I
Vint’ unha crara noite,
Noitiña de San Xoán,
Poñend’ as frescas herbas
Na font’ á serenar.
E tan bonit’ estabas,
Cal rosa no rosal,
Que d’ orballiño fresco
Toda cubert’ está.
Por eso namorado,
Con manso sospirar
Os meus amantes brazos
Voteiche pó-lo ban.
E ti con doçes ollos
E máis doçe falar,
Meiguiña m’ envoucastes
En pracido solás.
As estrelliñas todas
Qu’ aló no espaço están,
Sorrindo nos miraban
Con soave craridá.
E foron, ¡ay!, testigos
D’ aquel teu sospirar
Qu’ ô meu correspondía
Con amoriño igual.
Pero dempois con outros
Máis majos e galans
(Mais non que máis te queiran,
Qu’ haber non haberá),
Tamén, tamén, meniña,
Soupeches praticar
A sombra dos salgueiros
Cabo do romeiral.
Por eso eu che cantaba
En triste soledá,
Cando, ¡ay de min!, te vía
Con eles parolar.
Coida, miña meniña,
Das práticas que dás,
_Que donde moitos cospen,_
_Lama fan_.