Grande atrevemento é sin duda prá un probe inxenio com’ ó que me
cadrou en sorte dar á luz un libro cuyas páxinas debían estar cheyas
de sol, d’ armonía e d’ aquela naturalidade que unida á unha fonda
ternura, á un arrulo incesante de palabriñas mimosas e sentidas,
forman á mayor belleza d’ os nosos cantos populares. A poesía
gallega, toda música e vaguedade, toda queixas, sospiros e doçes
sonrisiñas, mormuxando unhas veces c’ os ventos misteriosos d’ os
bosques, briland’ outras c’ ó rayo de sol que cai sereniño por enriba
d’ as auguas d’ un río farto e grave, que corre baixo as ramas d’ os
salgueiros en frol, compríalle para ser cantada un sprito subrime e
cristaiño, si así ó podemos decir, unha inspiración fecunda, com’
á vexetación que hermosea esta nosa privilexiada terra, e sobre
todo un sentimento delicado e penetrante prá dar á conocer tantas
bellezas de pirmeiro orden, tanto fuxitivo rayo d’ hermosura como se
desprende de cada costume, de cada pensamento escapado á este pobo
á quen moitos chaman estúpido, e á quen quisáis xusguen insensibre,
extraño a devina poesía. Mais naide ten menos qu’ eu teño as grandes
cualidades que son precisas prá levar á cabo obra tan dificile,
anque naide tampouco se pudo achar animado d’ un máis bon deseo prá
cantar as bellezas da nosa terra n’ aquel dialecto soave e mimoso que
queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demáis linguas
en doçura e armonía. Por esto, inda achándome débil en forzas, e n’
habendo deprendido en máis escola qu’ á d’ os nosos probes aldeáns,
guiada sólo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e
aqueles xiros nunca olvidados que tan doçemente resoaron nos meus
oídos desd’ á cuna, e que foran recollidos pó-lo meu coraçón como
harencia propia, atrevinme á escribir estos cantares, esforzándome
en dar á conocer cómo algunhas d’ as nosas poéticas costumes inda
conservan certa frescura patriarcal e primitiva, e cóm’ ó noso
dialecto doçe e sonoro é tan apropósito com’ ó pirmeiro para toda
clase de versificación.
As miñas forzas é certo quedaron moito máis abaixo d’ ó que
alcançaran os meus deseyos, e por eso, comprendendo cánto poidera
facer nesto un gran poeta, dóyome inda máis da miña insuficença. O
_Libro d’ os Cantares_ de D. Antonio Trueba, que m’ inspirara e der’
alento prá levar á cabo este traballo, pasa pó-lo meu pensamento
com’ un remorso, e casi asoman as vagoas ôs meus ollos ó pensar cómo
Galicia se levantaría hastr’ ó lugar que lle corresponde si un poeta
como Anton ó d’ os _Cantares_ fose ó destinado prá dar á conocer as
suas bellezas e as suas costumes. Mais á miña infeliz patria, tan
desventurada nesto como en tod’ ó máis, tense que contentar c’ unhas
páxinas frías e insulsas, qu’ apenas serían dinas d’ achegarse de
lonxe âs portas dó Parnaso, como non fosse pó-lo nobre sentimento que
as creou. ¡Qu’ esto mesmo me sirva de disculpa prá os que xustamente
quirtiquen as miñas faltas, pois penso que ó que s’ esforça por
desvanecer os errores que manchan e ofenden inxustamente á sua patria
é acreedore á algunha indulxencia!
Cantos, vagoas, queixas, sospiros, serans, romerías, paisaxes,
debesas, pinares, soidades, ribeiras, costumes, tod’ aquelo, en fin,
que pó-la sua forma e colorido é dino de ser cantado, todo ó que
tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fosse, con tal que
chegase á conmoverme, tod’ esto m’ atrevín á cantar neste homilde
libro prá desir unha vez siquera, y anque sea torpemente, ôs que
sin razón nin conocement’ algún nos despreçan, qu’ a nosa terra é
dina d’ alabanzas, e qu’ a nosa lingua non é aquela que bastardean
e champurran torpemente nás máis ilustradísimas provincias, c’ unha
risa de mofa, qu’ á desir verdade (por máis qu’ esta sea dura),
demostra á iñorancia máis crasa y á máis imperdoable inxusticia que
pode facer unha provincia á outra provincia hirmán, por probe qu’
ésta sea. Mais he aquí qu’ ó máis triste nesta cuestión é á falsedade
con que fora d’ aquí pintan, así ôs fillos de Galicia com’ á Galicia
mesma, á quen xeneralmente xuzgan ó máis despreciable e feyo d’
España, cando acaso sea ó máis hermoso e dino d’ alabanza.
Non quero ferir con esto á susceptibilidade de naide, anque á decir
verdade, ben poidera perdonárselle este pequeno desafogo á quen tan
ferida foy de todos. Mais, eu qu’ atravesei repetidas veces aquelas
soledades de Castilla, que dan idea d’ ó deserto; eu que recorrín
á feraz Extremadura e á extensa Mancha, dond’ ó sol cai á promo
alomeando monótonos campos, donde ó cor d’ á palla seca prest’ un
tono cansado ó paisaxe que rinde e entristece ó esprito, sin unha
herbiña que distraya á mirada que vai perderse nun ceo sin nubes,
tan igual e tan cansado com’ á terra que crobe; eu que visitei os
celebrados arredores d’ Alicante, dond’ os olivos, có seu verd’
escuro, sembrados en fila e de raro en raro parecen chorar de verse
tan solitarios, e vin aquela famosa horta de Murcia, tan nomeada, e
tan alabada, e que, cansada e monótona com’ ó resto d’ aquel paíse,
amostra á sua vexetación tal como paisaxes pintados nun cartón con
árbores postos simétricamente e en carreiriños para divertisión d’
os nenos, eu non podo menos d’ indignarme cand’ os fillos d’ esas
provincias que Dios favoreceu en fartura, pero non ná belleza d’ os
campos, búlranse d’ esta Galicia competidora en clima e galanura
c’ os países máis encantadores da terra; esta Galicia donde todo é
espontáneo na natureza e en donde á man do home cede ó seu posto á
man de Dios.
Lagos, cascadas, torrentes, veigas froridas, valles, montañas,
ceos azues e serenos com’ os d’ Italia, horizontes nubrados e
malencónicos, anque sempre hermosos com’ os tan alabados da Suiza;
ribeiras apacibres e sereniñas, cabos tempestuosos qu’ aterran e
adimiran pó-la sua xigantesca e xorda cólera..., mares inmensos...,
¿qué direi máis? Non hay pruma que poida enumerar tanto encanto
reunido. A terra cuberta en tóda-las estacións de herbiñas e de
frores; os montes cheyos de pinos, de robres e salgueiros; os
lixeiros ventos que pasan; as fontes y os torrentes derramándose
fervedores e cristaiños, vran e inverno, xa pó-los risoños campos,
xa en profundas e sombrisas ondanadas... Galicia é sempre un xardín
donde se respiran aromas puros, frescura e poesía... E á pesar d’
esto chega á tanto á fatuidade d’ os iñorantes, á tanto á indina
preocupación que contra á nosa terra existe, qu’ inda os mesmos que
poideron contemprar tanta hermosura (xa non falamos d’ os que se
bulran de nos sin que xamáis nos hayan visto nin ainda de lonxe,
que son os máis), inda os que penetraron en Galicia e gozaron d’
as delicias qu’ ofrece, atrevéronse á decir que Galicia era...
¡¡un cortello inmundo!!... ¡Y éstos eran quisáis fillos... de
aquelas terras abrasadas d’ onde hastra os paxariños foxen!... ¿Qué
diremos á esto? Nada máis si-non que taes fatuidades respecto de
noso país, teñen algunha comparanza c’ as d’ os franceses ô falar
d’ as suas eternas vitorias ganadas ôs españoles. España, nunca,
nunca os venceu; pó-lo contrario, sempre saleu vencida, derrotada,
homillada, e ó máis triste d’ esto é que _val_ antr’ eles tan infame
mentira, así como _val_ prá á seca Castilla, prá á deserta Mancha
e prá tóda-las demáis provincias d’ España--ningunha comparada en
verdadeira belleza de paisaxe có á nosa--, que Galicia é ó rincón
máis despreciable da terra. Ben din que todo neste mundo está
compensado, e ven así á sofrir España d’ unha nación veciña que
sempre á ofendeu á misma inxusticia qu’ ela, inda máis culpabre,
comete c’ unha provincia homillada de quen nunca s’ acorda, como no
sea prá homillala inda máis. Moito sinto as inxusticias con que nos
favorecen os franceses, pró neste momento casi lles estou agradecida,
pois que me proporcionan un medio de facerlle máis palpabre á España
á inxusticia qu’ ela á sua vez conosco comete.
Foy este ó móvil principal que m’ impeleu á pubricar este libro,
que máis que nadie conoço que necesita á indulxencia de todos. Sin
gramática nin regras de ningunha clás, ó lector topará moitas veces
faltas d’ ortografía, xiros que disoarán ôs oídos d’ un purista;
pró ô menos, e prá disculpar en algo estos defectos, puxen ó mayor
coidado en reprodusir ó verdadeiro esprito d’ ó noso pobo, e penso
qu’ ó conseguín en algo..., si ben de unha maneira débil e froxa.
¡Queira ó ceo qu’ outro máis afertunado qu’ eu poida describir c’
os seus cores verdadeiros os cuadros encantadores que por aquí s’
atopan, inda no rincón máis escondido e olvidado, prá qu’ así, ô
menos en fama, xa que non en proveito, gane e se vexa c’ o respeto e
adimiración merecidas esta infortunada Galicia!
I
_As de cantar_
_Que ch’ ei de dar zonchos;_
_As de cantar_
_Que ch’ ei de dar moitos._
I
«As de cantar,
Meniña gaiteira,
As de cantar,
que me morro de pena.
Canta, meniña,
Na veira da fonte,
Canta, dareiche
Boliños do pote.
Canta, meniña,
Con brando compás,
Dareich’ unha proya
Da pedra do lar.
Papiñas con leite
Tamén che darei,
Sopiñas con viño,
Torrexas con mel.
Patacas asadas
Con sal e vinagre,
Que saben á noces,
¡Qué ricas que saben!
¡Qué feira, rapaza,
Si cantas faremos!...
Festiña por fora,
Festiña por dentro.
Canta si queres,
Rapaza do demo,
Canta si queres,
Dareich’ un mantelo.
Canta si queres,
Na lengua qu’ eu falo,
Dareich’ un mantelo,
Dareich’ un refaixo.
Có son da gaitiña
Có son da pandeira,
Che pido que cantes,
Rapaza morena.
Có son da gaitiña,
Có son do tambor,
Che pido que cantes,
Meniña, por Dios.»