Díxome nantronte ó Cura
Qu’ é pecado...
Mais aquel de tal fondura
Como ó facer desbotado.
Dalle que dalle ó argadelo,
Noite é día,
E pensa e pensa n’ aquelo,
Porfía que te porfía...
Sempre malla que te malla,
Enchendo á cunca,
Porque ó que ó diantre traballa
Din que acaba tarde ou nunca.
Canto máis digo _¡arrenegado!_,
_¡Demo fora!_,
Máis ó demo endemoncrado,
M’ atenta dempois y agora.
Mais ansias teño, mais sinto,
¡Rematada!,
Que non me queira Xacinto
Nin solteira nin casada.
Porque d’ este ou d’ outro modo,
A verdá digo,
Quixera atentalo e todo,
Como m’ atenta ó enemigo.
¡Que é pecado..., miña almiña!
Máis que sea;
¿Cál non vay, s’ é rapaciña,
Buscando ó que ben desea?
Nin podo atopar feitura,
Nin asento,
Que me está dando amargura
Sempre este mal pensamento.
Din que parês lagarteiro
Desprumado,
S’ é verdad, ¡meu lagarteiro
Ten-m’ ó coraçón prendado!
«Cara de pote fendido»,
Ten d’ alcume;
Mellor que descolorido
Queróo tostado de lume.
S’ elas calente miraran
Meu amore,
Nin toliña me chamaran,
Nin ti me fixeras dore.
Vino unha mañana d’ orballo,
Á mañecida,
Durmindo ô pe d’ un carballo,
Enriba d’ a erba mollida.
Arrimeime paseniño
A sua veira,
E sospiraba mainiño
Como brisa mareeira.
E tiña á boca entr’ aberta,
Com’ un neno
Que mirand’ ó ceu desperta
Deitadiño antr’ ó centeno.
Y as guedellas enrisadas
Lle caían,
Cal obellas en manadas,
Sobre as froliñas que abrían.
¡Meu Dios! ¡Quén froliña fora,
Das d’ aquelas...
Quen as erbas qu’ en tal hora,
O tiñan pretiño d’ elas!
¡Quén xiada, quén orballo,
Qu’ ó mollou!
¡Quén aquel mesmo carballo
Que c’ as pónlas ó abrigou!
Mentras qu’ así ó contempraba
Rebuleu,
E pensei que me afogaba,
O corazonciño meu.
Bate que bate, batía
Sin parar,
Mais eu tembrando decía,
Agora ll’ ei de falar.
E volveu á rebulir
Muy paseniño,
¡Ay!, e votei á fuxir,
Lixeira pó-lo camiño.
Despois chora que te chora
Avergonzada,
Dixen:--S’ el non me namora,
Non lle direi nunca nada.
E non me namora, non,
¡Maldizoado!
Mentras ó meu coraçón
Quérelle anque sea pecado.
E vai tras d’ outras mociñas
Tan contento,
Y eu, con unhas cadiñas
Prendino ô meu pensamento.
E que queira que non queira,
Está conmigo,
Y á postre, y á derradeira,
Con él m’ atenta ó enemigo.
¡Sempre malla que te malla
_Enchendo á cunca!_
_Y é qu’ ó qu’ ó demo traballa,_
_Acabará tarde ou nunca._
Por eso, anqu’ ó Cura dixo
Qu’ é pecado,
Mal que tanto mal me fixo,
Nunca ó darei desbotado.
X
«Quixente tanto, meniña,
Tivenche tan grande amor,
Que para min eras lua,
Branca aurora e craro sol,
Augua limpa en fresca fonte,
Rosa do xardín de Dios,
Alentiño do meu peito,
Vida do meu corazón.»
Así che falín un día
Camiñiño de San Lois,
Tod’ oprimido d’ angustia,
Todo ardente de pasión;
Mentras que ti m’ escoitabas,
Depinicando unha frol,
Por qu’ eu non vise os teus ollos
Que refrexaban traiciós.
Dempois que _sí_ me dixeches,
En proba de teu amor,
Décheme un carabeliño,
Que gardín no corazón.
¡Negro carabel maldito
Que me fireu de dolor!...
Mais á pasar pó-lo río
¡O carabel afondou!...
_«Tan bó camiño ti leves_
_Com’ ó carabel lebou.»_