Nasín cand’ as prantas nasen,
Nô mes das froles nasín,
Nunh’ alborada mainiña,
Nunh’ alborada d’ abril.
Por eso me chaman Rosa,
Mais á dó triste sorrir,
Con espiñas para todos,
Sin ningunha para ti.
Des que te quixen, ingrato,
Tod’ acabou para min,
Qu’ eras ti para min todo,
Miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
Cando sabes que morrera
Por te contemplar felís?
Duro crabo me encrabaches
Con ese teu maldesir,
Con ese teu pedir tolo
Que non sei qué quer de min,
Pois dinche canto dar puden
Avariciosa de ti.
_O meu corasón che mando_
_C’ unha chave par’ ó abrir,_
_Nin eu teño máis que darche,_
_Nin ti máis que me pedir._