nun campiño de verdura.

—

Dempois no rego que pasa,

Verte unha vagoa serena,

Filla da escondida pena

Qu’ o seu peitiño traspasa.

Pois que d’ amores s’ abrasa

Aquela qu’ é fresca rosa

Tan amante como hermosa.

—

Compañeiras van chegando

Cal máis á máis ven portada,

Xarros de louza vidrada,

Antr’ os seixos van pousando.

Cay á auguiña mormuxando,

Brancas vinchas se levantan,

As meniñas cantan..., cantan.

—

As estrelas van fuxindo

A espesa niebra enrarece,

O arboriño que frorece

Por antr’ ela vay sahindo.

O craro sol vay subindo

Por riba do firmamento,

Limpo, garrulo e contento.

—

Arredor tod’ arrescende

A olido de primadera,

Y á ló n’ azulada esfera

Fogax de groria s’ encende.

Mais á meniña n’ atende

Si non á ó dor ¡mal pecado!

Que ten no peito encravado.

—

Danll’ extrañeza os cantares,

Danlle de chorar deseyos,

Y os ollos de vagoas cheyos,

Pensa nos nativos lares.

Que n’ hay máis tristes pesares,

Máis negra malencolía

Qu’ á qu’ entr’ extraños se cría.

—

Paxariños, verde prado,

Branca lua e sol ardente,

Todo consolo é impotente

En mal tan desconsolado.

Todo contento é trubado

Pó-la peniña sin fondo

Qu’ hay no coraçón abondo.

—

Por eso á meniña hermosa,

Foxe d’ alegre fontiña,

Tal como triste ovelliña

Que trema de dor queixosa.

Vay sentida, vay chorosa,

Mentras lle cantan con saña:

«¡Da montaña!, ¡da montaña!»

—

Y ela, que de tal s’ extraña,

Ferida no que máis sinte,

Qu’ á maltraten non consinte,

Y así lles contesta huraña:

_Anque ché son da montaña,_

_Anque ché son montañesa,_

_Anque ché son, non me pesa._

Cantares gallegos · 第 33 / 116 题