CHANTRE DA CATEDRAL DE SALAMANCA

I

Roxiña cal sol dourado,

Garrida cal fresca rosa,

Iba pó-lo monte hermosa

Có branco pe descalzado...

Copo de neve pousado,

Deslumbrando á luz do día,

Tan branco pe parecía.

—

As longas trenzas caídas,

Con quen os ventos xogaban,

Ondiñas d’ ouro formaban

Na branca espalda tendidas;

Apertadas e bruñidas

Qu’ espigas eran, coidara

O que de lonxe as mirara.

—

Tiñan os cores do mare,

Os seus olliños dormentes,

Máis doçes, máis transparentes,

Naide os poidera encontrare;

Naide velos sin amare

O coraçón sin falsía,

Que por antr’ eles se vía.

—

Levaba na frente á yalma,

Nos doçes labios á risa,

Auguiña que ó vento enrisa,

Pousaba no fondo en calma.

Tal como gallarda palma

Cimbrase con folgura

A delgadiña cintura.

—

Ó par da brisa temprada

Qu’ antr’ os salgueiros corría,

Ela correndo seguía

Unha veiriña encantada.

Qu’ alí mansa e sosegada

Manaba unha fresca fonte

Cabo da falda do monte.

Cantares gallegos · 第 32 / 116 题