Si é que escoitades cando ó sol morre,
Cando á ovelliña no monte bala,
Un canto tenro, vago e subrime
Que commovida vos deixa a yalma;
Un canto brando pero queixoso
Que de pasados recordos fala,
E o mellor canto da nossa terra,
E o _alalalaa_.
Cántan-o as mozas que o gando coidan,
Cántan-o os homes que os eidos labran,
Cantando os nenos que san da escola
Van isa cántiga...
¡Ay que feitizos eiqui en Galicia
Ten ó _alalalaa...!_
Cand'os gallegos morren de coitas
Entr'os misteiros d' as suas montanas,
Entoan ó canto con moita forza,
Y-enton semellan, nas enramadas,
Ises gorxeos dos roulsinores
Cando saudan á lus da yalba,
Ises murmuxos que ten-o rio,
Ises concertos que fan as auras...
Dempois qu' o entoan con moita forza
Con toda a forza da sua yalma,
Van-o baixando pouquiño a pouco
Hastra que logo na gorxa esmaya,
Como unha queixa que leva o vento,
Cal un sospiro qu'o peito garda.
¡Ay! non m' esquenzen d' aquella tarde
As oxe mortas legrias santas,
Cando eu ouvia por ves primeira,
Aló no monte, lonxe, o _alalalaa!..._
¿Qué canto e ise?--eu perguntéille
A unha garrida xóven aldeana
Qu' un feixe d' erba, na sua cabeza
Chea de negros rizos, levaba,--
Y ela miróume co aquilos ollos
Qu' a duas estrellas s' assemellaban,
E co-a sonrisa nos roxos lábios,
Asina dixo con moita gracia:
«A cantiguiña qu' astra nos chega
Conmovedora, doida, branda,
E o feitizo d'istas ribeiras,
A compañeira da nossa yalma,
E o consolo das penas fondas,
O pano limpo que enxuga as vágoas,
O millor canto da nossa terra,
E o _alalalaa!..._
O meu cortexo veira da fonte,
E n' unha noite de lua crara,
Vendo que estaba cantando, estraida,
Sonando amores, un _alalalaa..._
Díxome logo qu' enchin á ola
E cando ó pobo m' encamiñaba:
--«Por Dios che rogo que cando estemos
Os dous soliños, miña Mariana,
Si é que non queres me volva tolo,
Non mais entoes ise _alalalaa...;_
Seica che deron iman as meigas,
Seica che deron sua voz as fadas;
Tí fasme dano, si é que me queres
Miña xoiña, non cantes, cala.--»
¡Meu Dios! ¿qu' estrano é que se volvan
Loucas d'amores as aldeanas,
Si ti puxeches no chao gallego
As melodias d' un _alalalaa?..._
Ise lenguaxe do sentimento,
Isa amorosa doida cántiga,
Forte ó comenzo, tenra no tono,
E lastimeira, cando s' apaga:
E necesairo non ter no peito
Un sentimento nobre, nin alma
Pra que indifrente pódea escoitar-se
Aló nas noites de lua crara
Nista adourada bendita terra,
Un _alalalaa..._
Cando se queixan os paxariños,
Cando murmuxan as frescas augas,
Cando os prefumes do val s' esparxen,
Cando sospiran as ledas auras,
E cando as tristes campás d'a irexia
Dobran ás animas,
¡Ay! que feitizos eiqui en Galicia
Ten o _alalalaa..._
VALENTIN L. CARVAJAL, _Espiñas, follas
e frores_, p. 5. Ourense, 1876.